Sábado, Abril 20, 2024
ActualidadeConferencia NoroesteLiga Nacional de Billarda

Previa 11 xor LNB NOR A Silva Cerceda domingo 9 febreiro

 

Mentres a billarda vai camiño de acadar o lugar de privilexio que lle correspondía no Pindo dos deportes, a LNB non para, e será o vindeiro domingo, 9 de febreiro, na Silva (Cerceda), onde medirán forzas os equipos e palanadores do Noroeste. Esta é a primeira xornada despois de saberse que a Billarda é considerada como deporte pola Secretaría Xeral para o Deporte, e que en breves datas vaise oficializar este recoñecemento de xeito oficial. Entón, os equipos do NOR xa preparan o material e as equipacións axeitadas para enfrontar unha nova etapa no mundo da billarda. Agora, a improvisación, anarquía, desleixo e descoido na preparación física e mental para practicar billarda que caracteriza á LNB NOR terá que dar un xiro radical.

Filloas é o primeiro equipo que reaccionou a esta nova de repercusión mundial. Nas fotos de abaixo vemos ao patrón dos Filloas, Lois Fontán, acompañado do Anacoreta Landras. A primeira das medidas para mellorar as actuacións do equipo máis veterano da LNB NOR foi a de iniciar unha nova traxectoria directa á FinaLNB 2021. “Que mellor que refuxiarse na insoportable soidade do ser”, afirmou Landras.

Primeiro visitaron Fisterra e despois andaron ata o Obradoira, ou sexa, fixeron o Camiño de Santiago ao xeito Filloa, como lles saíu da colloa! Vaia, desde que entrou Landras no equipo podemos confirmar que FIL perdeu o norte e… o sur.

 

Por outra beira, as noticias do recoñecemento da billarda como deporte exaltou a algún xogador que ve en perigo a súa praza na clasificación e ocurríuselle unha pataqueira idea, aniquilar o almacén estratéxico de loxística, tamén chamado cortello antinuclear, do equipo máis en forma da categoría. Con cámara oculta foi gravado este vídeo que xa está en mans do CETI, comité de ética da LNB. Veremos se non hai rexistros nalgún domicilio da Laracha este sábado antes da xornada da Silva.

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *