CRISE aberta en Corredoiras polo liderado de equipo. Charri exixe máis protagonismo e revisión á alza do seu salario
Xa pasaron dous días e os ecos do liderado de Charri seguen producindo noticias. En Beluso non se fala doutra cousa que non sexa o do liderado do Mexicano. Por vez primeira na súa carreira deportiva, Charri saborea o elixir da gloria e faino en vaso de tubo. Na foto de abaixo vémolo diante da súa casa saudando a veciños e turistas que se paran a tirarlle unhas fotos… e non lles cobra nada, oxeneroso e altruísta palanador de Corredoiras.
A súa puntuación non deixou lugar a dúbidas sobre a súa candidatura ao título desta temporada. Cousa que desatou a primeira crise da temporada en COR.
Sábese que o número 1 do equipo e actual campión LNB RÍAS BAIXAS é Ricar. Pois ben, Charri está descontento co seu papel secundario e quere máis poder de decisión e non condicionar o seu rendemento ás ordes de equipo. En definitiva, quere ser o mellor pagado do equipo, xa que os resultados aválano. A noite pasada Outeiro convocou unha reunión de urxencia para solucionar esta minicrise. Non temos comunicado oficial de COR. Só nos chegou esta imaxe da xuntanza.
Semella que todo se resolveu cun pouco de cariño e moito de lúpulo e cebada. Tamén conseguimos descubrir o secreto da evolución meteórica dos resultados de Charri. Pasou parte do confinamento no país dos seus anteasados e meténdolle ao corpo duros e intensos adestramentos xogando cun palán máis pesado para fortalecer a súa pegada.
Outro dos destacados na xornada do sábado en Salcedo foi o roqueiro de Pontesampaio, Juanchi. Nada máis chegar á casa xa tiña un burofax dunha compañía de equipación deportiva que lle propoñía ser a imaxe da súa nova campaña publicitaria. Aquí temos as primeiras fotos da nova equipación de Lúa de Forza 2020-2021, masculina e feminina.