Xoves, Maio 2, 2024
ActualidadeXornada

A 4 días para as Finais, de vitoria quen ten posibilidades reais?

Desde Bueu chéganos este audiovisual emotivo e conmovedor. O equipo local Corredoiras está preparando o escenario da Fase Final da Liga Atlántica de Billarda, isto é, o Campo da Estacada sen medir en medios materiais e humanos. Nesta ocasión utilizou unha das ferramentas de vangarda no coidado de xardíns e cespedes, unhas tesoiras de aceiro. Ademais, puxo este artiluxio de nova xeración nas mans dun experto Técnico Superior en coidados intensivos de xardíns e Agrimensor, Fari. As imaxes falan por si mesmas e os individuos protagosnistas tamén.

Por outra banda, as novidades a 4 días das Finais son poucas, pero son. Entón, comezaremos pola representación do Noroeste que este ano si, este ano afirma, confirma, corrobora e acredita que van a polos Títulos que non teñen. Despois de conseguir o primeiro Título da Fase Final para o Noroeste a temporada pasada con Óscar García en Infantil, este ano queren acadar algún dos Títulos Individuais e por suposto o Título de Equipos.

Son tres os equipos Noroeste que van disputar as Finais de Equipos. APB como actual campión NOR 2022-23 presenta un equipo moi poderoso comandado por Collazo. Así, completan o sexteto Roi, Ricardo, Riveiro, Cotelo e teñen a dúbida ata último momento de Lito Pena. Todos palanadores que se clasificaron entre os 10 primeiros da Xeral, excepto Lito que faltou a 6 xornadas e non conseguiu a praza de finalista individual, cousa que indica o potencial e recursos que ten o equipo da Laracha. No caso de non poder contar con Lito terían que botar man de Merche, xa que, Kevin tampouco está dispoñible para ese día. Despois, Campo da Feira de Paiosaco tamén presenta un sexteto de garantías, aínda que algo irregular esta temporada. Non hai que esquecelos para o podio, mais sería sorprendente que optaran ao Título. Cochiqueiros rematou a temporada nun momento de forma excelente. O equipo de Cerceda notou a maduración deportiva de Abel, David e Marco. Viqueira e Berdi son valores seguros, polo tanto, tampouco hai que descartar ao equipo rosado para o podio. Pensamos que para acercarse ao Título aínda non está preparado.

Do lado da Conferencia Rías Baixas, son 4 equipos os clasificados para esta Fase Final. Corredoiras, como Campión 2022-23 Rías Baixas e actual Campión 2022 da Fase Final da Liga Atlántica de Billarda, volve a ser o favorito para renovar título. Ao potencial que tiña o equipo de Bueu a temporada pasada engadiu este curso a presencia de Pepe e Novas. Entón, quen pode ameazar a hexemonía de Corredoiras? Pois ben, tendo en conta que durante a Liga Regular ningún equipo lle pode discutir o triunfo a un só día e nunha Final, APB pode complicarlle as cousas. Despois, situaríamos nun segundo plano a Campo da Feira, Gharaboto e Lúa, equipos que poden ter un bo día e optar ao Título. Sempre que se dean unhas circunstancias propicias e que o antolladizo e caprichoso azar lles bote unha man ou un palán. No terceiro chanzo estarían Cochiqueiros e Valpaços Terra Quente. Este último equipo Valpaços de Vigo é a primeira vez que se clasifica para unha Fase Final.

En Equipos F a representación do NOR será por parte de Cochiqueiros F. Pensamos que as súas opcións pasan por loitar a terceira praza do podio. Conseguir algo máis importante sería unha sorpresa maiúscula. O claro e único favorito para alzarse co Título de Equipos F que se disputa por vez primeira é Gharaboto. Non queremos esquecer e non o facemos a Valpaços Terra Quente que se ten o día pode poñer en apuros serios ao equipo de Marín. A outra loita vai estar por acadar a terceira praza do podio. Aquí xa entran o resto de equipos, Lúa de Forza, Corredoiras e Cochiqueiros terán que apuntar e golpear con precisión.

 

De todos os xeitos, o deporte da Billarda ten un ingrediente de variabilidade que non hai modo de descifrar e calquera prognóstico diríxese costa abaixo e sen freos, co conseguinte risco de esnafrarse contra un poste de viña. En fin, calquera pode ser campión e calquera pode quedar sen selo.

Os equipos e xogadoras prepáranse como saben e como queren. Temos as primeiras imaxes do equipo que chega con máis ilusión e, por que non dicilo, con máis apetito a esta Fase Final. Apetito deportivo e do outro tamén. Vaia e tamén sede.

SEGUIREMOS INFORMANDO DAS ÚLTIMAS NOVAS ANTES DE…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *