LAXE sobre a area da praia, xogar billarda e vestir a saia.
Os feitos e sucesos do pasado fixeron de Laxe un lugar no que xogar billarda na praia era un privilexio que trocou en excepción, tan de súpeto que ninguén o entendeu ou, mellor expresado, ninguén o comprendeu. Algunhas persoas razoaban sobre o cambio climático, outras que os malos augurios da nova era planetaria, outras que o espectro dun barco naufragado, outras… e non paraba de chover o día que había partida de billarda programada na praia de Laxe. Ben, os acontecementos son os seguintes. Comezou a xogarse en Laxe na temporada 2014-15. Concretamente, en xaneiro de 2015 chegou por vez primeira unha xornada de LNB á area de Laxe. A temporada seguinte volveuse a xogar en area e foi por marzo 2016. A partir desa temporada a influencia anticiclónica evitou achegarse a Laxe durante a celebración dunha xornada de billarda. Así, na temporada 2016-17 por novembro houbo que xogar en pavillón. O mesmo sucedeu a temporada seguinte por marzo. Na 2018-19 foi por abril e tamén choveu e houbo que refuxiarse no pavillón. Na Temporada 2019-20, con bo criterio, non houbo xornada en Laxe, para que as deusas de Bergantiños non collesen xenreira nin manía a este marabilloso deporte da billarda. Na temporada 2020-21 xogouse en xuño, por mor da pandemia e tamén choveu en xuño. Na 21-22 xogouse en outubo e na 22- 23 en setembro, non obstante, a choiva ameazou as billardas e o pavillón foi o seu acubillo necesario. Pois ben, sete anos e case sete meses despois, semella, parece e todo indica que vai mudar o conto e o relato. Para o domingo próximo o sol vai estar bondadoso e ofrecerá máis de 20 graos aos corpos que se movan por enriba da area da praia de Laxe buscando ese anaquiño de madeira voadora.
A vitoria irrefutable de Campo da Feira na primeira xornada e o cuarto posto do actual campión APB indica que o equipo de Paiosaco non quere ser sorprendido como a temporada pasada. Nesa xornada inicial de Arteixo o equipo feirante probou un novo xeito de estimular os seus xogadores e xogadoras. Así, antes de golpear a billarda actívase desde a megafonía un canto que busca por un lado acolloar, amedrentar e atemorizar a uns seres humanos e, por outro, animar, estimular, alentar e afoutar a outras persoas. Segundo os usos e costumes antigos, este himno de afouteza naceu en 1961 no vello Porta Santa e o seu efecto está tan contrastado como o da Haka neozelandesa. Como haberá quen descoñeza os efectos máxicos deste elixir de decibelios aquí queda unha mostra duns poucos segundos.
Agora imaxinade o que é estar escoitando e oíndo este son durante 2 horas de billarda… Si, esta temporada Campo da Feira vai ser campión ou, noutro caso, vai revolucionar a produción de silicona e a posterior compra de tapóns para oídos.
Esta segunda xornada ten a característica da superficie de area do campo de xogo, cousa que sempre repercute nas puntuacións. Non é tan doado entrar no varal como en superficies duras. Nada que ver coa superficie de cemento da praza do Corgo do Grove na que se disputou a Copa Xunta e na que a representación Noroeste levouse o triunfo con Miguel Cancela. Semella que o Noroeste está máis preparado para vencer en torneos televisados e que se disputen nas Rías Baixas. Así, despois da vitoria da temporada pasada de Ricardo Torres de APB, este ano foi Miguel Cancela de Campo da Feira. Tamén, pode ser unha tendencia, xa que, no Torneo de Seleccións televisado en xullo o Norte venceu e convenceu.
APB ten ben claro que a actuación de Roi na Copa foi un punto e aparte ou un punto e final. Despois do título da temporada pasada o equipo relaxouse no método de adestramento espartano que o Rei Vilas impuxera. O camiño do triunfo é coñecido e non queren apartarse del. Xa está ben de festexar, “menos samba e máis traballar, menos samba e máis traballar“, repite o Rei.
Por outra beira, unha nova de última hora chega desde Cerceda. As Panteiras de Cochiqueiros da Billarda, que ocupa a segunda posición vai ter a ausencia de dous xogadores moi valiosos, Berdi e Viqueira, que xa están en Italia para xogar na Liga Italiana de Lippa (L.I.L.). Ollo que o poder económico e gastronómico desta liga emerxente pode desestabilizar a Liga Atlántica e baleirar de talentos o Noroeste. De momento, asinaron un contrato temporal que poderá ser indefinido se o seu rendemento é aceptable.
Tamén, Filloas recibiu unha oferta case indecente para que o seu zurdo de ouro iniciase unha aventura nun equipo do sur do país, o Napoles Lippa. De momento, o equipo herculino non acepta as condicións e rexeita que Valentín xogue na LIL. Despois da actuación de Valentín na Copa celebrada no Grove o pasado sábado 16 de setembro co seu mítico baileciño, os equipos italianos de Lippa queren nacionalizar ao ZZURDO de Filloas para xogar coa AZZURRA.