Mércores, Decembro 11, 2024
ActualidadeXornada

En Arteixo ganou CAMPO DA FEIRA e non foi de malleira

En Arteixo comezou a Liga Atlántica Noroeste. A mañá era brillante, relucente e por momentos rutilante. Moitas novidades eran previstas e anunciadas. Novos equipos e algunha fichaxe. Expectativas? As de sempre, que APB e FEI pugnen polo título. Todo foron pensamentos e palabras que iniciada a competición non acertaron mais que de esguello co que ía pasar e sucedeu. O concello de Arteixo colaborou un ano máis coa FG DEPAU Modalidade Billarda, Noroeste achegando os trofeos e cedendo o uso das magníficas instalacións deportivas.

Nas bancadas non faltaron espectadores, afeccionadas e seareiros que animaron e ben a partida de billarda. Para mostra temos un audiovisual captado no Campo dos Brozos. Mentres o equipo rosado de Cerceda estaba preparando a táctica, desde o alto das bancadas berrábase un cántigo infernal. Destacaba a presenza de seguidores do equipo de Paiosaco, Campo da Feira, que berraban de contento para animar ao seu equipo.

Estes gritos entoados desde as bancadas buscaban atordar aos outros equipos menos habituados a escoitar palabras tan montadas nos decibelios. Recursos admitidos na procura de combidar aos rivais a ese golpe ao aire, o máis temido dos lances nunha partida de billarda.

Semella que Campo da Feira encontrou a causa, vaia, unha das causas, que lle impediu a temporada pasada levarse o título ou, polo menos, así se pode pensar despois de que ganaran a xornada con moita solvencia. Ben, que xogador faltou a esta xornada? Xogador que foi fichado a temporada pasada e foi chegar el e…, si, o sinalado é Moñas. Xogador que a temporada pasada entrou no equipo e… e… vaia, o equipo non ganou a Liga despois de 7 temporadas consecutivas ganando a Conferencia Noroeste. Resumindo, están pensando, os da Feira, que ao Moñas hai que facerlle unha limpeza de aura e despois facelo pasar 7 veces por enriba dun lume en brasas cos pés descalzos.

Pola outra beira, APB quedou cuarto na xornada, por detrás de FEI, de COQ A e de FILL, algo sorprendente a priori. Tamén, o equipo da hemorraxia ten conclusións que tirar da súa actuación. Así, a presenza de Añón, o re-Tornado da Laracha, quen a temporada pasada estivo ausente e só participou nunha xornada, foi tal lastre  que o Galeón de APB afundiu. Esta referencia non é concluente, só orientativa, e o presidente vitalicio do equipo larachés, o Rei Vilas, admite a decepción pola actuación, “O mal resultado puidose deber a moitos motivos e variables, mais o único seguro e indubidable é que APB vai revalidar o título de campión ao final deste tempada“.

 

Cochiqueiros presentou dous equipos o COQ A (de alcume Amish) e o equipo B, que se chama Río Miño. Os Foucellas debutaron como equipo B de C.B. Lúa de Forza que competirá na Noroeste. Gran actuación de FOU que con tan só 5 xogadores, 3 adultos e 2 infantís, acadou os 45 ptos. As festas locais na Chaira provocaron que Río Miño só presentara a Delia. Pois ben, a canariña (alcume polo que se coñece a este novo equipo) conseguiu a vitoria na Categoría Individual Feminina e colocar a Delia como líder da xeral. Ademais, esta conseguíu praza para participar na Copa Xunta de Galicia do vindeiro sábado 16 de setembro, que se disputará no Grove e será televisada en directo pola TVG2.

A xornada ganouna Xan de Lúa de Forza Sanxenxo, segundo foi Roi de APB A Laracha e terceiro Miranda de Filloas de Sangue da Coruña. En Categoría Feminina venceu Delia a “Canariña” de Río Miño da Terra Chá, segunda quedou Merche de APB e terceira Mercedes de Campo da Feira de Paiosaco. Na Categoría Infantil, quedou primeiro Valentín de Filloas, segundo Miguel de Campo da Feira e terceiro Juan de Foucellas. Na Categoría de Equipos A, ganou Campo da Feira, segundo foi Cochiqueiros de Cerceda e terceiro Filloas.

Actuación soberbia de FEI que sumou 80 ptos. Foron estes os 23 puntazos de Eladio, 20 ptos de Abel Ponte, 19 ptos de Xulio Ponte e 18 ptos de Óscar. Non quere comezar como a temporada pasada na que nesta mesma primeira xornada de Arteixo quedara 13 ptos por detrás de APB. Diferenza que lle costou o título, pois ao final a distancia foi de 19 ptos. Isto indica que esa diferenza incial foi un peso demasiado importante. Así, desta vez o equipo presentouse como debe ser, prescindindo de Moñas e dándolle o timón da nave ao cordial, afable e xentil Eladio Varela, “O Zapatos”. COQ A con 72 ptos estivo moi cerca do ganador. Foron determinantes as grandes actuacións de Abel Regueiro con 21 ptos e Berdi con 20 ptos, secundados por David 16 ptos e Viqueira 15 ptos. A sección F de COQ foi a que sufriu un esmorecemento, esperamos que momentáneo e pasaxeiro, e ningunha das súas xogadoras conseguiu entrar no varal durante as 5 carreiras. FILL tivo unha extraordinaria actuación con 70 ptos, grazas sobre todo a Gándara 19 ptos, Valentín 18 ptos, Josecho 17 ptos e Miranda 16 ptos. O equipo mostrouse moi sólido e seguro cos tenores e alegre e entusiasta coa presenza da descendencia Fontán e con Maricarmen. Presentou unha participación feminina de 3 integrantes algo estupendo para o equipo da Coruña. Pensamos que esta temporada FILL ten opcións de praza de finalista, se consegue acudir a todas as xornadas cos seus sete magníficos, Gándara, Miranda, Josecho, Morís, Ínsua, Fontán e Valentín, co seu brazo esquerdo hipermusculado (do tamaño do brazo esquerdo de Rafa Nadal). É o que ten fender leña todos os días e mover o tractor cara atrás empuxándoo (Ai!, cando descubra que o tractor ten marcha atrás) . FOU debuta esta temporada e cun equipo aínda en construción. De todos os xeitos xa mostrou o que pode facer esta temporada. Liderado por Lito Pena con 17 ptos, co infantil Juan 11 ptos, con Miguel 10 ptos e con Alberte  7 ptos conseguíu 45 ptos. Todo vai depender do número de xogadores que poidan acudir a todas as xornadas. O potencial está aí e veremos ata onde pode chegar esta nova escuadra.

 

FOTOS

COPA XUNTA DE GALICIA DE BILLARDA

SÁBADO 16 SETEMBRO

16:30 h.

O GROVE

As prazas para participar na COPA XUNTA DE GALICIA no vindeiro sábado 16 de setembro foron para: Eladio de FEI, Abel Regueiro de COQ, Berdi de COQ, Dalia de MIÑ e Miguel de FEI.

Así, queda completo o cadro de 16 participantes na COPA.

Pola Conferencia Noroeste participarán:

de Campo da Feira, Eladio e Miguel,

de Cochiqueiros, Abel Regueiro e Berdi,

de Filloas de Sangue, Valentín,

de APB Roi e

de Río Miño, Delia.

Pola Conferencia Rías Baixas participarán:

de Gharaboto Piru, Ricardo Lois, Antía e Aldara,

de Corredoiras, Beni e Bego,

de Valpaços Tania e Albino Veiga,

de Lúa de Forza, O Raio Verde Xián.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *