En MARÍN vitoria dunha panteira, non foi Abel nin Berdi, foi VIQUEIRA
O Campo de Seixo estaba nunhas condicións magníficas ou excelentes, cando non bárbaras e fabulosas. Este marco incomparable e soberbio para a práctica da billarda fixo que a diversión e o goce sobre a herba deixara magníficas imaxes e golpes troposféricos e algún estratosférico. A alegría foise facendo no corpo e na mente de xogadoras e xogadores conforme entraban nas instalacións deportivas de Seixo. Pouco a pouco, a tarde fíxose cor vermella e rosa. Cor Vermella de Corredoiras, que se fixo coa vitoria na categoría de Equipos e cor panteira Rosa de Cochiqueiros, que se fixo coa vitoria Individual na persoa de Viqueira, a panteira de Cerceda con mellor visión nocturna.
Certo, a temperatura por enriba dos 20 graos axudaba a encherse de alegría e felicidade. Todo prevía que chegar aos 20 ptos sería sinónimo de éxito. Só tres xogadores estiveron neses números, Ricar e Xián, con 22 ptos cada un e Hugo con 21 ptos. A presenza das Panteiras de Cerceda amenizou a tarde, pois están nun estado de forma excepcional e achegáronse a Marín, como depredadoras que son, a devorar o podio. Finalmente, foi Viqueira quen mordeu o podio e mordeuno no primeiro chanzo.
Esta vitoria pode quedar escurecida polo acontecido na viaxe de regreso do equipo rosa. Si, o premio foi un lote de produtos de alimentación baseados na carne de cocho. Coñecida a natureza depredadora das panteiras non chegaron a un acordo amistoso sobre como repartir a carne. Viqueira empeñado en non repartir co grupo por moito que compartan a mesma especie e as outras feras, Berdi e Abel, que hai que repartir. Conclusión, o rabaño sempre é máis poderoso que o individuo.
Viqueira, a panteira coa camiseta máis pálida (confundiuse co deterxente e as consecuencias están á vista) foi quen se levou a vitoria. Na segunda posición quedou Ricar de Corredoiras Bueu e terceiro Marcos Jr. de Armadiña de Combarro. En Categoría Feminina, venceu Tania de Valpaços Terra Quente de Vigo, segunda foi Bego de Corredoiras e terceira Mónica de Gharaboto de Marín. En Categoría Infantil, foi primeiro o Raio Verde Xián de Lúa de Forza Sanxenxo, segunda Antía de Gharaboto e terceiro Brais de Valpaços. En Categoría Equipos A, venceu Corredoiras, segundo foi Lúa e terceiro Gharaboto. En Categoria Equipos F, ganou Valpaços, seguido de Gharaboto e terceiro foi Lúa.
ACTAS
A xornada podemos catalogala de portentosa para Ricar e Xián, quen con 22 ptos sitúanse a 1 pto do novo líder, Xan. Tamén, hai que destacar a actuación de Marcos Jr, porque acadou o podio por vez primeira na súa segunda xornada de liga. Marcos Jr. debutou na primeira xornada e a súa progresión é evidente. Outro talento celeste de Armadiña. Os seus límites nin el mesmo os coñece e o seu potente golpeo pode marcar unha época de triunfos para o equipo de Combarro. As dirixentes de Armadiña comezaron a negociar a renovación de Marcos para que outros equipos non chegue ningún equipo con algunha oferta desorbitante que seduza ao xogador.
FOTOS
Corredoiras venceu cun punto máis que Lúa e con 6 máis que Gharaboto. As cousa na xeral de Equipos continúa cos 3 grandes loitando polo podio. Gharaboto mantén o liderado con 12 ptos máis que Corredoiras e que Lúa, empatados na segunda posición. Valpaços mantén o paso, agora queda a 19 ptos dos tres grandes. Armadiña e Rinoceronte distanciáronse bastante da loita polo podio. En Equipos F, Valpaços deu unha trabada importante e supera a Gharaboto en 7 ptos. Armadiña mantén a terceira praza, agora cun só punto de distancia sobre Lúa. Corredoiras notou a ausencia de Chefa e queda a 8 ptos da cuarta praza de Lúa. Rinoceronte cerra a cancela.