En Soandres ganou Bonxe e iso que o Río Miño queda ben lonxe.
No Campo do Sal todo era normal. O ceo estaba azul e o vento viña do sur. Os xogadores ataban os cordóns da alma e as xogadoras vestíanse de calma. As billardas sabían da súa importancia, ademais, decisiva podía ser calquera circunstancia. Ben, deixemos as rimas que descansen e centrémonos no que sucedeu en Vista Alegre (Soandres-A Laracha). Temperatura por enriba dos 20 graos e as sombras eran necesarias e foron moi usadas por xogadores e xogadoras.
Os equipos presentaron as súas mellores figuras deportivas e o espectáculo presaxiábase, intuíase e incluso sucedeu o que tiña que pasar. Si, Campo da Feira (75 ptos) volveu ganar por segunda xornada consecutiva e xa ten 35 ptos máis que Cochiqueiros na clasificación xeral. APB (72 ptos) resucitou e acadou o segundo posto. O actual campión Noroeste, despois de 4 xornadas con dificultades para presentar máis de 7 xogadores/as e sen opcións de triunfo e deixándose puntos polo camiño con relación a Campo da Feira e Cochiqueiros, por fin, presentou unha aliñación de garantías con 11 xogadores/as. O caviar do equipo da Laracha tivo unha actuación acorde co seu nivel e a piques estivo de levarse a xornada. Cochiqueiros (70 ptos) continúa no seu bo momento de forma e mantén a segunda praza da xeral con 22 ptos máis que APB.
Filloas de Sangue (57 ptos) tivo notables ausencias e con 6 xogadores quedou na cuarta praza, aínda que bastante lonxe dos 3 primeiros postos. Agora o equipo da Coruña queda na xeral a máis de 60 ptos da terceira posición do podio, cousa que nos fai sospeitar que esa cuarta posición é a que lle vai corresponder ao final de liga, pois, o quinto posto de Foucellas tamén está moi lonxe. Foucellas da billarda foi quinto con 37 ptos. Río Miño foi sexto con 34 ptos.
A victoria na xornada foi para Bonxe (Río Miño-Castro de Rei) o palanador que veu de lonxe, tan de lonxe como a Terra Chá. O xogador de Río Miño ganou a súa primeira xornada Noroeste e fíxoo con solvencia e prestancia. Na Final levouse por diante a todos, xa que entrou no segundo golpe, cousa que non puideron acadar o resto de finalistas. Segundo foi Abel Regueiro (Cochiqueiros-Cerceda) e terceiro Eladio (Campo da Feira-Paiosaco). Estes dous últimos entraron no terceiro golpe e foron ao desempate. O resto dos finalistas, Abel Ponte, Riveiro e Valentín non entraron no terceiro golpe, daquela quedaron sen podio, non obstante na foto pintan ben, dan colorido coas súas camisetas.
Campión da xornada Bonxe (Río Miño-Castro de Rei, subcampión Abel Regueiro (Cochiqueiros-Cerceda), terceiro Eladio (Campo da Feira-Paiosaco.
Na Categoría Feminina ganou Irene (Cochiqueiros-Cerceda), segunda foi Merche (APB-A Laracha) e terceira Chus (Cochiqueiros-Cerceda).
Na Categoría Infantil ganou Valentín (Filloas de Sangue-A Coruña), segundo foi Kevin Torres (APB-A Laracha) e terceiro Aleixo (Cochiqueiros-Cerceda).
Abel Ponte recibiu un agasallo de lembranza das súas 100 xornadas de billarda. Empezou sendo un neno e agora xa é un mozo e continúa con nós. Tanto o seu padriño, Xulio Ponte, como o seu pai Óscar Ponte, son as persoas fundamentais para que este rapaz se achegara á billarda un día 17 de abril de 2016. Magnífico exemplo de transmisión e conservación do noso patrimonio lúdico. Por suposto, Abel Ponte puxo moito da súa parte, pois é un mozo de esquisito trato e educado nos valores de respecto, honradez e moita paciencia, pois, tivo que aguantar a Edu moitas xornadas.
Nesta xornada 14 tamén se decidían 5 prazas para participar na Super Copa de Billarda 2024 televisada pola TVG2 o día 27 abril (A Coruña). Pois ben, estas prazas foron para Eladio, Juan Carlos e Viqueira na Categoría Absoluta, para Irene na Categoría Feminina e para Kevin Torres na categoría Infantil. Desta maneira, xa temos 11 clasificados a falta da xornada 14 Rías Baixas na que se disputarán outras 5 prazas ata completar 16 prazas. Nesta imaxe de abaixo aparecen os grupos de competición da Super Copa Billarda coas xogadoras e os xogadores xa clasificados.
ELADIO Campo da Feira
JUAN CARLOS Campo da Feira
VIQUEIRA-Cochiqueiros
IRENE Cochiqueiros
KEVIN TORRES APB
COLLAZO APB
MERCHE APB
VALENTÍN Filloas de Sangue
Por outra beira, esta xornada 14 é a primeira que puntúa para facer a Selección Noroeste que se enfrontará á Selección Rías Baixas na terceira semana de xullo, tamén televisado pola TVG2. Así, a suma das puntuacións alcanzadas nas últimas 5 xornadas da temporada otorgarán 4 prazas Categoría Absoluta, 2 prazas Categoría Feminina e 2 prazas Categoría Infantil para a Selección Noroeste e o mesmo sucederá na Conferencia Rías Baixas. Desta maneira, a selección NOROESTE estará formada por 8 xogadores/as (4 absoluta NOR, 2 feminina NOR, 2 infantil NOR). A selección RÍAS BAIXAS polo mesmo número de xogadores/as.
FOTOS
VÍDEOS