Satisfacción en Cochiqueiros, conseguiron que o xabaril non entrara no campo de billarda.
O céspede do campo de fútbol das Encrobas en Cerceda estaba impecable e impoluto. Antes de comezar a marcar os campos houbo que desactivar o pastor que rodea o campo para protexelo dos fociños do porco bravo. A tribo Noroeste foise acomodando ao escenario pastoril e bucólico do verde prado das Tinaxas. Que gran recibimento tiveron as expedicións chegadas de máis lonxe, das provincias de Lugo e Pontevedra, incluso foron convidadas polo equipo anfitrión a probar a beberaxe máxica preparada polo Obelix de Xermar (foto de embaixo).
Por suposto, a apócema tivo consecuencias impredicibles. Só tendes que ler as actas e comprobar os podios para saber a quen lle sentou mal o bebedizo e quen tivo unha excelente hidratación dixestiva. Formidable iniciativa do equipo cochica. Esperamos que se espalle o exemplo e nas vindeiras xornadas os equipos locais reciban aos visitantes dunha maneira semellante ou, no peor dos casos, diferente.
Certo que o céspede non tivo clemencia cos golpes cativos e fixo dos varais uns bastións difíciles de escalar. Non entanto, as bravas e afoutas billardas aceptaron o reto e buscaron con brío e percusión o infinito e máis aló. “Non hai fronteiras“, parece que dicían namentres voaban.
Ganou a xornada Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo, segundo foi Viqueira de Cochiqueiros da Billarda de Cerceda e terceiro Gándara de Filloas de Sangue da Coruña. En Categoría Feminina, venceu Delia de Chaínzos-Cadaval de Castro de Rei, segunda quedou Raquel de Cochiqueiros e terceira foi Mercedes de Campo da Feira. En Categoría Infantil, foi primeiro Abel Ponte de Campo da Feira, segundo posto para Kevin de APB da Laracha e terceiro posto para Valentín de Filloas de Sangue. En Categoría de Equipos ganou Campo da Feira, segundo foi Lúa de Forza e terceiro Cochiqueiros.
Boa actuación do equipo local Cochiqueiros, que tivo presenza nos podios de todas as categorías excepto na Infantil. Ademais, da magnífica disposición de medios materiais e humanos do equipo cercedense á hora de abonar, segar e regar o céspede do campo, quedoulles tempo para intensificar os adestramentos do sábado pola noite, cousa que se reflectiu claramente nos resultados. “Así si, así si”, coreaban os seareiros desde as bancadas do campo das Tinaxas. Campo da Feira continúa vencendo sen compaixón. Cochiqueiros tivo unha moi digna actuación. APB non sacou tallada das ausencias de Filloas e só foi quen de superar ao equipo da Coruña en 5 ptos. Vaia!, tallada sacárona algúns xogadores de APB o día anterior pola noite, segundo se comentaba. Agora, a emoción por ese segundo posto da xeral de equipos comprimiuse ata 3 ptos, que é a vantaxe que lle queda a Filloas sobre APB. Espérannos 5 xornadas finais épicas, colosais e non aptas para xente co colesterol moi elevado.
Tamén, debemos avisar e avisamos que as imaxes dalgúns palanadores captadas no terreo de xogo poden ferir o gusto estético daquelas persoas máis sensibles, pois, os rostros dos xogadores milenials de APB están bastante lonxe do canon de beleza grego e acércanse moito ao modelo de beleza do deus romano Baco. En definitiva, éche o que hai.