BUEU 31 XULLO ÚLTIMA XORNADA DA LIGA ATLÁNTICA NA CONFERENCIA RÍAS BAIXAS
Xa pasou a última xornada da Liga Atlántica de Billarda na Conferencia Noroeste e os medios de comunicación informaron do alí acontecido. La Voz de Galicia, edición Carballo, e Bisbarra en xogo os dous nos seus facebooks falan do remate de temporada. El Diario de A Laracha en red, edición dixital fai unha crónica excelente acompañada con imaxes magníficas, tanto do acto de entrega de premios como dalgún momento de xogo. En papel, O Diario de Bergantiños tamén publicou puntual crónica do acontecido na xornada de Santa Marta e como quedaron os podios finais de Conferencia.
E sen solución de continuidade, xa temos o cartel da última xornada Liga Atlántica de Billarda Conferencia Rías Baixas, que se celebrará o sábado 31 de xullo. Será a antesala da Gran Final 2021, que se xogará ao día seguinte, 1 de agosto. Moito en xogo, tanto nas posicións de podio final de Conferencia como nas últimas prazas para disputar a Gran Final 2021. Ao rematar a xornada, entregaranse os premios da xornada e tamén os de Final de Temporada.
A pregunta que todos e todas nos facemos, os palanadores e palanadoras da Conferencia Rías Baixas acabarán en condicións físicas óptimas para afrontar a Final 2021 do día seguinte? Os representantes da Conferencia Noroeste chegarán a Sanxenxo cunha semana de preparación táctica intensa e coas pernas e os brazos frescos, mentres que nas Rías Baixas moitos xogadores van ter que dar o mellor de si, nun terreo complicado e cunha temperatura elevada, se queren acadar obxectivos e, sobre todo, se queren acadar as prazas de finalista.
Aquí queda o asombroso, memorable e diabólico cartel das finais. Hai quen ve neste redondo buraco azul unha diana ou unha mira telescópica que apunta á billarda, hai quen ve un sol azul que ilumina o presente e o futuro da billarda. En definitiva, as intencións do deseñador indiscreto, DISTRITO XERMAR, coñéceas el e as súas musas.