Xoves, Marzo 28, 2024
ActualidadeXornada

Vídeo promocional TVG 2 do Campionato Seleccións Billarda mañá en Abegondo

Todo preparado para o Campionato de Seleccións. O lugar elixido é a contorna paradisíaca do Encoro de Beche e na axenda da páxina web do Concello de Abegondo informa deste evento deportivo. Así mesmo, no seu perfil de facebook tamén aparece mencionado este acontecemento deportivo de alcance mundial.

As seleccións fan os seus últimos axustes tácticos, técnicos e humanos. Así, o Sur ten definidas as parellas e “nada pode impedir a nosa vitoria sobre o céspede de Beche“, afirmaba o seleccionador Charri. A táctica que lles transmite o mexicano é a de non ter clemencia e non usar máis de 3 golpes para entrar no varal. Ademais, promete cantar un alalá mexicano durante a entrega de trofeos e contar o mesmo chiste de temática ecoloxista que fixo rebentar de risa a Risto Mejide en Got Talent, sempre que a TVG2 o permita. En fin, no Sur non se contempla outra posibilidade que a da vitoria. Cousa que entraña ao seus perigos, xa que, se o Sur é derrotado Charri non tería outra alternativa que presentar a dimisión.

Pola outra beira, a selección do Norte anda con dúbidas e a seleccionadora Auri, xa fixo o primeiro troco na confección das parellas. A carismática Auri tivo que substituír a Óscar Ponte, xa que, “non casaba ben con Mercedes, non se entendían no terreo de xogo“, segundo as verbas da seleccionadora Norte. Por suposto, a Madriña Mercedes está nun momento de forma excelente e é intocable no esquema do Norte, daquela, o sacrificado foi Óscar Ponte. No seu lugar, a seleccionadora decantouse por Roi de APB, un palanador cun físico envexable e que lle entra polo ollo á Madriña. Auri arrisca moito nesta combinación, mais ela sabe combinar texturas e sabores. Veremos se acerta con estes ingredientes: un de APB cunha de Campo da Feira, ou o que é o mesmo, unha de Paiosaco, cun da Laracha.

Xa temos confirmación do equipo arbitral que se encargará de administrar xustiza e controlar os niveis de bile de xogadoras e xogadores durante a retransmisión televisiva. Non temos dúbidas que este equipo encabezado por Abel Regueiro é de garantías. Abel foi considerado o mellor árbitro europeo de billarda 2021-2022 pola Asociación Europea de Arbitraxe. Amais, nas probas físicas foi quen de sobrevivir sen apenas desmaios de consideración e esta semana deixou de consumir bebidas con azucre engadido e decantouse por alimentos con omega 3.

Vídeo promocional do Campionato de Billarda de Seleccións que está emitindo a TVG. As actas coa orde de xogo. As carreiras 1, 2, 3 e 4 non serán televisadas por falta de tempo. Así, a hora de comezo será 19h. A TVG 2 conectará a partir das 20h.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *