Sábado, Abril 27, 2024
ActualidadeXornada

A Selección Norte esmigallou a supremacía do Sur

Sobre o terreo do campo de rugby do Complexo deportivo de Acea da Má en Culleredo, todo semellaba comezar como de costume. O primeiro golpe de Antía puxo o medo no corpo e o tremor na pel dos integrantes do Norte. Un impresionante Varado que levantou un oooohhhhh desde as gorxas ao ceo aberto. Os primeiros 3 ptos subiron ao marcador. A selección Sur púxose 5-0 despois da primeira carreira e as casas de apostas non dubidaban doutra nova vitoria do Sur. 6-1 despois da segunda carreira. Máis aínda cando chegados ao ecuador do campionato de seleccións, isto é, despois de 6 carreiras xogadas, o marcador indicaba 15-9 para o Sur. Ademais, o pesimismo reflectíaso nas facianas de xogadoras e xogadores do Norte. Un coro de blasfemias e xuramentos sobrevoaban o banquiño da Selección Norte. Pola outra beira, todo era brincadeiras e risos, cando non retranca nos comentarios e ironía nas expresións. En fin, nada presaxiaba o que logo sucedeu e ninguén esperaba.

Pois ben, nas seguintes 6 carreiras trocou o panorama. A arañeira do Norte estaba funcionando. Sóubese ao final que o plan do Norte era facilitar a chegada do exceso de confianza ao seu rival e o carácter exhibicionista das xogadoras e xogadores do Sur fixo o resto. Era tal a enchente de grandeza e confianza que algún xogador do Sur incluso se permitía facer acenos ás cámaras en sinal de superioridade. Vaia, ademais deste plan xenial confeccionado polo adestrador do Norte, Julito Vilas, algunhas persoas din que tamén influíu moito a inxestión de varias rebandas de pan de millo untadas con compota de pementos de Padrón que tomou a Selección do Norte, nese momento de máxima diferenza no marcador.

Na sétima carreira a diferenza de 6 ptos que tiña o Norte pasou a ser de 4, 17-13. Na oitava, a distancia quedou en 2 ptos para o Sur, 17-15. A novena carreira que disputou o grupo 1 foi definitoria do que ía suceder, pois, Viqueira comezou a carreira facendo un Varado e dándolle 3 ptos para o Norte que daban a volta ao marcador. Ademais, Miguel conseguiu 2 ptos máis para o Norte. Xan acumulou 1 ptos para o Sur e o marcador quedaba 18-20 para o Norte. Na seguinte carreira Merche con 2 ptos e Collazo  cun pto para o Norte e Ricar cun pto e Xián con outro pto deixaban o marcador 20-23 para o Norte. Na penúltima carreira Bego daba algunha experanza ao Sur, xa que, conseguiu un varado e 3 ptos, pero Juan Carlos con 2 ptos e Valentín cun ptos, igualaron os 3 de Bego. Hugo non puntuou para o Sur. Así, 23-26 era o marcador a falta da última carreira.

As contas estaban claras, Álvaro tiña que facer un varado para poñer algo de presión ao Norte. Golpeou o de Gharaboto e non entrou. Agora con 3 ptos entre Roi  e Irene a vitoria estaba conseguida para o Norte. Golpeou Irene e fixo un bo golpe. Golpeou Lucía e tamén fixo un bo golpe. Segundo golpe para Álvaro. Se conseguía entrar neste golpe serían 2 ptos para o Sur e daría algo de emoción. Álvaro non entra. Agora todo o que podía conseguir o Sur era empatar, sempre que non entrase nin Roi nin Irene e Lucía entrase neste segundo golpe. Golpe de Irene e non entra. De momento segue vivo o Sur. Golpe de Lucía e alá vai. O Norte xa é campión. Golpea Roi e para certificar esta vitoria entra no segundo golpe e acada 2 ptos máis para o Norte. Último golpe para Álvaro que entra cun ptos. Irene golpea e non entra e Lucía golpea e non entra.

Resultado Final

SUR 24

NORTE 28

Triunfo merecido e suficiente para dicir que o Norte encontrou a apócema secreta para vencer. Aquela derrota do ano pasado por 12-3 quedou esquecida e agora hai un ano por diante para mostrar a fachenda e orgullo deste logro, nin máis nin menos que ata o próximo Campionato de Seleccións de Billarda do 2024.

Ademais, a aposta por unha Selección Sur tan nova e inexperta costoulle o cargo de seleccionar a Charri. O mexicano de Beluso foi cesado horas despois do Campionato. As palabras do Got Talent Charri foron poucas, pero moi precisas e contundentes “Lo siento, me he equivocado, no volverá a suceder“. O caso é que estas palabras non foron quen de evitar a súa destitución fulminante. Agora, todo fai indicar que Taxeiro collerá o timón Sur para recuperar a corredoira da vitoria.

SELECCIÓN GALICIA NORTE
SELECCIÓN GALICIA SUR

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *