Galicia xaora na memoria garda, a Super Copa de BILLARDA
A Super Copa de Billarda 2023 celebrouse na Coruña, no campo municipal de fútbol Victor Fernández Alonso (Antigo Leyma). Foi retransmitida en directo pola G2 e pola G24.gal. Ademais, o vídeo dunha hora de duración do torneo está na páxina web da Galega, no enlace …. SUPER COPA de BILLARDA. A tarde do sábado 29 de abril luciu nos ollos e quentou os corpos de xogadoras e xogadores. Ben, participaron os campións e campioas de Coferencia da temporada 2021-22, Noroeste e Rías Baixas, nas categorías Absoluta, Feminina e Infantil xunto con xogadoras e xogadores que conseguiron as súas prazas polor resultados da última xornada de liga tanto no Noroeste como nas Rías Baixas. En total, 16 participantes, dos cales, 8 eran xogadores de categoría Absoluta, 4 eran xogadoras da categoría feminina e 4 xogadorxs da categoría infantil.
A competición desenvolveuse a 3 carreiras na Fase de Grupos e a 2 carreiras na Fase Final. Campo de herba artificial e as cámaras de televisión foron dúas variables que condicionaron as pulsacións e latexos d@s participantes. Expectación e curiosidade por ver como se comportarían as billardas e os paláns, e sobre todo, como reaccionarían estes deportistas en circunstancias tan especiais. Pois ben, as cousas foron como sucede en calquera xornada de liga, algunhas billardas avanzaron máis, outras menos, outras entraron polo varal e outras nin se acercaron a ese lugar tan desexado. Houbo golpes magníficos, golpes interesantes, golpes intranscendentes e golpazos. En fin, o público asistente e televidente admirou a beleza do voo dun anaco de madeira que ten o privilexio de superar os límites da lei da gravidade durante uns segundos infinitos.
Os resultados estiveron dentro do previsto se consideramos que os favoritos eran os que accederan como campións das respectivas conferencias Noroeste, Collazo, e Rías Baixas, Xan Rodiño. Así, no grupo 1 clasificouse para a final Collazo de APB A Laracha con 4 ptos, por diante do Infantil Kevin Torres do mesmo equipo con 2 ptos. Na terceira e cuarta posición situáronse Bego de Corredoiras Bueu que acadou 1 pto e Juanchi de Lúa de Forza Sanxenxo tamén 1 pto. Este foi o grupo máis potente se temos en conta que tod@s @s integrantes puntuaron, cousa que non sucedeu en ningún dos outros 3 grupos. No grupo 2 clasificouse para a final Xan de Lúa de Forza Sanxenxo con 4 ptos, segundo foi o infantil Xián do mesmo equipo quen alcanzou 1 ptos. Mercedes de Campo da Feria de Paiosaco e Cotelo de APB non conseguiron puntuar. No grupo 3 pasou á final Viqueira de Cochiqueiros de Cerceda con 3 ptos. Tanto Merche de APB, Pepe de Corredoiras, como o infantil Miguel de Campo da Feira non lograron puntuar. No grupo 4 Lu de Lúa de Forza fixo 1 pto e meteuse na final. Lino de Lúa de Forza, Lois Fontán de Filloas de Sangue da Coruña e a infantil Lucía Cespón de Valpaços Terra Quente de Vigo non lograron puntuar.
Na final a 2 carreiras, mantivéronse os prognósticos e tanto Xan como Collazo dominaron a final. Así, o de Lúa de Forza venceu con 3 ptos, seguido por Collazo con 2 ptos. Viqueira e Lu non puntuaron e tiveron que ir a un golpe de desempate para establecer a terceira posición do podio. Finalmente, Lu quedou terceira. A posición de Lú non podemos considerala sorpresa xa que esta palanadora é das máis laureadas con 3 títulos de campioa a nivel galego. Aínda así, deixar a Viqueira fóra do podio non é doado, xa que o de Cerceda ten un dos máis potentes golpes da liga. Quedou demostrado con varios golpes sensacionais desde máis atrás de medio campo e que lle saíron pola liña de fondo do varal. A mala puntería de Viqueira estragou as súas posibilidades de vitoria.
PODIO FINAL
Despois deste evento televisado comeza xa a conta atrás para o seguinte que será a finais de xullo. As puntuacións das últimas 5 xornadas da LAB (Liga Atlántica de Billarda) contarán para determinar os representantes de cada Conferencia no Campionato de Seleccións Norte-Sur. Haberá 4 prazas na categoría absoluta en cada Conferencia, amáis de 2 prazas nas categorías feminina e infantil. En total, 8 representantes Noroeste que se enfrontarán a 8 representantes Rías Baixas. Tamén, televisado pola G2 e G24.gal