CULLEREDO capital atlántica da Billarda na fin de semana
A xornada 13 Noroeste xa ten escenario definido e acondicionado, o paseo marítimo do Burgo en Culleredo. A herba foi cortada a fouciño co esmero e meticulosidade que só un persoal altamente capacitado é quen de empregar. O argumento desta nova xornada ten moito de comedia, bastante de pantomima, algo de drama, abondo suspense e mesmo un desenlace impredicible. Agora, búscanse intérpretes que dean sustancia a un novo acto deste obra marabillosa chamada billarda.
Por outra beira, non podemos esquecer o sucedido o sábado pasado, 30 de abril, en Castro de Rei. Pois ben, para introducir a cuestión diremos que historicamente no Aberto de Billarda Galiña de Mos había como premio para @s ganador@s exemplares desta raza autóctona recuperada aló polos anos trinta do século pasado na parroquia de San Xiao de Mos, Castro de Rei, Lugo. Este ano, todo semellaba que ía continuar coa tradición, mais co horizonte competitivo cheo de palanadores da tribo Noroeste e da tribo Rías Baixas, e ante a posibilidade que unha vez máis as galiñas marchasen cara aos galiñeiros da Coruña ou das Rías Baixas, produciuse un xiro dramático dos acontecementos. O equipo organizador Chaínzos-Cadaval preparou un plan de fuxida, ou sexa, un dos seus mellores pilotos de motociclismo arreou cun feixe de galiñas (foto de abaixo) cando as eliminatorias ían decantando unha final ateigada de xogadores do Noroeste.
Esta imaxe de arriba confirma as sospeitas e ratifica que os ovos que se entregaron de premio foi o plan B do astuto equipo da chaira. Ben feito ! Hai que protexer o patrimonio avícola !
Este XII Aberto de Billarda Galiña de Mos tivo grande acollida nos medios de comunicación, tanto escritos como dixitais. Así, no ámbito dixital aparece información deste evento deportivo no facebook do Concello de Culleredo, na Opinión da Coruña, no facebook de Bisbarra en xogo, no Diario da Laracha e na Voz de Galicia.
O sucedido en Castro Ribeiras de Lea vai guiar ás escuadras de Lugo camiño de Culleredo. Preparan a súa particular remontada ou quen sabe que artimaña para recuperar o prestixio e os ovos.
Esta semana a conxura tivo frase e lema en terras da chaira. Mentres adestraba Chaínzos-Cadaval, cantaban a unha voz:
Levaron de Lea as ducias de ovos,
coma facían os negros corvos;
e tócanos en Culleredo,
ganaremos, non teñas medo!