Sábado, Maio 4, 2024
ActualidadeXornada

De Cerceda chegou unha panteira que rabuñou a vitoria enteira

Unha expedición de equipos de billarda do Noroeste alcanzou as costas do Morrazo coa saudable intención de gozar durante a mañá do sábado das excelencias gastronómicas, enolóxicas e paisaxísticas da zona e pola tarde, xa se vería o que poderían facer coas billardas. Desprazáronse en dúas embarcacións debido ás limitacións de capacidade das mesmas. Ben, despois de traballar toda a mañá de maneira minuciosa, a pé de barra e a cabeza de mesa, chegou a hora de aproximarse ao terreo de xogo. Fixérono con inaudita puntualidade as Panteiras de Cerceda e fixérono ao xeito Campo da Feira os de… Campo da Feira, ou sexa, cando cadrou e… se acaso.

 

Nada facía presaxiar unha actuación deportiva decente desta expedición norteña, xa que, xuntábanse o esforzo hercúleo de patear museos, bibliotecas e obras escultóricas, arquitectónicas e paisaxísticas do concello de  Bueu e o cansanzo acumulado na viaxe desde terras de Begantiños e Cerceda. En fin, outros milagres deportivos se teñen feito non hai moito tempo noutros deportes de balón e botas. Daquela, por que non podían triunfar estas almas do norte? Meu dito, meu feito! O inesperado, o imprevisto, o insospeitado, o fortuíto, vai ti saber? O certo e meridiano foi que o podio da Categoría Individual Absoluta estivo formado ao completo por xogadores de equipos do norte, Cochiqueiros, Campo da Feira e APB. Non só en Manchester suceden acontecementos para os que a parapsicoloxía aínda non encontrou explicación racional, tamén en Bueu !

Ganou a xornada o Berdi de Cochiqueiros (Cerceda), segundo foi Eladio de Campo da Feira (Paiosaco) e terceiro Collazo de APB (A Laracha).

En Categoría Feminina venceu Belmira de Valpaços Terra Quente (Vigo), segunda quedou Ainhoa de Armadiña (Combarro) e terceira foi Lu de Lúa de Forza (Sanxenxo).

En Categoría Infantil ganou Xián de Lúa de Forza (Sanxenxo), segunda foi Antía e terceira Sofía, as dúas de Gharaboto (Marín).

En Categoría Equipos ganou Lúa de Forza, segundo foi Campo da Feira e terceiro Corredoiras. En Equipos F venceu Valpaços F, segundo foi Gharaboto F e terceiro Armadiña F

A xornada ía transcurrindo e os puntos non eran doados de amarrar. As billardas movíanse con dificultade sobre a herba da Estacada. Foron transcurrindo as horas e finalmente chegou a carreira… FINAL. 6 xogadores e 3 prazas de podio da xornada. Curiosamente, os 6 xogadores eran de 6 equipos diferentes, cousa inusual, e tan inusual que é a primeira vez que sucede esta temporada. Desta maneira, José Manuel de Rinoceronte, Eladio de Campo da Feira, Collazo de APB, Berdi de Cochiqueiros, Salgue de Valpaços e Xan de Lúa de Forza loitarían polo triunfo. Foi Berdi quen se levou o merecido triunfo e sen ter que usar a seu superpoder “O BERDILLAZO”. Desta vez chegoulle con entrar no terceiro golpe. Eladio e Collazo entraron no cuarto e foron a golpe de desempate. Os outros 3 xogadores de equipos das Rías Baixas e coa humildade que os caracteriza non quixeron nin entrar no varal no cuarto golpe, cousa a todas luces comprensible. “Hai que ser hospitalarios e xenerosos coa xente que visita as nosas Rías”, afirmaba Taxeiro.

Despois de catro xornadas consecutivas xogadas en pavillón chegou de novo a terra. Nesta ocasión foi no campo da Estacada, un dos campos máis complicados para conseguir ptos. Daquela, as puntuacións foron baixas como era de esperar. Só 4 xogadores acadaron a vintena de ptos Xan (22) Anxo (21), Eladio (21) e Collazo (20). Na Categoría Individual Feminina Belmira (17), Lu (14) e Ainhoa (14) foron as puntuacións máis elevadas. O mesmo sucedeu na Categoría de Equipos, xa que, o equipo vencedor Lúa de Forza conseguiu 67 ptos, polos 64 de Campo da Feira, de Corredoiras e de Armadiña. 62 ptos alcanzou Valpaços e 60 Gharaboto. Cochiqueiros chegou aos 40 ptos e Rinoceronte quedouse en 30 ptos. A menor número de ptos acadados a igualdade aumenta. Así, entre o primeiro equipo e o sexto houbo só 7 ptos.

Ao mesmo tempo que sumar ptos para a liga esta xornada de Bueu otorgou as últimas 5 prazas que faltaban para participar o vindeiro sábado 27 de abril na SUPER COPA DE BILLARDA que se disputará na Coruña e que será televisada pola TVG2. Estas prazas foron para Anxo e Antía de Gharaboto, Novas de Corredoiras e Salgue e Belmira de Valpaços Terra Quente. Entón, xa están completos os grupos para xogar esa Super Copa de Billarda 2024. Son os que aparecen na imaxe de abaixo.

ACTAS

FOTOS

PRÓXIMA XORNADA

MARÍN

SÁBADO 4 MAIO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *