No forno de Bueu, Corredoiras dixo, o título é meu
A décimo cuarta… quedouse en Bueu, a décimo cuarta xornada da Liga Atlántica de Billarda. O equipo Corredoiras ganou nas categorías individual absoluta e individual feminina, con Adri e Bego, respectivamente. Ganou en equipos dando un chimpo importante de ptos. “Aquí é Bueu“, dicía Charri, despois de ter unha actuación magnífica e iso que na fase de grupos non estivo entoado. Parecía que non pasaría á fase de cruces eliminatorios, non obstante, sucedeu algo impensable, unha carambola do destino ou tamén se podería afirmar que tivo mais chorra xunta que a do Real Madrid e a de Marisa, que acendeu o forno coa manteiga dentro e foise a luz.
Poderiamos considerar as altas temperaturas ou o factor Martiño, como elementos decisivos da vitoria do equipo de Bueu e da mala actuación de Lúa de Forza, segundo equipo da xeral. Podemos pensar que poñer a xornada ás 16:30 h. foi unha máis das artimañas corredoiras para facerse co título 2021-2022, pero non imos facelo. Corredoiras non deu opcións e é o equipo máis en forma nesta recta final de liga.
Antes do comezo da xornada foi homenaxeada Marisa Casas, que xa entrou no grupo de centenarias das Rías Baixas. 100 xornadas disputadas. Marisa, entre bágoas, quixo deixar claro que a súa lonxevidade é debida en gran parte ao marisco e nunha pequena parte á infusión de estruga que bebe todas as mañás. Iso si, a infusión faina en auga bendicida en misa de 7.
Así, Adri de Corredoiras Bueu ganou, segundo foi o seu compañeiro de equipo Charri e terceiro Luís Camiña de Gharaboto de Marín. En feminina foi primeira Bego de Corredoiras, segunda Antía de Gharaboto e terceira Marisa de Lúa de Forza Sanxenxo. En infantil o primeiro posto foi para o Raio Verde Xián de Lúa de Forza, segundo foi Martiño de Corredoiras e terceiro Hugo de Gharaboto. En equipos, ganou Corredoiras, por diante de Gharaboto e de Lúa de Forza.
O campo da Estacada estaba espléndido e a canícula peneiraba a luz solar e depositábaa en forma de suor sobre a pel dos palanadoras e das palanadores. As carreiras sucedían con puntuacións discretas, excepto no campo 1 no que Ricar conseguía entrar unha e outra carreira en dous golpes, cousa que lle permitiu conseguir 12 ptos na fase de grupo. Isto que só fixera Daniel na cuarta xornada e que sabiamos que ía ser difícil repetir, pois, sucedeu. O palanador de Cela ía camiño do pleno, pero cruzouse co imprevisible “mexicano” nativo de Cabalo. Charri aplicou a dose suficiente da chamada Chorra Merengue e conseguiu que os seus adversarios fallaran unha e outra vez e non entraran en 4 golpes, algo que aproveitou Charri.
Corredoiras marcaba o ritmo e Lúa de Forza non tiña a súa mellor tarde. O equipo de Bueu usou todos os seus recursos para amedrentar, acolloar e asustar aos xogadores da camiseta mentolada de Lúa. “Todo vale cando se trata de defender o varal das billardas dos rivais“, é o lema de Fari, un dos ausentes do equipo bueuense. Abaixo vemos os obstáculos que tivo que superar o Raio Verde para poder meter a billarda polo varal.
Campo da Feira presentou un cuarteto de garantías e reforzado coa maxia da samba. Quedou na cuarta posición (Collazo, 12 ptos, Xulio, 6 ptos, Juan Carlos, 2 ptos, Eladio, 2 ptos). Rinoceronte (José Manuel, 6 ptos, Cris, 6 ptos, Gonzalo, 2 ptos, Lola, 1 pto) notou a ausencia dos seus primeiras espadas, Che e Daniel e só conseguiu máis ptos que Valpaços Terra Quente de Vigo (Albino Veiga, 4 ptos, Belmira, 4 ptos, Adriana, 3 ptos, Taxeiro, 2 ptos).
A loita polo título de equipos semella que está rematada, xa que, Corredoiras obtivo 47 ptos (Adri, 14 ptos, Ricar 14 ptos, Charri, 10 ptos, Bego, 9 ptos) superando en 17 pts ao segundo da xeral, Lúa de Forza. Gharaboto conseguiu 26 (Luís Camiña, 11 ptos, Álvaro, 9 pts, Piru, 9 ptos, Luís Gon, 7 ptos) e acercouse na xeral ao segundo posto. Lúa de Forza acadou 30 ptos (Xián, 9 ptos, Xan, 8 ptos, Chicho, 8 pts, Marisa, 5 ptos) e fíao todo á seguinte xornada en Sanxenxo. No seu campo espera recuperar os 19 ptos que lle saca Corredoiras, feito que está moi lonxe de ser factible.
O Título de Conferencia tamén se aclarou bastante e case de xeito definitivo. A ausencia de Che deixaba a disputa entre Xan e Adri. Adri ganou con autoridade a xornada e Xan non chegou aos dous díxitos de ptos. Agora a distancia queda en 6 ptos a favor do de Corredoiras. Quedan dúas xornadas e a vantaxe de Adri vai ser difícil de remontar en dúas xornadas, que son as que faltan. O de Cangas está completando unha temporada magnífica e o seu golpeo ganou en consistencia e regularidade. A potencia xa a tiña e agora xuntoulle seguridade e precisión no golpeo, cousa que o fai ser un xogador da elite galega. Na terceira posición do podio situouse Piru, quen aproveitou a ausencia de Che. Agora supérao nun pto.
Co Título Feminino decidido cara a Bego, as dúas prazas de podio estanse poñendo mestas, mestas. Agora, sumouse á loita, Antía. A infantil de Gharaboto está medrando deportivamente e non sabemos os seus límites. Competía de igual a igual na categoría infantil cos dous monstros, Xián e Hugo, e agora meteuse na lea coas máis grandes da categoría feminina, como son María Caride, Lu e Adriana. Só Bego queda fóra do seu alcance, de momento. Aquelas tres deberán estar atinadas para conseguir praza de podio, pois a da Torre xa está a 5 ptos da terceira posición, que comparten Adriana e Lu.
O Título Infantil tamén está decidido, o Raio Verde será por segundo ano consecutivo campión. As outras dúas prazas de podio van ser definitivas. Aínda que faltan dúas xornadas a distancia entre Hugo e Antía é de 15 ptos a favor do do Vinquiño.
En equipos femininos Gharaboto conseguirá o título matemático na seguinte xornada e Valpaços o subcampionato. Terceiro quedará Corredoiras. Nesta categoría o equipo de Marín repetirá o triunfo da temporada pasada. Valpaços intentou resistir toda a temporada, pero o potencial das de Marín é insuperable a día de hoxe. Non hai en toda Galicia un equipo feminino do seu nivel.
O outro interese competitivo está na confección da Selección Sur que se enfrontará á Selección Norte o 23 de Xullo en Abegondo e que será televisado pola TVG. A falta de sumar os ptos das dúas últimas xornadas as cousas están moi decididas para Xián e Adri e bastante decididas para Bego. Polas demais prazas haberá que esperar. Lembramos que son 4 prazas na Categoría Absoluta, 2 prazas na Categoría Feminina e 2 prazas na Categoría Infantil.