Martes, Abril 16, 2024
ActualidadeXornada

GHARABOTO foi un maremoto e a CORREDOIRAS fíxolle un roto

O pavillón de Marín presenciou unha actuación sen igual do equipo local Gharaboto. Arrasou na Categoría de Equipos Absolutos con 109 ptos, mastigou a Categoría Equipos Femininos con 85 ptos, monopolizou o podio da Categoría Absoluta, con Álvaro, Piru e Elena González, ganou na Categoría Feminina con Mónica Padín e Antía foi segunda en Infantil. O equipo do Gharaboto puido poñer o ramo da excelencia se ao final da xornada invitase á merenda que prometeu ao inicio do xogo. Pensamos que foi unha estratexia para que os demais equipos fosen xenerosos e non lle disputasen a xornada con todo o vigor necesario. O raposeiro equipo de Marín sabe como buscar os lindeiros do regulamento e, desta vez, funcionoulle.

Outro aspecto que marca a diferencia cando se xoga en pavillón é que prevalecen a precisión e moderación no golpeo por enriba da forza, que en exterior domina a esas outras calidades. 52 varados ou tiros directos ou entrar no varal dun só golpe desde a zona de saída. Unha marca difícil de superar. Na xornada anterior de Poio, xogada tamén en pavillón e cun número similar de xogador@s conseguíranse 37 varados. Será que algún tratamento especial da superficie do pavillón favoreceu o avance das billardas? Será que Luís Camiña, unhas horas antes do comezo da xornada, estivo dando cera e quitando cera do cemento do pavillón? Todo é posible en Marín.

Ganou a Xornada en Categoría Individual Absoluta Álvaro de Gharaboto de Marín, segundo foi Piru e terceira Elena González do mesmo equipo, en Individual Feminina foi primeira Mónica Padín de Gharaboto, segunda Machi de Armadiña de Combarro e terceira Chefa de Corredoiras Bueu. En Individual Infantil, ganou o Raio Verde Xián de Lúa de Forza Sanxenxo, segunda foi Antía de Gharaboto e terceiro Mauro de Lúa de Forza. En Equipos Absolutos venceu Gharaboto, por diante de Lúa de Forza e de Corredoiras. En Equipos Femininos foi primeiro Gharaboto, segundo Valpaços de Vigo e terceiro Lúa de Forza.

Primeira vitoria para Álvaro nunha xornada de liga, despois de bastantes podios por fin subiu ao máis alto. Ademais, coa gran carretada de puntos que conseguiu, 32, sitúase líder da xeral despois de 5 xornadas con 111 ptos.

Destacar a actuación de Álvaro 32 ptos e Piru 31 ptos de Gharaboto, que xunto coas achegas de Mónica Padín 23 ptos e Ricardo Lois 23 ptos conseguiron a vitoria por equipos cun total de 109 ptos. Lúa de Forza foi segundo cun Carolo inconmensurable 27 ptos, Gerardo e Xan con 24 ptos e Albino Caneda 23 ptos, para un total de 98 ptos. Terceiro quedou Corredoiras con Charri na súa liña ascendente 26 ptos, Outeiro 24 ptos, Fari 22 ptos e Chefa 22 ptos para un total de 94 ptos.

Cuarto foi Valpaços Terra Quente con Alfonso imparable 24 ptos e 3 varados no seu haber, Albino Veiga 23 ptos, Salgue 22 ptos e Santiago 19 ptos. Quinto quedou Armadiña con 83 ptos, que foron os de Machi 23 ptos, Papi 22 ptos, Cho 20 ptos e Sanny 18 ptos. Rinoceronte fixo o que puido ou algo menos para acadar 56 ptos con só 4 xogadores, José Manuel 18 ptos, Daniel 17 ptos, Aki 12 ptos e Lola 9 ptos. Berdi estivo representando ao Noroeste e ao seu equipo Cochiqueiros de Cerceda. Actuación inmaculada a súa na fase de grupos con 3 varados e sendo primeiro de grupo. Na eliminatoria de semifinais fixo outro varado e chegou á final. Nesta final de 6 xogador@s, Berdi notou os quilómetros de desprazamento e desfondouse.

 

ACTAS

 

O equipo Gharaboto estivo a un nivel inalcanzable para o resto. Aínda así, os equipos que lle loitan os postos de podio e o título, Corredoiras e Lúa de Forza, non andaron moi lonxe dos 109 ptos do equipo de Marín. Así, Lúa só cedeu 11 ptos e Corredoiras 15 ptos. Cousa que fai minguar as distancias na xeral, cunha marxe cómoda para o equipo de Bueu de 21 ptos. Corredoiras mantense no liderado e Gharaboto e Lúa empatan na segunda posición. Os demais xa están lonxe. Non obstante, Valpaços e Armadiña están coa súa lea por ver que será este ano que acadará a cuarta praza. Dous equipos moi mellorados e que en calquera xornada van dar a sorpresa. En Féminas Gharaboto acercouse a Valpaços. Agora son apenas 13 ptos a vantaxe do equipo de Vigo.  Sumados os ptos da quinta xornada as clasificacións quedan do xeito seguinte:

FOTOS

Próxima xornada

12 novembro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *