CAMPIONATO DE SELECCIÓNS 2023, CULLEREDO 22 DE XULLO
O vindeiro sábado celebrarase o Campionato de Seleccións Norte-Sur. Será televisado pola TVG2 e TVG24.gal. O ano pasado celebrouse en Abegondo e este ano o escenario será o Complexo Deportivo de Acea da Má en Culleredo. O campionato anterior foi unha vitoria incontestable, inapelable e indiscutible do Sur. O marcador foi obvio, claro e patente, 12-3 para o Sur. Vaia, iso xa é historia. A realidade desta temporada é que o Norte medrou, en idade e en rendemento deportivo e desta vez poden dar a sorpresa. Pensamos e dicimos que a Selección Norte é máis potente que o ano pasado. Veremos, miraremos, oiremos e escoitaremos se os comentaristas da TVG, por fin, narran un triunfo da Selección Norte sobre o todopoderosa Selección Sur.
A Selección do Norte está formada na Categoría Absoluta por Collazo, Juan Carlos, Roi e Viqueira, na Categoría Feminina por Merche e Irene, na Categoría Infantil por Miguel e Valentín. 4 equipos da Conferencia Noroeste teñen representación nesta Selección.
Polo Sur, forman parte da selección na Categoría Absoluta, Xan, Álvaro, Ricar e Hugo, na Categoría Feminina, Bego e Antía, na Categoría Infantil, Xián e Lucía. Unha selección moi nova e moi feminina, xa que 4 dos seus integrantes están en idade infantil, ou sexa, a metade. Ademais, son 3 xogadoras dun total de 8 integrantes. Esta selección ten xogadores e xogadoras de 4 equipos da Conferencia Rías Baixas.
SISTEMA DE COMPETICIÓN
Formaranse 4 grupos de 4 xogador@s, 2 do NOR e 2 do SUR. Cada grupo xogará 3 carreiras. Sumaranse os ptos que consigan xogador@s do NOR para a Selección NOR e os ptos que consigan xogador@s do SUR para a Selección SUR. Ao final de todas as carreiras de todos os grupos haberá un marcador final. O campo de xogo será o Campo de Rugby do Complexo deportivo Acea da Má. Usarase como varal a portería de Rugby. Este varal estará a 40 m da zona de saída. Cada xogador/a terá 3 golpes para entrar e conseguir ptos.