Venres, Abril 26, 2024
ActualidadeXornada

XII Aberto de Billarda GALIÑA DE MOS, sábado 30 abril 11 horas

Despois dun ano sen Aberto de billarda en Castro de Rei os galiñeiros están atoados de exemplares de raza autóctono que devecen por cambiar de aires e de ceos. Quen queira acercarse ata a Terra Chá para gozar dun evento deportivo e de exaltación da raza Galiña de Mos vai ter unha climatoloxía favorable, pois, as predicións son de que se chegue aos 20 graos o sábado pola mañá.

Por outra beira, o Club O Cadaval está ultimando os preparativos para que a herba do campo estea en perfectas condicións. Para isto, o equipo da Chaira carretou un par de ducias de galiñas para fertilizar o terreo de xogo. Ao mesmo tempo, están intensificando os adestramentos, xa que, non queren que suceda o do último aberto do 2020, no cal, o galo e a galiña foron para terras das Rías Baixas e do Noroeste.

Desta vez, vai cambiar o conto“, afirmaba Pepe Vidal mentes aceleraba a súa motocicleta Montesa. “Vai quedar bonito o campo! Como non traian botas katiuskas van apañados os do Atlántico. Pitas, pitas, vale xa de cagar!”. Bonxe e Delia queren criar na casa e van poñer o seu empeño para achegarse ao podio. O raposo prateado Cortón, pois, que imos dicir, o del é só un interese gastronómico e organoléctico. Interese que comparte o resto do equipo verde da chaira. En definitiva, están preparando todo para que non se lles escape ningunha galiña do concello.

O que non sabe ou nin imaxina a tribo do Lea é que do Noroeste parte unha expedición coa clara intención de liberar ás Galiñas de Mos. Si, esta xente que entra na chaira polo corredor noroeste é combativa e ten os galiñeiros en corentena. Así que, levarán remolques baleiros coa saudable intención de traelos cheos á volta. Estás advertida Terra Chá!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *