ÓSCAR PONTE co seu xogo fascina e Furacán Riveiro a velocidade afina
O pavillón de Sedes non tivo clemencia coas persoas débiles de mente e dubitativas na expresión da actividade física. Apareceron os esssssvarados e con eles as puntuacións por enriba da vintena. Ganou Óscar Ponte de Campo da Feira, segundo foi Collazo do mesmo equipo e terceiro Añón de APB. En feminina foi primeira Mercedes de Campo da Feira, segunda Delia de Chaínzos-Cadaval e terceira Marisa de Lúa de Forza. En Infantil venceu Abel Ponte, por diante de Aleixo de Cochiqueiros e de Valentín de Filloas de Sangue. En equipos, ganou Campo da Feira, segundo foi APB, cos mesmos ptos que Filloas de Sangue.
Óscar tivo unha actuación case perfecta, pois na fase de grupo conseguiu 22 ptos de 24 ptos posibles e despois acadou os outros 6 ptos por ganar a xornada. En total 28 ptos que o sitúan en terceira posición da xeral superando a Juan Carlos en 5 ptos. Campo da Feira arrasou na categoría de equipo, posto que 4 xogadores, Óscar (28), Collazo (22), Juan Carlos (22) e Abel Ponte (21) superaron os 20 ptos, cousa inhabitual, inda que non sorprendente dado o potencial destes xogadores. APB e Filloas continuaron coa súa carreira para decidir que equipo estará nas finais de xuño. Empataron a ptos e a distancia entre eles mantense na xeral. Filloas segue 3 ptos por enriba. Os grandes esvaradores da Coruña Fontán (19), Gándara (18) e Miranda (15) achegaron a seguridade no golpeo e Miklós (15) completou a suma para manter o pulso co equipo da Laracha. O regreso do Tornado Añón (19) foi efectivo en ptos e contribuíu a resolver esta xornada sen danos significativos para a escuadra hemorráxica. O dúo de “Milenials” achegou o resto de ptos Roi (16) e Iván (16), xunto co raposo Cotelo (16), desta maneira, mantéñenlle o paso a Filloas. Cochiqueiros notou a ausencia do seu Amado Líder e só a enorme actuación de Aleixo salvou ao equipo de Cerceda dun desastre deportivo. O neno prodixio de Cochiqueiros con só 8 anos fixo 16 ptos. Viqueira tomou o liderado do equipo e produciu 20 ptos. Semella que a ave nocturna Viqueira xoga máis relaxado cando non está o capitán Berdillo. Entre os dous tiraron da Autocaravana cochiqueira para sobrevivir a unha xornada en pavillón, na que se sabía que habería moitos ptos na saca dos equipos. David e Alberte con 10 ptos cada un sufriron para desprazarse sobre o cemento de Sedes. Outra cousa foi a actuación de Abel Regueiro, quen entrou nunha única carreira e no cuarto golpe. Un xogador da súa traxectoria e talento non pode penar sobre o cemento desa maneira. Sabemos que Berdillo tomou boa nota do xogo de Abel e atribúe o seu calamitoso golpeo a que está afeito a recibir indicacións precisas do seu Líder. Descabezado, sen vigor e sen norte foi o xogo de Abel Regueiro. Ora ben, Regueiro non se rende e ao saír do pavillón dirixiuse ao primeiro bar aberto e comezou a súa recuperación inxerindo varias doses de glicosa diluída nun líquido espirituoso. Grande Abel Regueiro.
ACTAS
Ademais, coa puntuación desta xornada comezou a carreira para chegar ao seguinte evento televisado pola TVG2 que será en xullo. As posicións que darán dereito a formar parte da selección Norte son 4 en Categoría Absoluta, 2 en Categoría Feminina e 2 en Categoría Infantil. Sumaranse os ptos das xornadas 12, 13, 14, 15 e 16. Así están estas clasificacións a día de hoxe.
Antes de comezar a xornada Xulio Ponte recibiu unha merecida homenaxe por cumprir 100 xornadas de Liga de Billarda Noroeste. Entra a formar parte do grupo de xogadores Noroeste centenarios, xunto con Lois Fontán, Berdillo, Viqueira e Collazo. Xulio quedouse sen palabras e coa gorxa en carne viva. Entre saloucos, xemidos e salaios púidoselle entender algunha verba, “ehhh… ehhhh… ehhhh… ehhhh”. Ademais, desde que comezou a xogar aquel 4 de outubro de 2015 non faltou a ningunha xornada do Noroeste. Isto é que non faltou a ningunha xornada. Certo que é un xogador cunha biomecánica privilexiada e non se lesiona nunca, certo que coida a táctica de xogo de maneira metódica, certo que segue un réxime espartano de adestramento. No entanto, a clave do seu éxito de lonxevidade deportiva debemos encontralo en Elena C., a súa mestra de ioga tántrico. Ela tamén lle elabora as táboas de exercicios musculares, dieta nutricional, descanso nocturno e horas de uso do móbil.
No pavillón non hai suficiente luz para que as fotos sexan espectaculares como son cando se xoga en exterior. Non obstante, houbo ocasión para captar unha audiovisual dos que deixan pegada na retina, no nervio óptico e na memoria colectiva. Furacán Riveiro.
Podemos considerar este material como a segunda parte daquel afamado vídeo do Tornado da Laracha. Para quen non se lembre, que alguén haberá, tamén publicamos de novo Tornado Añón. Captado na xornada das Somozas do 27 de xuño de 2021.