Venres, Decembro 13, 2024
ActualidadeXornada

Non lle poñas a xuño a albarda, pois, chega con moita billarda.

Chega a primeira fin de semana grande de billarda. Si, o sábado 4 de xuño haberá liga nas Rías Baixas e o domingo 5 no Noroeste. Este mes de xuño presenta dúas fins de semana cheas de billarda, esta do 4 e 5 de xuño e a do 18 e 19, xa que, haberá competición nas dúas conferencias. Ao mesmo tempo debuxa a recta final da competición e ten, no horizonte do último domingo de mes, a celebración das finais da Liga Atlántica de Billarda. Estas finais 2022 disputaranse en Paiosaco e reunirán ás persoas clasificadas en cada categoría. Esta cita final poñerá ramo á temporada 2021-2022 o próximo 26 de xuño.

Nas Rías Baixas a cousa está desta maneira. Algunhas prazas xa están definidas e outras definiranse nestas vindeiras dúas xornadas que se xogarán en xuño. A primeira destas dúas xornadas será a de Sanxenxo, que se disputará no Campo de Billarda de Nantes. Ademais, de que o título Absoluto e de Equipos deberá decidirse ou, polo menos, aclararse en Sanxenxo. As prazas das Rías Baixas son 19 en absoluta, 12 en Feminina e 3 en equipos.

 

E o domingo pola maña será en Vista Alegre, parroquia de Soandres do concello da Laracha, onde se verán os paláns e as billardas dos equipos Noroeste para ir cerrando portas e abrindo ventás. Pechando case definitivamente as clasificacións e abrindo as ventás desas finais 2022 que se organizarán por vez primeira en Paiosaco. Un acontecemento deportivo que levará ata a Comarca de Bergantiños ao máis selecto do deporte da billarda.

No Noroeste a cousa pinta así de interesante nos postos que darán dereito a participar nese extraordinario evento. As prazas que corresponden ao Noroeste son 13 en categoría absoluta, 4 en feminina e 2 en equipos. En infantil poden participar todas e todos os nenos que xogaron na liga. En varados participan 3 xogadores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *