En Culleredo cedeu Campo da Feira e APB pasouno pola peneira
No paseo marítimo de Culleredo xogouse a penúltima xornada da Liga Atlántica de Billarda, Noroeste. A herba estaba estupenda e a temperatura primaveral. As billardas brincaban moi ben desde o chan e só había que apuntarlle co palán cando estaban no aire e antes de que actuase a forza da gravidade universal. Un ano máis agradecer a boa disposición por parte do concello de Culleredo, que colaborou coa Federación de Deporte Autóctono, Modalidade Billarda, facilitando o espazo marabilloso do paseo marítimo para xogar e achegando os premios aos podios da xornada e a todos os participantes. Miguel Suárez concelleiro de Deportes estivo na entrega de trofeos.
A xornada contou coa participación de 2 equipos de Lugo, Billardeiros Musicais e Chaínzos-Cadaval, 2 de Pontevedra, Lúa e Rinoceronte e 4 da Coruña, APB, Campo da Feira, Cochiqueiros e Filloas de Sangue. A 21 días das Finais 2023 que se celebrarán en Bueu o domingo 25 de xuño, equipos e xogador@s apuran as últimas posibilidades de Título e Podios Noroeste e as prazas para participar nesas finais. Billardeiros Musicais tiveron unha actuación fantástica e quedaron a 5 ptos da vitoria, ademais Félix subiu ao segundo chanzo do podio Absoluto e Geni e Dori subiron ao segundo e terceiro chanzo do feminino. Chaínzos-Cadaval, vaia, bastante fixo o sacrificado Bonxe con aguantar os volantazos e frenazos de Luís Ares desde Castro de Rei ata Culleredo. O que non sabemos é como puido facer 17 ptos coas tripas revoltas e as marcas do cinturón de seguridade no peito. Seica Luís Ares ten como cinturón o cabestro de atar as bestas. Por favor, tren xa, que una o Atlántico coa Terra Chá.
En canto aos títulos de Conferencia Noroeste, a categoría Individual Absoluta ten campión 2022-23, Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo. Na Individual Feminina, Merche afrontará a última xornada de Cabanas con 14 ptos máis que Lu, entón, salvo sorpresa maiúscula ou ausencia de Merche, a de APB será campioa 2022-23. En Individual Infantil, Valentín ten 14 ptos de marxe sobre Miguel, cousa que fai moi difícil que este xogador de FEI poida arrebatarlle o Título ao neno de Filloas de Sangue. Onde está a enleada importante é na categoría de Equipos, pois, APB afianzouse na primeira posición despois de ganar esta xornada de Culleredo. Agora, o equipo hemorráxico ten 10 ptos máis que o supercampión Campo da Feira. Esta rivalidade histórica no eido deportivo entre A Laracha e Paiosaco decidirase sobre a herba de Cabanas o vindeiro domingo 18 de xuño.
Ganou a xornada Xan de Lúa de Forza, segundo quedou Félix de Billardeiros Musicais de Ribadeo e terceiro Roi de APB A Laracha. En categoría Feminina venceu Irene de Cochiqueiros de Cerceda, segunda foi Geni de Billardeiros e terceira Dori do mesmo equipo. En Infantil venceu Valentín de Filloas de Sangue da Coruña, segundo foi Kevin de APB e terceiro Miguel de Campo da Feira de Paiosaco. En equipos quedou primeiro APB, segundo Billardeiros Musicais e terceiro Campo da Feira.
ACTAS
Agora, quedan deste xeito as CLASIFICACIÓNS. Esta xornada deixou en evidencia o potencial dos Cochiqueiros, máis concretamente o dos seus 3 xogadores galácticos. Abel Regueiro 4 ptos, Viqueira 9 ptos e Berdi 8 ptos, menos mal, que David conseguiu 14 ptos e Raquel 6 ptos e non quedaron por debaixo dos 30 ptos. Este baixón chega no peor momento da temporada, cando aparecen as Finais 2023 no horizonte. Este ano o equipo da rosa está clasificado para as finais de Equipos e de Equipos F e deberá estar á altura da súa historia. Veremos do que é capaz o equipo de Cerceda. De todos os xeitos, as esperanzas que había no seu novo líder Abel R. están debilitándose e de novo van ter que ser os bois sagrados os que metan o pescozo no xugo e tiren do carro COQ. De parte de Filloas, salientar a magnífica temporada de Josecho que está entre os 5 mellores da xeral. APB semella que afronta o final de liga coa sección de Trasancos recuperada e coa incorporación de Lito, cousa que lles deu a vitoria nas dúas últimas xornadas e que os sitúa nunha posición moi favorable para conseguir o seu primeiro título de conferencia Noroeste. Incluso a presencia de Cotelo foi positiva para o equipo. Veremos se o todopoderoso FEI pode superar eses 10 pts na última xornada. Lembremos que o empate favorece ao equipo de Paiosaco por maior número de vitorias en xornadas de liga.