Luns, Maio 6, 2024
ActualidadeXornada

XII Aberto de Billarda Galiña de Mos. Collazo gana, Paula asombra e Valentín namora

O Aberto de Billarda da Galiña de Mos comezou coa presenza inesperada da néboa, brétema ou fuscallo, que de todo había un pouco. O ceo estaba oculto e agachado, e viceversa. Castro Ribeiras de Lea exhalaba un agradable perfume a herba cortada e o aire fresquiño da chaira erguía a epiderme dos brazos das xogadoras e xogadores de Cochiqueiros, que non se lles ocorreu outra cousa que presentarse co equipamento de verán.

O equipo de billarda Chaínzos-Cadaval organizou un ano máis e xa van 12 o Aberto de Billarda Galiña de Mos. Despois de que o ano pasado non se puidera celebrar por mor da pandemia de COVID o equipo da chaira preparou a conciencia o corte da herba do campo para cumprir co regulamento que establece a altura e grosor da mesma, así como, a delimitación das dimensións do terreo de xogo. Magnífico traballo de agronomía e metroloxía. Ademais, dunha climatoloxía excepcional para finais de abril. Formidable ambiente e participación de equipos de Pontevedra, A Coruña e Lugo.

Co paso das carreiras e dos minutos, a néboa deixou paso a cúmulos e a estrato cúmulos que formaron unha acuarela celestial e celeste. En nada, o ceo ocupou o seu lugar e as nubes marcharon cara ao leste. Cousa que agradeceron os equipos do Noroeste e das Rías Baixas, máis afeitos a temperaturas oceánicas e atlánticas.

O sorteo realizouse e as xogadoras e xogadores quedaron encadrados en 6 grupos. Na primeira fase de grupos disputáronse 4 carreiras a 4 golpes. Na segunda fase de cruces eliminatorios participaron as 4 mellores puntuacións de cada grupo, cun total de 24. A final disputárona Collazo, Daniel, Roi e Edu.

Na final a dúas carreiras, Collazo non deu opción e o de Campo da Feira de Paiosaco levouse o XII Aberto de Billarda Galiña de Mos, por diante de Daniel de Billardeiros Musicais de Ribadeo e terceiro Roi de APB A Laracha. En Categoría Feminina ganou Paula de Chaínzos-Cadaval de Castro de Rei e segunda foi Dori de Billardeiros Musicais. En Infantil foi primeiro Valentín de Filloas de Sangue da Coruña e segunda Aroa de Billardeiros Musicais.

Na entrega de premios estivo o alcalde do concello de Castro de Rei, Francisco Balado, e o concelleiro de deportes, Victor Carreira. As persoas do podio foron agasalladas cunha ducia de ovos. Si, na foto de abaixo tamén aparece Bonxe entre os premiados. O home andaba doente e quería saír na foto, pois foi eliminado no primeiro cruce, precisamente despois de facer a mellor carreira da mañá. Entrou en dous golpes, pero o Bicampión nacional, Daniel, tamén entrou en dous golpes e deixou ao chaínzo mordendo no palán. Mais, ao final, apareceu na foto.

VALENTÍN e VERA, azul e verde, ceo e terra, auga e árbore… infantil billarda.

ACTAS

A billarda de competición recompensa o acerto nos momentos importantes ou decisivos. Así, non sempre quen acumula máis ptos na fase de grupos é quen acaba chegando á final, pois nos cruces eliminatorios a cláusula de méritos non se aplica de oficio. Quen pasa de grupo debe demostrar de novo que segue co acerto previo. Ao mesmo tempo, esta fase de cruces dá unha nova oportunidade para recuperar o acerto. Desta vez, a cláusula de méritos cumpriuse ao 50%, xa que, Collazo (14 ptos) e Daniel (14 ptos) foron os que máis ptos conseguiron na fase de grupos e finalmente quedaron primeiro e segundo. No caso de Roi (10 ptos) e Edu (9 ptos), a competición deulles unha nova oportunidade e foron quen de achegarse á final, aínda sen moitos merecementos na fase de grupo. Quedaron polo camiño Pepe Outeiro (13 ptos) e Juan Carlos (13 ptos), así como, Féliz (12 ptos) e Viqueira (12 ptos). Tamén, quedáronse nos cruces con 11 ptos Josecho, Pepe Vidal, Basilio, Berdi, Xulio e Ricoy. En resume, hai que ter acerto cando a situación o precisa e necesita ou cando o teu rival non o ten.

FOTEGASA

No terceiro e cuarto tempo, ou sexa, na comida e despois da comida houbo tempo para planificar as novas alianzas e unións temporais de equipos. Cochiqueiros é un equipo experto neste tipo de negociacións. Agora, abriu o melón dunha alianza co equipo da chaira. Durante a comida o equipo chaínzo presentoulle uns bos argumentos ao equipo de Cerceda e unhas condicións vantaxosas. Houbo un tira e solta sobre que alimentación sería a precisa. Na chaira está de moda a proteína.

Como a escuadro rosa non quedou convencida de todo, pois houbo que continuar coas negociacións despois do xantar. Neste momento, a cousa xa se levou ao terreo da decisión de cores da nova camiseta. Que se a verde é a cor de moda, que se a rosa é a cor das redes sociais, que se a combinación das dúas pode dar unha verdirosa ou unha rosiverde. Vaia, que entre botellas e vasos, os litros quedaron escasos.

Alberte e Pili facendo contas para ver se dan os números para a UTE (UNIÓN TEMPORAL DE EQUIPOS)

 

O Amado Líder Berdi aparvado ante a disertación de Viqueira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *