Xoves, Marzo 20, 2025
ActualidadeXornada

COMEZA A TEMPORADA 2023-2024

A nova temporada trae algunha novidade significativa no sistema de puntuación e nas medidas do campo de xogo. Novidades que pretenden dar máis espectáculo, permitir que máis competidoras e competidores teñan posibilidade de entrar no varal en 4 golpes ou menos e que as clasificacións manteñan poucas diferenzas de puntos e manteñan a máis xogadoras e xogadores con opcións, tanto de podio como de clasificación nos postos de finalista. Ao mesmo tempo, búscase reducir o tempo de xogo. Veremos se se conseguen os obxectivos.

O domingo 10 de setembro en Arteixo, Campo Ponte dos Brozos, 11h, comeza a LAB Noroeste 2023-2024. Os equipos están apurando as últimas horas para cerrar fichaxes. Algunha información xa se pode adiantar. O Noroeste está esnaquizando o mercado de contratación e, a 48 horas da primeira xornada en Arteixo, hai 8 equipos inscritos na competición 2023-2024, si, oito equipos! Este ano a cousa vai en serio. O Noroeste non se contenta con estar na segunda posición do podio das últimas 3 fases finais na Categoría individual Absoluta e ganar a Categoría individual Infantil e a Categoría Individual de Varados. Agora, vai a polo título nas categorías que se lle resisten, as categorías de máis prestixio, a categoría de Equipos, tanto Absoluta como F, e a Categoría individual Feminina. Desta vez seica non vai de farol como outras veces.

Así, podemos confirmar as novidades nos equipos máis punteiros da última temporada. APB ten grandes novidades. Por unha beira, Lito Pena non renovou e marchouse para liderar un novo equipo, Os Foucellas, equipo co que pensa dar moitas sorpresas e cando non optar a unha das prazas que dean dereito a participar na Fase Final 2024. Pola outra, esta baixa de consideración en APB foi rapidamente contrarrestada coa volta de Añón Ambroa, o ReTornado. Un palanador que garantiza espectáculo e resultados. Tamén, o equipo larachés incorpora a Kevin Evangelista na Categoría Infantil e a Rosirene na Feminina. A temporada pasada o equipo vermello da Laracha foi o Campión por vez primeira e agora queren confirmar esa posición, amáis de postularse como alternativa a Corredoiras Bueu, dominador da Liga Atlántica de Billarda das últimas dúas temporadas.

Campo da Feira mantén o bloque da temporada pasada sen ningunha novidade e confía en poder ser alternativa a APB. Se acaso, chegada a época de inverno, se os resultados non cumpren as súas expectativas pensaría en reforzar o equipo no mercado da liga canaria de billarda.

Cochiqueiros de Cerceda segue coa súa liña iniciada a temporada pasada de apostar forte pola sección F que tan bos réditos lle deu. Mantén os xogadores da temporada pasada e, ademais, este ano presenta na competición un equipo filial, Billarda Río Miño. Este equipo filial está formado por palanadores e palanadoras da Terra Chá, comarca na que o equipo rosado ten un proxecto deportivo de captación de novos talentos. Este filial ten como obxectivo que palandoras e palanadores chairegos adquiran experiencia e nivel para que poidan dar o salto ao primeiro equipo de COQ.

Filloas de Sangue da Coruña presenta un equipo coma todas as temporadas competitivo e con experiencia. Agora, todo vai depender do número de xogadores cos que poidan contar cada xornada. Evidentemente, os 4 tenores non van faltar, Lois, Gándara, Miranda e Josecho. Ademais, Valentín xa está cerca da madurez competitiva e pode ser o combustible que prenda o facho de Hércules. Morís, Ínsua, Corral e os Fontán axudarán ao equipo coruñés.

O Cadaval de Castro de Rei presenta un equipo A e un equipo B. O equipo A con 9 integrantes e o equipo B, Billardeiros Musicais con 14 integrantes e moito máis potente. Nas xornadas que estea presente BMU vai ter moito que dicir, incluso pode optar ao título de Conferencia no caso que acudan a todas as xornadas.

En resume, vemos varios equipos con corpo para ser campión, entre eles APB, FEI, MIÑ e BMU (sempre que estes dous últimos asistan a todas as xornadas). Despois estarían COQ e FILL loitando por praza de podio. Foucellas é unha incógnica, posto que conta coa maioría de xogadores noveis e só Lito Pena ten experiencia notable na competición.

Óscar García e Aroa deixan a Categoría Infantil, cousa que deixa en mans de Valentín e Kevin a loita polo título.

O sábado 9 setembro no Grove, Praza do Corgo, 17 h comeza a LAB Rías Baixas. A 24 horas do inicio poucas novidades nas Rías Baixas. COR conta coa incorporación de Martiño. GHA ten 3 novidades, Anxo, Estela e Mónica López. LÚA ningunha novidade. VAL mantén o equipo do ano pasado. ARM incorpora a Ainhoa, Jaime e Adrián Padín. RIN conta co mesmo equipo do ano pasado. En fin, pouco movemento e COR e GHA parten como candidatos ao título. LÚA estará axexando por se acaso se debilitan os dous grandes da liga en algún momento.ARM, VAL e RIN terán xornadas que poidan pelexar o podio e tamén loitarán por esa cuarta praza que dará dereito a xogar a Fase Final 2024.

Na Categoría Infantil salientar o paso de categoría de Lucía e Hugo. Cousa que deixa a Antía e Xián nun man a man para o título, sempre que Mauro, Sofía e Aldara o permitan. Nas demais categorías os candidatos e candidatas de sempre e algunha sorpresa. Veremos se a redución da lonxitude dos campos de xogo a 40 metros inflúe nos resultados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *