Mércores, Setembro 11, 2024
ActualidadeXornada

Sanxenxo acolle a Liga Atlántica de Billarda no campo de Nantes

Sábado 30 de setembro disputarase a segunda xornada da Liga Atlántica de Billarda 2023-24 no Campo de Billarda de Nantes, Sanxenxo. O único campo de billarda de toda a Comarca do Salnés será escenario da mellor competición de billarda do mundo. O Club Billarda Lúa de Forza Sanxenxo pretende facer un fortín do seu campo, cousa que non vai ser doado, pois, tanto Gharaboto de Marín, como Corredoiras Bueu van ser dous rivais de moito potencial. O equipo sanxenxino é o actual subcampión Galego 2023 e con 2 estrelas de Campión Galego na súa verde camiseta, cousa que non garantiza nada sobre un campo de billarda. Cada xornada é un conto diferente. Ademais, outros equipos como Valpaços Terra Quente de Vigo, Rinoceronte de Pontevedra e Armadiña de Combarro acudirán a Nantes coa saudable intención de vencer e convencer.

A historia dinos que este magnífico campo foi de parto prolongado. Estaba previsto o alumbramento para setembro de 2020 data prevista de inauguración que houbo que adiala primeiro pola choiva e despois pola pandemia de COVID. Finalmente inaugurouse en novembro de 2020 sen competición oficial e houbo que esperar ata maio de 2021 para celebrar a primeira competición oficial. Así, desde o seu nacemento como Campo de Billarda, xogáronse 2 xornadas na temporada 2020-21, 3 xornadas na temporada 2021-22 e 2 xornadas na 2022-23.

Imaxes da primeira xornada oficial no CABID Nantes en plena pandemia, 22 de maio de 2021

Esta Modalidade Deportiva de Billarda ten a particularidade que cada equipo pode presentar o número de xogadoras e xogadores con licenza federativa que queira e a puntuación final do equipo estará determinada pola suma das 4 mellores puntuacións individuais de cada equipo. Despois, tamén están as clasificacións individuais nas que se suman os puntos conseguidos por cada xogador e xogadora para establecer as Clasificacións Individuais Absoluta, Feminina e Infantil. Espérase a presenza de 60 xogadores/as nesta xornada de Sanxenxo da Liga Atlántica de Billarda.

 

De momento, foron ganadores da xornada en Nantes, Cho de Armadiña, Piru de Gharaboto, Che de Rinoceronte, Adri de Corredoiras, Óscar de Armadiña, Chicho de Lúa de Forza e Fari de Corredoiras. Semella que para vencer en Nantes hai que ter un nome dunha sílaba ou como moito de dúas sílabas. Tomade nota, axuda moito ter un dígrafo CH ou dous no nome.

Na categoría de Equipos Gharaboto ten 1 vitoria, igual que Armadiña, Corredoiras ten 2 vitorias e o equipo local Lúa ten 3 vitorias. En fin, os datos son claros para entender que é difícil repetir vitoria na Categoría Individual e na Categoría de Equipos Lúa de Forza domina claramente cando xoga no campo de Nantes (coñecido polo súas iniciais, CABID: Campo de Billarda de Nantes. Por ter nacido en época de COVID é un nome que lle cadra).

Club Billarda LÚA DE FORZA SANXENXO

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *