Sábado 16 setembro no Grove, levade a Copa por se chove
Xa está preparado o escenario para disputar a Copa Xunta de Galicia de Billarda 2023. O ano pasado foi Sanxenxo, máis concretamente a praia de Silgar, a que foi pisada polas palanadoras e palanadores da Liga Atlántica de Billarda. Desta vez, a cousa vai ser tamén na Comarca do Salnés, no Grove. Na praza do Corgo, praza céntrica rodeada pola Lonxa e pola Casa do Concello. Quen sucederá a Ricardo Torres de APB da Laracha?
16 participantes que superaron dúas probas de selección. A primeira foi durante a Fase Final 2023. Así, obtiveron praza nesa fase final o Campión e Subcampión na Categoría Individual Absoluta, Beni e Roi, a Campioa e Subcampioa na Categoría Individual Feminina, Antía e Bego, e o Campión e Subcampión na Categoría Individual Infantil, neste caso o campión pasou de categoría, Óscar García e deixoulle a praza a Xián e o mesmo fixo Hugo con Valentín.
A segunda proba selectiva foi durante a primeira xornada da temporada 23-24 en cada unha das Conferencias, xornada disputada a fin de semana do 9 e 10 de setembro. Aquí conseguían praza as 3 maiores puntuacións da Categoría Individual Absoluta, a maior puntuación na Categoría Feminina e a maior puntuación na Categoría Infantil. Isto é, polas Rías conseguiron praza Piru, Ricardo Lois, Albino Veiga, Tania e Aldara. Polo Noroeste, Eladio, Abel Regueiro, Berdi, Delia e Miguel.
A gloria espera por un ou unha destas xogadoras. Deixamos a súa instantánea cun xeito de golpear característico e cada un deles eficaz na maioría das ocasións.
VÍDEO PROMOCIONAL DA TVG