Salgue gana en Marín e Lúa acada o liderado, por fin.
As Borrascas do Atlántico cabalgaron polas Rías Baixas nesta primeira fin de semana de maio. Circunstancia meteorolóxica que propiciou o belido espectáculo da Billarda Baixo Teito (BAITE). Para cando unha liga desta especialidade de Billarda? Esta Liga BATEI sería moito máis bondadosa coas cativas e cativos que inician a práctica da billarda e con aquelas outras persoas que por condicións físicas precisan de terreos onde a billarda esvare. As mostras de alegría e entusiasmo que se producen cando a billarda entra no varal despois de esvarar polo chan do pavillón son optimismo para o espírito e medicina para o corpo. A práctica da BAITE debería estar recomendada pola Organización Mundial da Saúde.
Así, a xornada 15 da LAB Rías Baixas disputouse no pavillón do IES Illa de Tambo de Marín. Ganou a xornada Salgue de Valpaços Terra Quente de Vigo, segundo foi Chicho e terceiro Xan, os dous de Lúa de Forza Sanxenxo. Na Categoría Feminina foi primeira María Caride de Gharaboto de Marín, segunda Lita do mesmo equipo e terceira Lu de Lúa de Forza. Na Categoría Infantil, venceu O Raio Verde Xián de Lúa, segunda foi Aldara e terceira Antía, as dúas de Gharaboto. En Categoría Equipos F, ganou Gharaboto, segundo foi Valpaços e terceiro Armadiña de Combarro. En Equipos A venceu Lúa de Forza, segundo foi Gharaboto e terceiro Corredoiras.
ACTAS
Despois da Super Copa de Billarda 2024 na que a actuación da representación Rías Baixas non estivo ao nivel que se lle supón, había que continuar buscando os obxectivos de final de liga. Faltan 3 xornadas e as clasificacións individuais respiran aire de primavera. O Campión Absoluto da LAB 2023-24 está moi definido e se non lle cae un Raio enriba de aquí ao final de liga, Xan Rodiño (341 ptos) repetirá título. A segunda praza ocúpaa agora O Raio Verde Xián (302 ptos) que adiantou a Álvaro (299 ptos). Piru (287 ptos) mantense a unha distancia de seguridade e non está descartado para o podio.
Na Categoría Individual Feminina, Lu (259 ptos) distanciouse un pouquiño máis de Tania (246 ptos) despois desta xornada. Aínda así, as dúas deberán continuar ata a última xornada disputándose o Título, xa que, a distancia son 13 ptos a favor da xogadora de Lúa e coñecendo o potencial de Tania e con 3 xornadas por diante non hai nada decidido. A terceira praza do podio está no aire, pois, ata 3 xogadoras de Gharaboto optan a ela. Elena (219 ptos) ten vantaxe sobre Antía (214 ptos) e Mónica Padín (213 ptos), mais esta vantaxe é pequena, sobre todo, con 3 xornadas por diante.
Na Categoría Infantil, O Raio Verde (302) renovará Título, Antía (214 ptos) será segunda e a terceira praza aínda está por decidir entre Aldara (116 ptos) e Sofía (106 ptos). Detrás vén toda a cativada que por idade non ten a forza suficiente para loitar polo podio, de momento! Haberá que esperar un par de temporadas para ver se alguén lle pode facer sombra ou facer de pararaios ao intratable Xián.
Na Categoría Equipos F, o Título ten nome e dirección, Gharaboto F de Marín non tivo rival á súa altura e ganou en 10 xornadas das 15 disputadas. O equipo azul vai renovar Título e de novo parte como o gran favorito, tanto para o Campionato Galego 2024 (19 de maio-Compostela) como para a Fase Final da LAB (30 xuño-Compostela).
Na Categoría de Equipos Absolutos é onde está a lea máis interesante e co maior nivel de incerteza e curiosidade. A trama parece sacada dalgún relato de Vicente Risco. Gharaboto estivo líder desde a primeira xornada de Liga do Grove, alá por setembro do 2023, e xusto na xornada de Marín, na que era o equipo local, pois, vaia, que perdeu o liderado por vez primeira. Realmente, a situación non variou demasiado, pois Lúa de Forza (1.233 ptos) sitúase líder cun puntiño de diferenza sobre Gharaboto (1.232 ptos). Non obstante, dado o potencial e número de xogador@s de Gharaboto, toda cábala pasa polo clima. Se algunha das xornadas que restan por disputarse (Cambados, Soutomaior e Pontevedra) houbese que xogala baixo teito, Lúa de Forza tería opcións reais, pois o seu rendemento na billarda BAITE é superior ao de Gharaboto (segundo os resultados optidos nas xornadas Baixo Teito). No caso máis normal de que as xornadas que faltan se xoguen en exterior, pois ben, as cousas van estar no aire, no aire e no vento que sopre a favor das billardas que golpeen un e outro equipo. A terceira praza está asegurada para Corredoiras. A cuarta tamén está segura para Valpaços Terra Quente. Armadiña será quinto e Rinoceronte sexto.
Disputáronse o podio da xornada Álvaro e María Caride de Gharaboto, Chicho de Lúa, Salgue de Valpaços, Xan de Lúa e Suso de Gharaboto. Salgue e Chicho entraron no segundo golpe e Suso, Álvaro e Xan no terceiro. Así, o terceiro posto do podio decidiuse nun golpe de desempate que ganou Xan e o primeiro e segundo posto do podio tamén se decidiu nun golpe de desempate entre Chicho e Salgue. Neste desempate golpeou primeiro Chicho, quen lle meteu tal golpazo ao aire que deixou apampados os átomos de osíxeno e sen respiración os átomos de nitróxeno. Ben, despois Salgue golpeou a billarda con suavidade para ganar a xornada.
PRÓXIMOS EVENTOS