No Grove medrou un gran loto que lle chamaron GHARABOTO
Comezou a temporada 2023-2024 da Liga Atlántica de Billarda Rías Baixas, na Praza do Corgo do Grove. Tarde soleada e calorosa en oposición a unha maña de choiva e vento. Había que buscar as sombras e encontralas. O máis veterano dos palanadores en activo do país, Ricardo Basdedios (1938), acompañado pola súa asesora deportiva sentou aos pés dunha desas sombras e… ben que lle sentou. O octoxenario de Lúa de Forza chegou aos 15 ptos e na última carreira entrou en 2 golpes. Foi de menos a máis e porque acabaron as 5 carreiras, senón o varado estaba asegurado na seguinte carreira.
Os equipos mostraron as novas fichaxes, poucas, certo, mais de calidade. Así, Anxo de GHA acadou os 20 ptos e fixo un varado. Sergio de LÚA tamén fixo 20 ptos. A nova adquisición de ARM foi o máis discreto dos debutantes con 9 ptos, non quixo entrar con moito ruído na competición e prometeu ir amodiño. CORREDOIRAS, actual campión Rías Baixas e Liga Atlántica, non necesitou reforzarse e achegouse ao Grove capitaneado por Beni, Campión da Liga Atlántica 2023. O equipo de Bueu pensaba que a cousa ía ser conforme ao dito de que a Liga de Billarda xógana equipos do Sur e do Norte e sempre gana COR. Este adagio levouno o vento da Ría de Arousa. Tan mal non lle foi, quedou en terceira posición. Salientar a actuación de Valpaços que con 75 ptos quedou a 3 ptos de entrar no podio da xornada. Algo que se sustentou nas actuacións estelares de Albino Veiga 24 ptos e Tania 20 ptos e os magníficos 17 ptos de Santiago e 14 ptos de Taxeiro. Será unha alternativa aos 3 grandes equipos Rías Baixas? Verémolo e contarémolo.
Houbo puntuacións moi elevadas e só 3 xogadores de 55 non conseguiron entrar no varal en toda a tarde. Cousa que fala ben da maña, destreza e pericia das xogadoras e xogadores de billarda que actuaron sobre as baldosas do Corgo. Claro está que os varais situáronse a 40 m. e os ptos que se sumaron á clasificación xeral foron só os conseguidos na fase de grupos. A fase de cruces eliminatorios e a final non achegan ptos, como así se acordou polo Comité Técnico antes do comezo da nova temporada. Ademais, o curso de formación e perfeccionamento na arbitraxe da billarda que se celebrou durante o verán vía telemática foi moi ben aproveitado por case todas.
O concello do Grove colaborou coa Federación Galega de Deporte Autóctono Modalidade de Billara na organización da xornada, así como, na entrega dos trofeos aos podios de cada categoría. O concelleiro de Deportes, Kito Parada estivo presente na entrega protocolaria dos premios.
Ganou a xornada Ricardo Lois (nativo e residente do Grove) de Gharaboto de Marín, segunda foi Lucía de Valpaços Terra Quente de Vigo e terceiro quedou Piru de Gharaboto. En Categoría Feminina, a primeira foi Tania de Valpaços, a segunda Bego de Corredoiras Bueu e a terceira Aldara de Gharaboto. En categoría Infantil ganou Xián de Lúa de Forza Sanxenxo, segunda Antía de Gharaboto e terceiro Aki de Rinoceronte de Pontevedra.
En Categoría Equipos A, a vitoria inapelable estivo nos paláns de Gharaboto con 87 ptos. Sumaron os 25 ptos de Piru, os 24 ptos de Ricardo Lois, os 20 ptos do debutante Anxo e os 18 ptos que fixeron tanto Luís Gon como Suso. Lúa de Forza foi segundo con 79 ptos. 23 ptos de Xan, 20 ptos do debutante Sergio, 19 ptos do Raio Verde e 17 ptos de Chicho. Terceiro quedou Corredoiras con 78 ptos. Sumou 23 ptos de Fari, 20 ptos de Bego, 18 ptos de Pena e 17 ptos, tanto de Ricar como de Charri.
Na Categoría Equipos F, Gharaboto F levouse a vitoria con 54 ptos. Sumou 15 ptos Aldara, 14 ptos Elena, 13 ptos Mónica Padín e 12 ptos Antía, segundo quedou Valpaços F con 52 ptos. 20 ptos de Tania, 12 ptos de Lucía, 11 ptos de Belmira e 7 ptos de Yolanda e Irene. Terceiro foi Corredoiras F con 30 pts. Bego achegou 20 ptos e Chefa 10 ptos.
En fin, GHA comezou arrasando con vitoria nas Categorías de Equipos A e F, e na Individual Absoluta. Ademais, a xornada otorgou 5 prazas para disputar a Copa Xunta de Galicia de Billarda do vindeiro sábado 16 de setembro, neste mesmo escenario do Grove. Esas prazas foron para Piru, Ricardo Lois e Albino Veiga, na Categoría Absoluta, para Tania na Feminina e para Aldara na Infantil.
Vindeira xornada
SANXENXO 30 SETEMBRO