Na Silva ganou o cochiqueiro Marco e APB, por fin, reflotou o barco.
A borrasca Domingos fixo das súas, isto é, verter auga a esgalla. Cousa fabulosa para encher os ríos e menos estupenda para xogar billarda no exterior. Daquela, houbo que refuxiarse no pavillón polidertivo da Silva. Nada de particular nesta época previa a San Martiño. Ben, a superficie do pavillón non é das que permiten o lucimento das billardas patinadoras, pois a goma de caucho que cubre o chan fai de escudo anti-esssss…varados. Ao longo da xornada fixéronse unicamente 6 varados, 2 deles de Collazo, 1 de Abel Ponte, 1 de Bonxe, 1 de Ricardo Torres e 1 de Roi Morís.
A vitoria foi para Marco de Cochiqueiros de Cerceda, segundo quedou Abel Ponte de Campo da Feira de Paiosaco e terceiro Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo. En Categoría Feminina venceu Sonia de Cochiqueiros, segunda foi Merche de APB A Laracha e terceira Raquel a de Cochiqueiros. En Categoría Infantil volveu ganar o invencible Valentín Pastoriza de Filloas de Sangue da Coruña, segundo foi Aleixo de Cochiqueiros e terceiro Álvaro de Foucellas da Coruña. Por Equipos, APB ganou a primeira xornada desta temporada por diante de Campo da Feira e de Cochiqueiros.
O equipo local Cochiqueiros venceu nas dúas categorías individuais, con Marco na Absoluta e Sonia na Feminina, subiu ao segundo chanzo Infantil con Aleixo e, na Categoría de Equipos, acadou a terceira praza a 2 ptos de Campo da Feira e a 3 ptos de APB.
Exitosa xornada para o equipo das panteiras rosadas. Ao comezo da xornada xa se intuía unha actitude moi activa e proactiva dos predadores da sabana. Sobre todo Sergio Boquete que vemos relaxado coa súa nova aplicación de intelixencia artificial.
Agarrábanse sobre a pista como koala ao seu eucalipto. Abel Regueiro 21 ptos e David 20 ptos son os líderes do equipo nesta temporada e mostraron a súa firmeza. Alberte con 19 ptos e Marco con 22 ptos e ganador da xornada foron as revelacións dun equipo que recuperou a terceira praza e mantense a só 7 ptos na segunda posición do actual campión APB. Unha das Panteiras sagradas, Viqueira cumpriu con 19 ptos ao mesmo tempo que o bicampión Infantil Óscar García, tamén con 19 ptos. Carlinhos achegou 14 ptos, unha moi boa puntuación. Despois Sergio Boquete fixo 11 ptos e Sonia 10 ptos. Os demais integrantes do equipo non chegaron á decena de ptos. A actuación do equipo foi excelente como xa apuntamos antes, mais non queremos esquecer a ese Amado exlíder que está atravesando un dos momentos máis baixos da súa carreira deportiva. Despois de ausentarse durante 2 xornadas debido a unha viaxe por Europa de varias semanas, pois, pois, que podemos dicir sobre o seu regreso ás pistas de billarda? Ben, non queremos nin debemos facer máis grande a ferida.
Tod@s somos Berdi. A Panteira Alfa non dá arrancado e moito nos tememos que aínda non tocou fondo. 9 ptos foron os acadados por Berdi. 9 ptos en pavillón para un xogador de golpe demoledor e potencia desorbitada é algo mediocre, frouxo ou prosaico. Un palanador do seu historial ten que volver aos postos de honor. Onde está o Berdillazo que asombrou a esloven@s, italian@s e ruman@s na praza de Tirán (Slovenija)?
Aquela billarda saiu voando da praza como cabalo que non gusta da rapa das bestas. Aínda hoxe é o día no que ninguén pode dar por atopada nin encontrada e menos achada aquela billarda galega que descubriu terra eslovena.
Iso si, o Gende Prego sabe situarse moi ben ao lado dos podios para saír nas fotos. Grande Berdi!
Campo da Feira mantén unha vantaxe de 36 ptos sobre e o segundo clasificado APB. Distancia moi cómoda para o equipo de Paiosaco. Non obstante, comézase a intuír que APB esperta e nas últimas 3 xornadas só estivio 7 ptos por debaixo de Campo da Feira. O que penalizou ao equipo da Laracha foron as malas actuacións das dúas primeiras xornadas. Agora non lle queda máis remedio que continuar ao axexo e esperar que FEI teña un mal día ou varios malos días. Filloas de Sangue mantén o paso firme e son 10 ptos os que o separan das panteiras de Cerceda. Pensamos e logo desistimos de facer un prognóstico cando aínda non se disputou o primeiro tercio de liga. Ben certo que a tendencia está aí, aí na clasificación.
Nas Categorías Individuais, o primeiro posto non variou e Xan, Mercedes e Valentín manteñen o liderado respectivo, na Absoluta, Feminina e Infantil. Agora ben, tanto Collazo 25 ptos como Óscar Ponte 24 ptos, recortaron distancia e métense de cheo na loita polo título. En Categoría F Merche acercouse perigosamente a Mercedes e agora queda a 1 pto da líder. Delia segue terceira a 4 ptos de Merche e 5 ptos de Mercedes. Tamén continúan moi cerca do podio as dúas panteiras Chus e Silvia, a 1 pto da terceira posición de Delia. Na Individual Infantil, Valentín non ten rival polo que se vé na xeral. Así e todo, hai que ter en conta que Kevin Torres faltou a 2 xornadas e Miguel Cancela 3. Estes son os xogadores que poderán rivalizar co de Filloas.
Vindeira xornada
SADA19 Novembro