O ceo de Oleiros foi unha fonte e ganou Óscar Ponte.
E a choiva non faltou á súa promesa de alimentar os debilitados ríos e regatos galegos. En Oleiros houbo que xogar baixo teito e con roupa de abrigo para evitar a perda de calor dos corpos humanos. A pesar de ser unha superficie de 40 metros e de cemento non houbo máis que 2 varados (Collazo, Juan Carlos e Fran). Óscar Ponte continúa coa súa progresión e a súa vitoria foi de moito mérito, pois tivo que superar na final a un Collazo que estivo excelso durante toda a xornada. O de Gabenlle acumulou 19 ptos na fase de grupos e nos cruces de cuartos e de semifinal entrou en 2 golpes, así como na primeira carreira da final. Só fraqueou na última carreira da final a catro, na que non deu entrado. Foi o xogador de maior puntuación da xornada. Cousa que dá máis valor ao triunfo de Óscar Ponte. Cotelo obtivo a súa maior puntuación da temporada con 20 ptos. A sorpresa entre os finalistas foi a presenza de José Manuel de Rinoceronte.
Queremos agradecer ao concello de Oleiros a súa colaboración coa Federación Galega de Deporte Autóctono, Modalidade Billarda, coa cesión da pista cuberta do Parque dos Regos para celebrar a xornada, así como, coa achega dos premios da xornada. A representación do concello foi a concelleira de Deportes, Teresa Vázquez.
Ganou a xornada Óscar Ponte de Campo da Feira de Paiosaco, segundo foi Collazo do mesmo equipo e terceiro Cotelo de APB da Laracha. En categoría Feminina foi primeira Marisa de Lúa de Forza Sanxenxo, segunda Silvia de Cochiqueiros de Cerceda e terceira Auri de Campo da Feira. En categoría infantil ganou Abel Ponte de Campo da Feira, segundo foi Valentín de Filloas de Sangue da Coruña e terceiro Guille tamén de Filloas. En categoría de equipos foi primeiro Campo da Feira, segundo Filloas de Sangue e terceiro APB.
A pista de cemento ditou sentenza a favor de Campo da Feira que volveu ganar unha vez máis a xornada. O equipo de Paiosaco tivo a Óscar Ponte e Collazo por enriba dos 20 ptos, cousa que foi definitiva para sacarlle 10 ptos ao segundo clasificado. Filloas tivo unha actuación magnífica e mantén a segunda praza na xeral de equipos con 10 ptos de vantaxe sobre APB, que mantivo o tipo e só cedeu 2 ptos con relación ao equipo da Coruña, sobre todo, grazas á grande puntuación de Cotelo (20 ptos) e ás boas actuacións dos outros 4 compañeiros. O equipo da Laracha presentou só 5 xogadores adultos. Filloas confirma que esta temporada ten un equipo de garantías para render en calquera superficie e o talento das novas incorporacións, Fran, Josecho, Miranda e Pedre está complementando o rendemento dos históricos Lois Fontán e Gándara. Ademais, teñen xogadores moi novos cun futuro excelente, como Miklós, Valentín e Guille. Cochiqueiros con 3 xogadores e 2 xogadoras, pois, fixo o que puido, que foi evitar á última praza da xornada. Desde que se levantaron as restricións do ocio nocturno o equipo de Cerceda ten moitas dificultades para organizar a loxística de viaxes aos campos de billarda a esas horas da mañá. “Xornadas os sábados pola tarde, xa“, berraban Abel Regueiro e Viqueira, mentres o Amado Líder daba patadas a unha das billardas que lle impediu, outra vez, chegar a unha final a catro.