Xoves, Outubro 3, 2024
ActualidadeXornada

FESTA DA BILLARDA NA TVG 2. CAMPIONATO DE SELECCIÓNS

A Billarda apareceu pola fiestra da TVG 2 e de novo o espectáculo foi grandioso. A contorna do Encoro de Beche, Abegondo, coa súa paisaxe impresionante contribuíu a unha magnífica e sensacional tarde de xullo 23. Outra data para a historia deste deporte marabilloso. Grazas ao concello de Abegondo puidemos utilizar este espazo formidable.

Como era de esperar as xogadoras e xogadores chegaron cunha enorme arela de comezar a competir. Este devezo notábase e nas parellas fervían as mans e os corpos nos minutos previos. Para que houbese tempo a xogar as 16 carreiras programadas houbo que comezar ás 19 h. Polo tanto, as 4 primeiras carreiras non foron televisadas. A partir das 20h a G2 conectou en directo.

En fin, hai veces que os comentarios, as impresións, as opinións non achegan nada interesante aos feitos e circunstancias acontecidas. Daquela, as imaxes das actas e as fotos do sucedido no terreo de xogo axudan moito mellor a comprender por que o NORTE tivo unha actuación tan pobre e como o SUR confirmou as sospeitas de que tiña un equipo moi potente. O resultado non admite ocasión para o debate, SUR 12 NORTE 3.

Todas estas imaxes están sacadas do vídeo completo da emisión que está na páxina web da TVG na sección “Á Carta”. Mais tamén temos imaxes do noso reporteiro gráfico XP, axudante de EGASA e enviado especial a este evento, xa que, o Grande EGASA está de vacacións.

FOTOS XP

Falta por coñecer os datos de audiencia, que sen dúbida serán magníficos, como magníficos, precisos e didácticos foron os comentarios de David Fontán. O xogador de Filloas é un gran coñecedor da historia deste movemento sísmico que foi a recuperación da práctica da billarda iniciado na Mariña de Lugo polos compañeiros e compañeiras do Varal. Movemento que non para e que fixo da billarda un deporte coñecido, valorado e practicado en toda Galicia.

Salientar tamén o labor do equipo arbitral con Abel Regueiro á cabeza e con Berdi no Varal, Silvia e Sonia nas Bandas. De novo, o asistente de varal tivo que usar a súa destreza e flexibilidade para evitar o impacto da billarda de Abel Ponte, non o fixo do xeito tan acrobático como o fixera Riveiro na anterior retransmisión, senón dunha maneira máis sobria e simple.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *