Previa das xornadas da fin de semana 12 e 13 xuño
Xa está preparada a maquinaria billardeira para a vindeira fin de semana. Aquí temos os deseños sensacionais da produtora publicitaria da Federación Galega DEPAU BILLARDA.
Pois, si, o sábado 12 xuño será en Salcedo, Pontevedra, ás 17:30 horas da tarde, no campo de fútbol de Salcedo. Superficie de terra da de antes, na que se xogaba a tradicional billarda das nosas avoas e avós. As naves das Rías Baixas preparan o aterraxe neste lugar emblemático da parroquia de Salcedo. A semana está sendo tranquila en canto a polémicas arbitrais da xornada pasada. Mais, sempre hai algún pequeno detalle que comentar. Desta vez foi unha circunstancia inusual e á que ninguén lle deu transcendencia. De todos os xeitos, puido ter incorrido nunha ilegalidade manifesta. Veremos que sucede. Primeiro aquí queda a imaxe da discordia. Benito Resille recibe unha chamada ao seu teléfono móbil antes de comezar unha das carreiras. Está permitido asesoramento telefónico durante o xogo? O que sabemos e que o Home Tranquilo de Resille tivo un rendemento case perfecto, a partir desa chamada.
Despois desta chamada non houbo quen parara ao de Resille. Empezou a golpear como nunca antes se lle vira facer. A transcrición da chamada telefónica foi feita por unha experta en descodificación de ondas electromagnéticas e interpretación de sinais faciais da Universidade de Vigo.
Pola outra beira do Atlántico, a Conferencia Noroeste tivo unha agradable e marabillosa nova na categoría feminina, e esta foi a vitoria inapelable de Mercedes Veiga. Probablemente conxuntáronse varias poderosas forzas enerxéticas, magnéticas, cuánticas e mitolóxicas para que a simpática Mercedes triunfara sobre a herba de Cabanas. Vale, e que? Esas misteriosas forzas tamén existen, aínda que non as podamos ver co noso limitado sentido visual. “Foi un milagre“, esta frase quedará para sempre no arquivo sonoro da billarda. Foi a resposta de Mercedes cando golpeou a súa billarda e mandouna lonxe do alcance das billardas das outras xogadoras. Fantástico Mercedes !