Na Laracha, segunda vitoria consecutiva de APB. En individual, outra vez ganou unha panteira, desta vez foi Viqueira.
A atmosfera en Soandres estaba que si, que non, que se acaso, que non sei eu, que vaite ti a saber se chove ou non. Eran as 10:15 e unha poalleira persistente comezou a transformar as frases dubitativas en asertivas. Daquela, os equipos madrugadores que xa estaban na Ponte do Sal recolleron o material e puxeron rumbo ao pavillón do IES Agra de Leborís.
Ganou a xornada Viqueira (Cochiqueiros-Cerceda) no golpe de desempate contra o Raposo da Laracha, Cotelo (APB-A Laracha). Terceiro quedou Luís Ares (Río Miño-Castro de Rei), cousa que nos estrañou bastante porque a el gústalle chegar á meta antes que os demais e a gran velocidade. Con dicir que ten tantas multas de tráfico sen pagar que non lle chegan os puntos que fixo para recuperar o carné, e iso que conseguiu 18 ptos. En Categoría Feminina, ganou por segunda xornada consecutiva Sonia Cochiqueiros, segunda foi Delia de Río Miño e terceira Merche de APB. En categoría Infantil foi primeiro o invencible Valentín (Filloas-A Coruña), segundo Kevin Torres e terceiro Anxo. En Categoría de Equipos ganou APB, segundo foi Campo da Feira-Paiosaco e terceiro Filloas de Sangue.
O terreo de cemento pulido do pavillón deu pé a grandes golpes e grandes puntuacións. Ao mesmo tempo, enormes desgustos e sustos abroiaron no peito de xogadoras e xogadores que vían e miraban como as súas billardas evitaban o varal por escasos centímetros ou exiguos milímetros. Algún xogador quedaba coa respiración entrecortada cando a súa billarda escorregaba como esquiadora sobre o cemento con dirección e forza suficiente para chegar ao varal. Houbo 19 varados anotados e 1 varado que aínda está por anotar, xa que, APB presentou solicitude de reclamación por un “presunto” varado que seica non lle anotaron ao Acróbata Riveiro (que orixinal título para unha curtametraxe, “En busca do varado perdido”).
A “Canariña da Chaira“, Río Miño, presentou un quinteto de luxo e de elegancia suprema. Ademais do terceiro posto de Luís Molla, perdón de Luís Ares (tamén, gran piloto de turismos), na Categoría Individual Absoluta, Delia foi segunda en Categoría Individual Feminina. Vaia, e non quixeron meter a máis canariñas nos podios por pudor e sentido da xenerosidade.
Despois dunha fase de grupos con poucas sorpresas e puntuacións moi altas, ata 19 xogadores chegaron á vintena de puntos ou superaron esa cifra. Riveiro e Xan conseguiron as puntuacións máis elevadas con 25 ptos cada un, Cotelo e Marco chegaron aos 24 ptos, con 23 ptos quedaron Xulio, Eladio, Enrique, Roi Rey e Valentín, con 22 ptos Miranda e Lois Fontán e con 21 ptos Abel Regueiro, Lito Pena, Berdi e Bieito. En Categoría Feminina, as máis destacadas foron Sonia con 17 ptos igual que Delia, Merche con 15 ptos, Mercedes e Chus con 12 pts cada unha e con 11 ptos Auri e Rosi. En Infantil, Valentín con 23 ptos non tivo rival e só Kevin se lle acercou con 12 ptos.
Os finalistas foron Luís Ares, Viqueira, Añón, Marco, Bieito e Cotelo, ou sexa, 2 Cochiqueiros, 3 de APB e 1 da Canariña de Río Miño. Entraron en 2 golpes Viqueira e Cotelo e en 3 Luís Ares. Así que, o ganador decidiuse cun golpe de desempate. Viqueira tivo ben doado o triunfo neste desempate, pois, o Raposo da Laracha sufriu unha vez máis o síndrome Rinoceronte, ou golpe ao aire cando a situación é de máxima tensión. O Re Tornado Añón tivo unha actuación magnífica na fase de grupos con 20 ptos e na final chegou un pouco xusto de forzas, xa que, na semifinal tivo un duelo intenso contra Óscar Ponte, no que chegaron a necesitarse ata 3 golpes de desempate para saber quen pasaba á gran final. Marco por segunda xoranda consecutiva meteuse na final e en grupos fixo 24 ptos, está nun momento extraordinario de forma a panteira de Cerceda. Bieito levaba tempo sen ser convocado, pero demostrou que adestra pola súa conta e mantén a condición física.
APB continúa coa súa recuperación e volveu ganar, desta vez como local. Certo que presentou o equipo completo e a presenza dos menos habituais, Cotelo, Añón, Bieito e Iván notouse e moito. Gana a segunda xornada consecutiva, aínda que tan só por 4 ptos de diferenza con relación a Campo da Feira. Entre os catro primeiros equipos da xeral houbo apenas 7 ptos. Así, Campo da Feira ocupa o liderado cunha vantaxe moi cómoda de 32 ptos sobre APB. Cochiqueiros continúa no terceiro posto con 9 ptos máis que Filloas que lle recortou 1 ptos. Os demais equipos están a moita distancia dos 4 primeiros. Así, veñen despois Foucellas, Río Miño, Lúa, Rinoceronte e Billardeiros Musicais.
Na Clasificación Individual Absoluta Xan deu un pequeno estirón sobre o segundo Abel Ponte e o terceiro Collazo. Por detrás as posicións e puntuacións aproximáronse. Tanto que Eladio empatou con Collazo na terceira praza e desde o terceiro posto de Collazo ao posto noveno de Riveiro hai unicamente 7 ptos de distancia. En Individual Feminina, Merche e Delia adiantan a Mercedes na xeral. A distancia entre a primeira e a terceira é de 2 ptos, 53 ptos para Merche e 51 para Delia e Mercedes. Chus xa se sitúa cuarta con 45 ptos e Sonia, ganadora nas dúas últimas xornadas, quinta con 43 ptos, Silvia sexta con 41 ptos e Auri sétima con 40 ptos. Na Individual Infantil, Valentín, o zurdo de ouro de Filloas non ten rival e encabeza a xeral con 99 ptos, que lle valen para estár décimo na Individual Absoluta. Segundo é Juan de Foucellas e terceiro Kevin Torres de APB.
PRÓXIMA XORNADA
CARBALLO
3 DECEMBRO