Juan Carlos primeiro… en Culleredo, a golpe de palán escorrentou o medo.
A mañá ergueuse con boa cara e mellor corpo. Con temperatura espléndida en Culleredo, terreo magnífico para a práctica da billarda, herba segada para a ocasión, 8 equipos chegados das provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña, xogadoras e xogadores uniformados con palán, billarda e moito sangue nas veas e arterias. Con estes ingredientes, a xornada vespertina presaxiaba grandes emocións, pequenas decepcións, breves frustracións e cativos fracasos.
Presentadas a aliñacións dos equipos, Campo da Feira e Billardeiros Musicais partían como favoritos para loitar polo triunfo da xornada. O equipo de Paiosaco levouse a vitoria con 60 ptos. Billardeiros contentouse coa segunda praza, 50 ptos. Juan Carlos foi a estrela do equipo de Paiosaco con 20 ptos, Collazo achegou 16 ptos, Óscar Ponte 13 ptos e 11 ptos fixeron Xulio e Abel Ponte. Da parte de Ribadeo, Daniel conseguiu 18 ptos, Manu Pozo 14 ptos, Félix 9 ptos e Paco 9 ptos.
Os paláns continúan no aire na fermosa loita que manteñen pola segunda praza da xeral Filloas de Sangue e APB, posto que dá dereito a participar na final da Liga Atlántica de Billarda. Filloas obtivo 44 ptos, polos 43 de APB. O equipo herculino tivo unha actuación coral dirixida polo Anacoreta descalzo Landras que logrou 13 ptos. Miklós con 12 ptos converteuse no xogador revelación da xornada e chegou á final a catro. Josecho con 10 ptos e Miranda con 9 ptos completaron a puntuación de Filloas. APB salvou a xornada coa actuación sobresaínte de Roi 20 ptos. Tamén, sumaron para evitar unha sangría de ptos, Ricardo 10 ptos, Cotelo 7 ptos e Riveiro 6 ptos.
Despois, xa veñen os equipos que se contentan con navegar no incerto océano da mediocridade competitiva. Cochiqueiros e Chaínzos loitan para evitar a invisibilidade nos medios de comunicación e centran as súas intencións na categoría feminina. Sonia de Cochiqueiros foi terceira. Cochiqueiros busca, sobre todo, dar visibilidade ás súas camisetas PP (“pink panther”). Os dous equipos das Rías Baixas, Rinoceronte e Lúa de Forza perderon o norte e foron último e penúltimo. Que lle imos facer, viaxar ata o norte fáiselles costa arriba.
Sinalar a reaparición, despois dunha longa ausencia, de xogadores históricos como David Fontán e Roi Morís, da parte de Filloas e a incorporación de Vilas e Merche de APB, que non xogaban desde a primeira xornada.
O gran triunfador da xornada foi Juan Carlos de Campo da Feira de Paiosaco, segundo foi Óscar Ponte do mesmo equipo e terceiro Roi de APB A Laracha. Marisa, de Lúa de Forza Sanxenxo, ganou en categoría Feminina, por diante de Aroa de Billardeiros Musicais de Ribadeo e terceira foi Sonia de Cochiqueiros de Cerceda. En categoría Infantil ganou o invencible Abel Ponte, segundo foi Valentín de Filloas de Sangue da Coruña e terceiro Roy de APB. En categoría Equipos, Campo da Feira foi primeiro, segundo Billardeiros Musicais e terceiro Filloas de Sangue.
Na entrega de premios estiveron presentes de parte do Concello de Culleredo, o concelleiro de deportes, Miguel Suárez e o de Xuventude, Abraham Seijas. De parte da Federación Galega de Deporte Autóctono Modalidade Billarda estivo presente o vicepresidente, Luis Fontán.
As escuadras presentaron todo o seu potencial competitivo, a excepción de APB, que tivo a ausencia dos Milenials da Terra de Trasancos. As puntuacións sufriron a baixada correspondente á deflación do campo de herba. Daquela, só dous xogadores chegaron aos 20 ptos, Juan Carlos e Roi e chegar aos dous díxitos xa foi unha proeza. O mellor na fase de grupos foi Daniel de Billardeiros Musicais, quen tivo unha soberbia actuación acadando 17 ptos.
Esta xornada é a segunda que puntúa para escoller a selección NORTE. Despois de sumar os puntos, o camiño cara ao encontro de seleccións NORTE-SUR televisado pola TVG queda desta maneira. Formarían parte da selección NORTE, Juan Carlos, Óscar Ponte, Collazo, Roi, Mercedes, Delia, Abel Ponte e Aleixo.
En canto ás clasificacións xerais de Conferencia e ás prazas de finalista, quedan desta maneira despois de 13 xornadas disputadas.