Luns, Outubro 7, 2024
ActualidadeXornada

Ganou a Copa Miguel Cancela, a súa billarda levaba vela

A Copa Xunta de Galicia de Billarda 2023 contou cunha participación total de 16 xogador@, 5 mulleres, e 11 homes. Isto é, unha porcentaxe de participación feminina do 31%, a mesma que hai na Liga Atlántica de Billarda. De entre esta participación total houbo 5 xogador@s en idade infantil, 3 nenos e 2 nenas. Pois ben, toda esta información estatística está documentada e contribúe a que a ledicia e o entusiasmo se manifeste en cada campo de billarda, en cada carreira e en cada praza na que se xogue billarda. Desta vez, foi no Grove onde o público asistente gozou e aplaudiu os golpes na billarda e sentiu como propia a decepción en cada golpe que quedaba no aire.

A TVG2 estivo en directo e achegou a todo o país unha práctica centenaria que busca actualizarse e enraizar no século XXI. Desde a óptica da competición, dicir que a mocidade e o feminismo viñeron para quedar na billarda. Este deporte mostra unha maneira de entender a vida en sociedade que é a de convivir con naturalidade, alegría e respecto. O podio desta Copa evidencia que o campión foi un xogador en Categoría Infantil, Miguel Cancela Iglesias de Campo da Feira de Paiosaco, o subcampión foi un xogador en Categoría Senior, Piru de Gharaboto de Marín, a terceira clasificada foi unha xogadora en Categoría Infantil, Aldara de Gharaboto e a cuarta clasificada da Final foi unha xogadora en Categoría Senior, Bego de Corredoiras Bueu.

Podería afirmarse que o guión deste Torneo de Copa foi elaborado previamente cunha mensaxe moralista de regras de conducta social na que a muller, a infancia e a idade adulta conviven con normalidade, ademais de competir con igualdade de posibilidades e en moitos casos con similitude nos logros. En fin, que hai madeira na infancia para manter este xogo, este deporte revolucionario, vivo durante os próximos meses ou anos ou decenios. Tampouco hai que mostrar o optimismo con desmesura. Para o século XXII haberá outras sementes que medren.

 

O vento foi un ingrediente necesario para un torneo excepcional. Moita xente estivo observando desde as bancadas e desde detrás do valado de cerre do campo de xogo. Espectadores locais e doutros lugares do estado que pasaban uns días na Comarca do Salnés. A tarde foi indo soleada e nubrada ao son que o vento marcaba e cunha temperatura ideal para a práctica da billarda.

Todo comezou unha hora antes das 16:30h. Procedeuse ao sorteo de Grupos. A competición ía desenvolverse en 4 grupos de 4 integrantes que disputarían 3 carreiras e terían 3 golpes en cada carreira para chegar ao varal. Despois desta primera fase de grupos habería unha final. Sería unha final a 4 e de 2 carreiras. Pasarían a esta Final a 4, a mellor puntuación de cada un dos 4 grupos.

Unha vez máis a billarda só premia coa vitoria a quen acerta no momento final e no golpe determinante. Admite o erro nos primeiros golpes e en momentos intermedios da partida sen penalizar o obxectivo de chegar ao podio. Nesta Copa ocorreu o mesmo que sucede en tantas xornadas de Liga. O sorteo elaborou uns grupos máis difíciles de superar e outros máis doados, doados tendo en conta o historial de cada xogadora e xogador. Desta vez, os grupos 1 e 2 semellaban os máis doados e os grupos 3 e 4 os máis difíciles. Os resultados finais corroboraron este análise incial, xa que, as puntuacións máis elevadas déronse no grupo 4, despois no 3, despois no 2 e finalmente no 1.

O grupo 1 empezou con Abel e Miguel entrando no segundo golpe con 3 ptos e Antía e Albino non puntuaron. Na segunda carreira só entrou Miguel no último golpe para poñerse en cabeza do grupo e deixar a Antía e Albino sen posibilidades matemáticas de pasar á Final. Na última carreira decidíase o paso a Final entre Abel e Miguel. Ben, Antía e Albino entraron no segundo golpe para obter 3 ptos. Abel tivo no seu palán o pase e non o aproveitou. Ao non puntuar Abel, Miguel estaba na Final aínda sen puntuar nesta última carreira.

 

No Grupo 2, Beni, actual Campión da LAB partía como favorito para pasar á final. Delia, Aldara e Eladio terían que dar o mellor de si ou o máis regular de si, para ter posibilidades de pasar de grupo. A realidade foi outra e desde o primeiro golpe veuse que Beni non tiña o vento de cara. Delia entrou no segundo golpe da primeira carreira para conseguir 3 ptos. Aldara e Eladio entraron no terceiro para 2 ptos. Beni non entrou. Na segunda carreira Aldara deu un primeiro golpe antolóxico e fixo un varado para conseguir 4 ptos. Beni quedouse sen opcións ao non puntuar nesta segunda carreira. Delia e Eladio acadaron 2 ptos para manter vivas as esperanzas. Así, Aldara con 6 ptos, Delia con 5 ptos e Eladio con 4 ptos chegaban á última carreira. Daquela, a emoción e a tensión amarrou os brazos e os tendóns non puideron dar toda a súa flexibilidade á articulación. Beni entrou con 3 ptos no segundo golpe, mentres Aldara, Delia e Eladio non entraron no varal. Aldara estaba na Final, para sorpresa de todas e todos.

 

O grupo 3 era un dos grupos difíciles e quedou contrastado coa decisión do mesmo na última carreira. Na primeira carreira Tania e Valentín conseguiron 3 ptos. Berdi e Piru non puntuaron. Na segunda carreira so Piru entrou e fíxoo con 3 ptos. Á terceira carreira chegaron empatados Piru, Valentín e Tania con 3 ptos e Berdi con 0 ptos. Nesta última carreira entrou Berdi no segundo golpe, cousa que igualaba aos 4 competidores do grupo a 3 ptos. Golpeou por segunda vez Tania que non entrou e Valentín tampouco o fixo. Despois, Piru entrou no seu segundo golpe e xa dexou o grupo decidido.

O grupo 4 parecía o máis duro e así o foi. Bego e Xián comezaron con 2 ptos. Ricardo Lois e Roi non puntuaron na primeira carreira. Na segunda carreira Roi quedou sen ningunha opción de pasar á Final, pois de novo non puntuou. Ricardo e Xián entraron no segundo golpe con 3 ptos e mantiñan as posibilidades ante o varado impresionante de Bego. Impresionante e inesperado, porque a billarda describiu unha traxectoria que semellaba ir cara á liña de fondo para facer unha curva polo chan e entrar finalmente no varal. Na última carreira Xián meteu presión sobre Bego ao entrar no segundo golpe con 3 ptos para un total de 8. Bego tiña que entrar no segundo golpe tamén para pasar á final ou no terceiro para empatar co Raio Verde. A supercampioa de Bueu entrou con 3 ptos para un total de 9 ptos, a puntuación máis elevada de todos os grupos. As curiosidades deste grupo son que Bego, cunha actuación soberbia na que incluíu un varado, impediu que Xián, con outra actuación magnífica e 8 ptos, quedara fóra da final. Ricardo Lois con 6 ptos tamén quedou fóra, puntuación que en calquera dos outros grupos sería a máis elevada.

 

 

A Final a 2 carreiras mostrou que a billarda ten un grao de deriva no prognóstico impredicible ou cando menos impronunciable. Desta maneira, na Final había 2 claros candidatos, Piru e Bego e 2 claros infantís que se coaran por sorpresa e con ledicia dos seareiros e seareias. Na primeira carreira, Miguel puxo en 3 ptos o seu marcador e Piru en 2 ptos. Bego e Aldara non puntuaron. Todo por decidir para a última carreira, aínda que con vantaxe de Miguel e Piru. Na segunda, Piru entra no segundo golpe e obriga a Miguel a entrar neste mesmo golpe se quere ser campión. Non lle tremeu o pulso ou si lle tremeu, mais ese tremor non lle impediu ao de Paiosaco golpear a billarda para dirixila ao interior do varal e proclamarse Campion da Copa de Billarda. Bego e Aldara entraron con 2 ptos e deberían desempatar para o terceiro posto do podio. Un golpe cada unha e a billarda que máis avanzase sería a ganadora. Aldara quedou terceira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *