Mércores, Decembro 11, 2024
ActualidadeConferencia Rías Baixas

CRÓNICA 5 XOR LNB RÍAS BAIXAS MARÍN

 Hai veces que a crónica da xornada de billarda ten pouco atractivo e caemos na tentación de disfrazar a realidade para ganar lectores e lectoras. Desta vez, na quinta xornada LNB RÍAS BAIXAS, a verdade dos feitos é tan potente que non precisa ningunha maquillaxe. O pavillón do CEIP A Laxe de Marín foi o escenario dunha fantástica tarde de billarda. Imos por partes, dunha beira están os resultados deportivos e doutra beira as circunstancias particulares desta xornada de Marín.

No aspecto competitivo, diremos que a particularidade especial desta xornada foi que se xogou por primeira vez na temporada en pavillón. Cando sucede isto sempre aparecen damnificados e beneficiados. Na Categoría de Equipos, Rinoceronte e Lúa de Forza foron os peores equipos da xornada, evidenciando que non souberon adaptarse á sempre esixente superficie de cemento pulido. No extremo contrario, Corredoiras e Gharaboto aproveitaron para superar os 90 e 80 ptos, respectivamente. En Equipos de Féminas, Gharaboto tivo unha actuación estelar cunha puntuación de 59 ptos. Para entender o valor desta puntuación debemos mirar para o podio absoluto de equipos, no que o terceiro equipo, Laxe de Rons, obtivo tamén 59 ptos. Ou sexa, se competira Gharaboto Féminas como equipo sería terceiro da xornada, impresionante! O talento feminino na billarda Rías Baixas non ten límite. Valpaços Terra Quente Féminas tivo unha boa xornada, mais perdeu o liderado en favor de GHA Féminas. LÚA Féminas estivo de mingua e non chegou aos 10 ptos.

Agora a xeral queda deste xeito

Nas categorías Individuais, houbo varios beneficiados. O cuarteto de Corredoiras, Ricar, Charri, Beni e Lito brillaron por enriba de todos. Agora, Ricar consolídase na primeira praza, pois a súa enorme actuación coincidiu cunha nefasta xornada de Juanma, líder antes desta xornada. Despois, Os de Marín, Luís Camiña e Gelín, foron profetas musicais na sua terra. Gerardo Torres continúa coa súa progresión e consigue a maior puntuación da súa carreira deportiva, converténdose no xogador franquicia do equipo. Nas últimas dúas xornadas conseguiu unha media superior aos 20 ptos e xa está noveno na xeral. Vai ser que lle beneficia xogar todas as fins de semana. O xogador do Grove quere propoñer para a vindeira temporada elaborar un calendario con 38 xornadas, como na liga de fútbol (tamén coñecido como “a billarda que se xoga golpeándoa co pé”). Na Categoría Feminina, Elena Glez conseguiu 20 ptos e un varado. Agora sitúase segunda da xeral e en condicións para loitar polo podio. O primeiro posto está moi decidido en favor de Bego polo momento. Tania non estivo demasiado afortunada, mais aínda ocupa a terceira praza do posio. Ollo con María Caride e Elena Sabarís que xa están aquí para quedarse. Nas dúas últimas xornadas Bego fixo 32 ptos, María Caride 30 ptos, Elena Glez. 29 ptos e Elena Sabarís 27 ptos, polo tanto, están en gran momento de forma. Lu e Adriana mantéñense a unha distancia prudencial das zonas de podio. Belmira e Chefa tampouco están están lonxe. Isto significa que temos un grupo de 8 xogadoras con posibilidades de podio e unha xogadora moi por enriba das demais como Bego. De todos os xeitos, a billarda ten as súas regras e se tes unha mala xornada e coincide que as túas rivais teñen unha moi boa xornada podes perder unha vantaxe de 15 ou 20 ptos nun abrir e cerrar de ollos.

 

Agora a xeral queda deste xeito

Agora chega o momento de comentar as incidencias polémicas da xornada. Xa di o refrán…

“Unha xornada de billarda sen polémica

é coma un inverno sen variación térmica”

Pois ben, houbo unha actuación a todas “luces” antideportiva que dará moito que falar na LNB. Na celebración da final a catro houbo un apagón en varios focos de iluminación do pavillón…  que non se soubo a que foi debido. Hoxe xa sabemos as causas de tan inoportuno corte de suministro eléctrico. Ademais, temos probas fotográficas de que o suceso foi unha sabotaxe do equipo Corredoiras para beneficiar ao seu xogador presente na Final e perxudicar aos dous xogadores de Campo da Feira, Enrique e Collazo. A manobra deulles resultado, pois Beni ganou a xornada. Contemplade a imaxe de abaixo.

 

Outra circunstancia un tanto rara e controvertida foi o comportamento de Enrique de Campo da Feira de Paiosaco. Este xogador tivo dúas caras na súa actuación sobre a pista de xogo. Xuntaba uns golpes desastrosos con outros brillantes e dunha efectividade asombrosa. Tal foi así, que chegou á final e a piques estivo de ganala. Ben, pois hai unha testemuña que asegura que veu algo anómalo na conduta de Enrique e que ten fotos do feito.  Vós mesmas, vós mesmos, podedes xulgar contemplando as fotos de abaixo.

 

Que, que vos parece? Seica, o monarca Enrique II ten un dobre… ou ben, practica o transformismo. Si é el, o gran Mr Miyagi, o famosísimo mestre de Karate. “Así calquera, cos superpoderes deste xenio das artes marciais tamén eu ganaría”, dicía Luís Camiña. En definitiva, Gharaboto e Valpaços xa presentaron escritos pedindo a repetición das eliminatorias nas que participou Enrique, xa que, este eliminou a xogadores dos seus equipos para chegar á final. 

Finalmente, queremos facer xustiza ao palanador máis valorado na fase de grupos, Charri, quen fixo máis ptos que ninguén con 23. Este xogador de Corredoiras está sendo a gran sorpresa do que vai de temporada e pensamos que xa se merece ganar algunha xornada. O que sucede é que nas eliminatorias vese damnificado pola subida da tensión… arterial e non rende como na fase de grupos. Temos a imaxe dos finalistas na que o bravo xogador de Cabalo (Bueu) debería estar.

Finalistas 5 xornada LNB RÍAS BAIXAS, Collazo, Xan, Beni, Enrique II e… Bolecharri (a nova mascota da LNB RB) 

Vídeo resume da xornada

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *