Sábado, Abril 20, 2024
ActualidadeXornada

A SUPERNOVA DA BILLARDA: COCHIQUEIROS. 11 xornada Noroeste, Cerceda, domingo 10 abril

Somos cochiqueiros de Cerceda e volvemos para quedar“. Cochiqueiros da Billarda ten unha historia BRILLANTE como estrela do universo Noroeste. Certo que pasou momentos de penuria e escaseza de recursos humanos, verdade que tocou o fondo na temporada 2017-2018 con só catro integrantes no equipo e non presentando a ningún xogador en 4 das xornadas de liga. Tiña que ser e foi, unha explosión levou ao equipo de Cerceda a converterse na Supernova do Noroeste. Incluso tivo que fusionarse co equipo de Malpica durante as dúas temporadas seguintes para sobrevivir. Non obstante, esta temporada 2021-2022 buscan a consolidación dun proxecto serio e fundamentado nunha campaña de captación de xogador@s realizada nos locais nocturnos da Comarca.

Comezaron por asegurarse o cadro de xogadoras e xogadores máis extenso da súa historia. Ademais, o equipo Supernova pretende aspirar a volver ás Finais Galegas para o 2022-2023, xa que, esta temporada téñeno imposible para clasificarse. Confeccionaron o equipo con maior número de xogadoras e de nenos da súa traxectoria, cousa que reafirma a aposta de futuro. Levan sen ganar unha xornada de liga desde 2018-2019 e non só iso, senón que nestes momentos son o último equipo da provincia. Vaia, non desesperan e miran o que está por vir.

Ademais, esta vindeira xornada 11 da Conferencia Noroeste celebrarase en territorio da Cochica. Ocasión magnífica para contemplar as modernas instalacións deportivas de Cochiqueiros. A xornada xogarase no Campo de Fútbol As Tinaxas, a carón do innovador CETEBI (Centro de Tecnificación de Billarda) do equipo cercedense. Algo terán preparado para dar a sorpresa deportiva. Sempre hai que esperar o inesperado desta Supernova galáctica cochiqueira. Que se concentren o sábado pola noite e almorcen de cedo o domingo as famosas empanadas de nécoras. Ou que madruguen o domingo. Vaite ti saber que estrafalaria ocorrencia teñen preparada !

Dando as costas ás dificultades e mirando cara ao ceo estelar Cochiqueiros da Billarda buscan a primeira vitoria ou a enésima decepción, calquera cousa lles vale aos integrantes da Supernova. Están afeitos a que o fume da combustión fósil aromatice o campo de billarda e non desbotan que as Tinaxas vólvanse máxicas o domingo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *