Campo da Feira gana en Laxe e na clasificación colle máis vantaxe
A area da praia de Laxe vestía de luz miúda, a temperatura superaba os 20 graos e o son das ondas apagaba as corcheas da madeira voadora. Os primeiros golpes facían asubiar as billardas que aterraban na fariña da praia. As xogadoras descalzábanse, os xogadores arremangábanse e as crianzas brincaban de ledicia e de entusiasmo. Todo disposto para comezar e todo comezou ás 11 horas. Paseniño, os seres humanos que exercían de xogadores e xogadoras foron caendo na conta de que este escenario non ía conceder puntos con tanta facilidade, máis ben, as facilidades para non entrar no varal foron numerosas. Con dicir que ningún competidor entrou no varal en todas as carreiras e só 2 competidores, Bonxe e Óscar Ponte foron os únicos que fallaron (non entraron) só 1 carreira, todas as demais persoas que xogaron fallaron (non entraron) en 2 carreiras ou máis carreiras. Unha desfeita de puntuacións. Así, Bonxe e Óscar con 16 ptos tiveron as puntuacións máis altas, despois con 15 ptos, Collazo e Abel Ponte e con 14 ptos David. O resto por debaixo dos 14 ptos.
Despois da Fase de Grupos comezaron as carreiras para completar o podio da xornada. Nesta Fase de cruces eliminatorios o mellor e ganador da xornada foi Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo, segundo quedou Abel Ponte de Campo da Feira de Paiosaco e terceiro Abel Regueiro de Cochiqueiros de Cerceda. En Categoría Feminina, foi primeira Delia de Río Miño de Castro de Rei, segunda Sonia de Cochiqueiros e terceira Lola de Rinoceronte de Santiago. En Categoría Infantil, venceu Valentín de Filloas de Sangue da Coruña, segundo quedou Kevin de APB A Laracha e terceira Virgi de Filloas.
Un ano máis o Concello de Laxe colaborou coa Federación Galega de Deporte Autóctono, Modalidade Billarda, facendo as xestións para poder usar o magnífico espazo de xogo da praia de Laxe, así como, achegando os agasallos de productos de comercio local entre os que estaba a recoñecida Tortilla doce do Peñón e unha empanada. Estivo no acto protocolario de entrega de premios Raquel Lema Allo a concelleira de Comercio, Turismo, Hostalería, Cultura e Protección Civil.
Vaia, o canto xa se volveu viral nas redes sociais e nos locais de música da Comarca de Bergantiños. Esta melodía pegadiza non para de soar e soar nos cerebros das persoas que a escoitan. Coma un virus, certo, entra no organismo e domínao ata o sometemento. Os síntomas son a repetición inconsciente do ritmo unha e outra vez. Por favor, advertimos que é material moi sensible. Se o escoitas unha soa vez quedarás contaxiada, contaxiado para sempre.
Estabas avisada, estabas avisado. Agora, xa non hai marcha atrás, xa non hai remedio. Estás condenada a repetir este mantra toda a túa vida. En fin, Campo da Feira non tivo rival sobre a area de Laxe. As Panteiras de Cerceda mantiveron o tipo e conservan a segunda praza da xeral. APB segue en crise de resultados. Nesta xornada notou as ausencias de Cotelo e Añón e da sección Trasancos. Vai ter que sufrir non só para optar ao título senón tamén para desbancar a Cochiqueiros da segunda posición. As Panteiras Rosa tiveron as baixas de Berdi, Boquete e Viqueira, de vacacións polo Mediterráneo e, non obstante defenderon a segunda praza e aínda conseguiron máis renda sobre o terceiro clasificado APB. Filloas tivo unha actuación boa con só 3 ptos menos que APB. Miranda non estivo en Laxe e a súa ausencia sempre se nota, pois é un xogador moi regular que case sempre suma para o equipo.
En canto á Clasificación Individual Absoluta a igualdade impera e os 10 xogadores primeiros da xeral están a unha distancia de 7 ptos. Este sistema de puntuación novo parece que axudará a manter a emoción polo título e polas prazas de podio durante moitas xornadas. Abaixo queda o vídeo de Laxe.
FOTOS