ARMADIÑA BUSCA RECONQUISTAR O LIDERADO NAS RÍAS BAIXAS
O vindeiro sábado 27 de novembro disputarase a sexta xornada da Liga Atlántica de Billarda e será en Poio. O equipo local, Armadiña, non ten ningunha dúbida que recuperara o primeiro posto da clasificación xeral que gobernou desde a primeira xornada ata a quinta. Nesa quinta xornada, en Moscoso, o equipo de Combarro topouse incómodo e non só perdeu o liderado, senón que pasou ao cuarto posto.
Agora, o sábado deberán demostrar que foi un accidente o acontecido en Moscoso. “Xogando na casa non hai quen nos supere“, afirmaba Cho. Ben que o campo de fútbol da Reiboa, de herba sintética, favorece os intereses dos paláns poderosos da Armadiña, non obstante, os sempre dominadores e históricos tres equipos da Conferencia con títulos galegos, Corredoiras, Lúa de Forza e Gharaboto, van defender con dentes, uñas e mans as súas posicións de privilexio.