Vitorias para Juan Carlos Cancela, sábado na Super Copa e domingo na Liga Atlántica
O sábado disputouse a Super Copa de Billarda 2024 na Coruña coa presenza das cámaras da TVG. 16 participantes, 8 da Conferencia Noroeste e 8 das Rías Baixas. Despois de 3 carreiras disputas a pan de millo e sen solución de hidratación só 4 xogadores puideron avanzar cara á Final a 2 carreiras. Foron 2 xogadores do Noroeste, Juan Carlos e Miguel de Campo da Feira de Paiosaco, e 2 xogadores das Rías Baixas, Novas de Corredoiras Bueu e Xan de Lúa de Forza Sanxenxo.
Pois ben, o inesperado sucedeu. As 2 Super Copas anteriores, 2022 e 2003, foran ganadas por palanadores das Rías Baixas, Che e Xan, cousa que indicaba prevalencia de ganador visitante. As estatísticas e as previsións son así elas, de temperamento cambiante e caprichoso. En fin, ganou Juan Carlos Cancela de Campo da Feira de Paiosaco, segundo quedou Miguel Cancela do mesmo equipo e terceiro Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo.
O Norte volveu saír vitorioso, tanto na posición de campión da Super Copa como nas prazas de podio, e tamén se sumamos os ptos que fixeron xogadoras e xogadores dun e doutro lugar xeográfico (serían 19 ptos para xogadoras/es do Norte e 18 ptos para xogadoras/es das Rías Baixas).
Despois das celebracións ata altas madrugadas e baixos amenceres en toda a Comarca da Coruña e de Bergantiños polo éxito acadado polos seus clubs de billarda, xogadores e xogadoras da Liga Atlántica de Billarda, Conferencia Noroeste, dirixíronse o domingo de cedo ata Cabanas. No Piñeiral da Madalena disputouse a 15 xornada da LAB. Grazas ao concello de Cabanas que colaborou en todo momento coa Federación Galega de Deporte Autóctono, Modalidade Billarda, puido celebrarse a xornada neste lugar emblemático e visible, lugar de paso de peregrinos e de moitas persoas que pasean pola contorna. Na entrega dos magníficos premios que achegou o concello estiveron presentes o alcalde, Fernando Couce e o concelleiro de deportes Joel Ares, xunto coa a técnica municipal de deportes, María López e o vicepresidente da Federación Luís Fontán.
Juan Carlos Cancela de Campo da Feira, que ganara o día anterior na Coruña a Super Copa de Billarda 2024, tamén se impuxo en Cabanas. O podio completárono, Tejero de Billardeiros Musicais de Ribadeo en segunda posición e Xulio Ponte de Campo da Feira en terceiro lugar. Na Categoría Feminina venceu Irene de Cochiqueiros de Cerceda, segunda foi Geni e terceira Dori, as dúas de Billardeiros Musicais. En Categoría Infantil foi primeiro o Raio Verde Xián de Lúa de Forza Sanxenxo e segundo Valentín de Filloas de Sangue da Coruña. En equipos venceu outra xornada máis o líder Campo da Feira, segundo quedou Cochiqueiros e terceiro Billardeiros Musicais.
O campo esixente da Madalena nunca admitíu erros inecesarios, nin moito menos torpezas ociosas. Desta vez fixo o mesmo. Non ter clemencia nin bondade coas billardas. Semellaba que as billardas estaban atadas ao chan cos invisibles cordóns, pois non había maneira sinxela de facelas brincar. As puntuacións foron baixas, obviamente, mais así e todo houbo golpes espectaculares entre moitos outros golpes menos esplendorosos.
Agora as clasificacións están que arden nalgúns postos e noutros xa se apagaron os lumes. Isto é, Valentín vai ser Campión Infantil, Xan Campión Absoluto e Campo da Feira Campión de Equipos, salvo invasión extraterrestre ou que un meteorito impacte coa terra. O demais está todo por decidir. Ademais, esta é a segunda xornada que contabiliza para formar parte da Selección Norte que se enfrontará a mediados de xullo contra a Selección Rías Baixas e que será televisado pola TVG.
PRÓXIMA XORNADA
NARÓN
12 MAIO