ABERTO DE BILLARDA de BENS, A CORUÑA 31 xullo
No parque de Bens, A Coruña, disputouse un Aberto de Billarda dos que gustan presenciar e participar. Por vez primeira a Billarda tivo a oportunidade de usar as magníficas instalacións e coidada superficie do Parque de Bens. As xestións do Club de billarda Filloas de Sangue da Coruña coa Concellería de Deportes do Concello da Coruña frutificaron e púidose usar un espazo espectacular e puideron entregarse uns trofeos e agasallos formidables.
Ganou o primeiro Aberto de Billarda de Bens, Charli Varela de Campo da Feira de Paiosaco, segundo foi Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo, e terceiro Roi de APB A Laracha. En Categoría feminina, Madriña Mercedes de Campo da Feira, segunda quedou Merche de APB A Laracha e terceira Mari Carmen de Filloas de Sangue da Coruña. En categoría infantil, Kevin Torres de APB ganou por diante do seu compañeiro de equipo Roy Torres.
Hai que destacar a vigor e o entusiasmo co que afrontaron este Aberto matutino os palanadores e palanadoras, sobre todo, tendo en conta que estamos en plena canícula e erguerse un domingo pola mañá para ir xogar billarda é algo só ao alcance de persoas cunha vontade de ferro e carbono, ou sexa, unha vontade de aceiro.
A noite do sábado anterior ao Aberto estivo chea de verbenas, espectáculos musicais, gastronómicos, visitas eno-lúdicas e bochorno térmico, cousa que non animaba a madrugar para ir xogar billarda. Non obstante, alí estiveron os namorados e namoradas deste marabilloso deporte para gozar golpeando unha billarda e facéndoa voar ata o varal. Incluso Cochiqueiros da Billarda tivo un representante neste Aberto de Bens. Certo, que o elixido foi Abel Regueiro, o único cochiqueiro que atendeu á convocatoria e que ademais, chegou directamente do Cochinella Fest.
Abel Regueiro tivo de novo unha sensacional actuación … como árbitro. No xogo, pois estivo como sempre, con golpes entre sol e sombra. O que ninguén pode negar é que o equipo da Rosa crea tendencia alí a onde acude coa súa vestimenta e presenza física.