CHE gana en Sanxenxo e Armadiña consolida o liderado
O sábado 9 outubro durante a disputa da xornada 2 da LAB Conferencia Rías Baixas, non só era o aniversario da morte do Che Guevara sucedida en 1967, senón que foi o renacemento do outro Che, o Andrés Garrido Peleteiro, o único Rinoceronte que non é vexetariano e tampouco o pretende nin o precisa. Ganou a xornada e agora sitúase líder da Liga por vez primeira na súa carreira deportiva. Certo que o Che xa ten os dous títulos galegos individuais, o de Categoría Absoluta e de Categoría de Varados, mais nunca chegara a acariciar sequera o liderado da Conferencia. Segundo foi Peque de Armadiña de Combarro e terceira Adriana de Valpaços Terra Quente de Vigo. En féminas ganou Tania, segunda foi Yaiza, as dúas de Valpaços e terceira foi María Caride de Gharaboto de Marín. En infantil, de novo o Raio Verde de Lúa de Forza Sanxenxo conseguiu a vitoria, segundo foi Antía de Gharaboto e terceiro Mauro, tamén de Lúa de Forza. En equipos venceu Rinoceronte, segundo foi Armadiña e terceiro Lúa de Forza. En equipos femininos ganou Valpaços Terra Quente, segundo Gharaboto e terceiro Corredoiras Bueu.
ACTAS
Semella que chegou unha nova era á Billarda das Rías Baixas. Os equipos, noutrora, secundarios ou terciarios ou cuarternarios ou quintuarios, asoman a punta da áncora e do corno polo máis alto da clasificación. Así, Armadiña e Rinoceronte son os equipos de moda se atendemos aos resultados destas dúas primeiras xornadas.
Os equipos están fichando xuventude, mellor dito, infancia para alimentar os seus cadros de xogadoras de zume de pura vida. E ben que está resultando esta enerxía infantil, pois os equipos máis novos da competición están obtendo resultados impensables noutras temporadas.
Os números son transparentes e reveladores. O número de xogadoras e xogadores que presenta cada equipo non está tendo tanta influencia como a media das idades dos equipos, polo menos, cos números da última xornada de Sanxenxo. Os equipos máis novos estiveron nos dous primeiros postos de equipos.
Ademais, a clasificación xeral confirma esta tendencia despois de 2 xornadas. Armadiña, o equipo máis novo, está encabezando a xeral e Rinoceronte está terceiro clasificado. O histórico Corredoiras está atravesando un deserto de malos resultados e sufrindo baixas de xogadores que o levaron a ser último na terceira xornada e na xeral ocupan o penúltimo posto. De todos os xeitos, a competición está no seu comezo e veremos se o equipo celeste aguanta a chegada do frío e a humidade aos campos de billarda. As distancias son pequenas e o novo sistema de puntuación fai que haxa que suar para conseguir uns poucos ptos. Esta temporada chegar aos 10 ptos vai estar ao alcance de moi poucos paláns.