Venres, Setembro 13, 2024
Actualidade

COPA ATLÁNTICA en Bueu e LIGA RIBEIRA SACRA en Ourense

A prensa dixital e en papel informou da Gran Final Liga Atlántica de Billarda 2020-2021 disputada en Sanxenxo. Bisbarra en xogo publicou na súa páxina web e no seu facebook unha magnífica reportaxe fotográfica. Entre as fantásticas fotos pódese ver a extraordinaria EMPANA DE NÉCORAS elaborada por Marisa con marisco da Ría de Arousa. Coméntase que este alimento foi a clave para que o seu equipo, Lúa de Forza, conseguira os éxitos deportivos desta temporada. El diario de Laracha tamén publicou na súa páxina web e no seu facebook os resultados e algunha foto da Gran Final. En papel (nas imaxes de abaixo) publicaron Nòs diario e tamén DxT.

E xa está aquí a COPA ATLÁNTICA DE BILLARDA que reunirá na parroquia de Chans, Bueu, as mellores billardas e paláns do continente e do país. Mítico monte de Chans, onde as deusas da billarda se xuntaban en tempos de maxia e poderes ocultos da natureza para queimar os paláns nas noites de lúa chea.

E xa está aquí para quedarse a primeira liga de billarda da provincia de Ourense. Por fin, a billarda conquista a provincia de ouro. LIGA RIBEIRA SACRA DE BILLARDA 2021. Disputarase durante o mes de agosto nos concellos de Trives, San Xoán de Río e Manzaneda. Esta liga é froito dos torneos abertos de verán que a LNB leva organizando desde hai moitos anos nesta comarca. Este ano, por fin, creouse a LIGA RIBEIRA SACRA DE BILLARDA 2021 baixo o paraugas da Federación Galega de Deporte Autóctono Modalidade Billarda e coa colaboración dos concellos e de empresas e comercios da Comarca. Marabillosa nova !

Claro está que o equipo favorito para levarse o primeiro título da Liga é a Marea Verde de Manzaneda. Equipo que xa demostrou o seu potencial e a súa xuventude nos abertos que se disputaron outros anos pasados. Ademais, non renuncian a este favoritismo do que falan analistas e expertas da billarda. Contemplade senón o cartel anunciador da primeira xornada da LIGA RIBEIRA SACRA que se disputara o vindeiro luns 9 de agosto en Manzaneda. Si, aparece de costas o equipo da Marea cuns trofeos na man. Que estará transmitindo aos demais rivais o equipo de Manzaneda? De todos os xeitos, non descartamos que o equipo de San Xoán de Río, capitaneado polo Patriarca do Castiñeiro, Juan Pérez, teña preparada unha estratexia para navegar sobre a Marea Verde con posibilidades de vencer. En fin, vai ser un mes de emocións e a atención mediática vai virar os ollos cara á Ribeira Sacra, unha vez que as Olimpíadas teñan rematado o 8 de agosto.

Para facer memoria do acontecido o ano pasado no Aberto disputado en Manzaneda quedan algunhas imaxes e un vídeo excepcional sobre o xeito particular de golpear dos xogadores da Marea Verde de Manzaneda, esperamos que non atemorice ao equipo de San Xoán de Río.

O golpeo característicos de Pablo é o trigolpe, que se efectúa con dous golpes de dereita para marear a billarda e un un golpe de revés demoledor e imparable.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *