Venres, Setembro 13, 2024
ActualidadeXornada

OAH, OAH, OAH, OAH, QUERO SER UNHA FILLOA

Hai que empezar esta crónica escoitando o berro que máis se oe na Coruña desde hoxe pola mañá.

Si, si, si…

“Oah, oah, oah, oah, quero ser unha filloa, oah, oah, oah, oah”

Desde a 7ª xornada da temporada 2021-22 (Eirís, A Coruña, 12 de decembro de 2021) Filloas non ganaba unha xornada. No Campo da Antiga Leyma da Coruña e no 8 de outubro de 2023 Filloas volve ganar unha xornada de billarda. O equipo herculino xogaba na casa e desta vez foi quen de facer valer o factor local. Presentou 9 xogadores e 2 xogadoras. Unha mestura perfecta de xuventude, con Valentín e o debut de Martina, e de madureza, con Corral, Lois Fontán, José Morís, Insua, Maricarmen, Gándara, Roi Morís, Josecho e Miranda. Certo que o equipo estaba ben combinado, mais o que ninguén se esperaba era que derrotara ás poderosas escuadras de Campo da Feira, de APB, de Billardeiros Musicais de Ribadeo e de Cochiqueiros. O improbable foi probable, verosímil e posible grazas ás enormes puntuacións de Gándara (23 ptos), Roi Morís (21 ptos), Josecho (20 ptos) e coa axuda sempre estimable de Miranda (14 ptos). Billardeiros Musicais chegou cun equipo potentísimo e ben que o demostrou, pois conseguiu os mesmos ptos que Filloas, 78 ptos. Ganou o equipo Filloeiro por ter a súa segunda mellor puntuación individual máis alta que a segunda mellor de Billardeiros, xa que, a primeira mellor puntuación individual tíñana empatada con 23 ptos para Gándara de FILL e para Daniel de BMU.

Para ter referencia da fazaña que conseguíu o equipo celeste da Coruña, o equipo decano do Noroeste, hai que lembrar o pasado. Desde que a billarda chegou ao Noroeste como práctica deportiva de competición, primeiro baixo a denominación de LNB e despois como LAB, xogáronse 196 xornadas (faltan as xornadas da temporada 2009-10) e o dominio de Campo da Feira (107 vitorias) é asoballante, por iso, cada vez que outro equipo consegue a vitoria nunha xornada é un logro a destacar.

Os outros equipos estiveron a gran nivel, cousa que supón máis mérito para Filloas. Así, APB e Campo da Feira empataron a 72 ptos, Río Miño acadou 68 ptos, Cochiqueiros 66 ptos e Foucellas 52 ptos. As distancias foron moi pequenas e agora a xeral queda con Campo da Feira en cabeza e na segunda posición sitúase Filloas de Sangue, por diante de Cochiqueiros e APB. Había ben de tempo que Filloas non estaba tan arriba. As diferenzas son insignificantes entre os 3 equipos que perseguen a FEI. O equipo de Paiosaco mantén unha distancia moi cómoda, 24 ptos, sobre Filloas. Os outros 3 equipos están a unha distancia de 5 ptos entre eles. Moita igualdade.

No plano individual, a vitoria foi para O raposo prateado da Chaira, Cortón, do equipo Río Miño de Castro de Rei, segundo quedou Abel Regueiro de Cochiqueiros de Cerceda e terceiro David do mesmo equipo. En Individual Feminina ganou Dori de Billardeiros Musicais de Ribadeo, segunda foi Geni do mesmo equipo e terceira Delia de Río Miño. En Individual Infantil ganou Valentín de Filloas, segundo foi Juan de Foucellas e terceiro Kevin de APB.

As puntuación foron xenerosas e a superficie de herba sintética tamén. Fixéronse 3 varados, 1 Abel Ponte, 1 Lito Pena e 1 Riveiro. Os pesados e metálicos raios do sol non foron atranco para que as deportistas mostraran a súa capacidade para golpear a billarda con maña, destreza e habilidade. O caucho que se metía no calzado e nos calcetíns non foi impedimento nin obstáculo para o grácil desprazamento dos palanadores sobre a punta do pé. A gaivota da billarda peteiraba no varal con apetito. Todo o demais xa é pasado. Aínda así, aquí quedan algunhas imaxes que superan o relato.

ACTAS

 

 

PRÓXIMA XORNADA

22 OUTUBRO

PAIOSACO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *