ERA VISTO, CHARRI FÓRA DA SUPER COPA e LÚA DE FORZA GANOU EN MOAÑA, É O QUE TOCA
A Lúa volveu brillar no Morrazo, e fíxoo de serán, ben certo que había tempo que non o facía. O equipo verde ganou en categoría Absoluta, en categoría Feminina e en categoría de Equipos, só se lle escapou a categoría Infantil. A tarde e a Ría de Vigo acolleron aos equipos de billarda cun teito de nubes e sol nun primeiro momento e cun olor a algas e primavera durante toda a tarde. A temperatura era ideal para a práctica da billarda e para a práctica de calquera actividade física ou recreativa. Fervía nas brasas das arterias o sangue da vexetación e a polinización zoaba no aire. Bulían as nenas e os nenos, mentres os adultos se preparaban para percorrer os 50 metros que separaban a zona de saída da entrada no varal. A música de madeira contra madeira inundou o espazo e “nada pode fallar“, dicíanse entre si os integrantes de Corredoiras. “Hoxe imos mazar ben mazado ao equipo de Sanxenxo“, falaba Fari e asentía Beni.
O Morrazo estaba preparado para que Gharaboto intentase o asalto ao primeiro posto da xeral de equipos que ocupaba Corredoiras, xa que, os dous equipos do Morrazo estaban separados por tan só 4 ptos. Na previa da xornada todos os equipos tiñan algunha baixa significativa menos Corredoiras, que presentaba ao seu cadro completo de xogadoras e xogadores. Gharaboto non puido contar con Gelín e Suso. De Lúa de Forza non se esperaba gran cousa, pois tiñan as baixas de última hora de Chicho, Mauro e do Raio Verde. Logo, non se prevía unha moi destacada actuación, tendo en conta que o equipo do Salnés non ganara ningunha xornada desta temporada. Armadiña tiña as ausencias moi significativas de Cho e Peque e non tiñan moitas expectativas de éxito. Rinoceronte estaba moi diminuído polas ausencias de Daniel e Gonzalo. En Valpaços faltaban Tania e Alfonso. Polo tanto, o escenario era favorable para o equipo corredor.
Na clasificación Absoluta eran 3 xogadores os que pretendían reducir distancias co líder Adri. Tanto Piru, Xan como Che estaban a tiro de pedra e golpe de billarda do xogador de Corredoiras. En categoría Feminina, a emoción estaba nesa segunda posición entre Adriana e María Caride e en saber se Antía continuaría coa súa aproximación ás tres prazas de podio.
Pois ben, Lúa de Forza Sanxenxo ganou a xornada en equipos, segundo foi Corredoiras de Bueu e terceiro Armadiña de Combarro. En absoluta, Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo ganou por diante de Ricoy, do mesmo equipo, e terceiro foi Manu de Armadiña de Combarro. Lú de Lúa de Forza ganou en categoría feminina, segunda foi María Caride de Gharaboto e terceira foi Elena Sabarís de Armadiña. En categoría infantil foi primeiro Hugo de Gharaboto, segunda foi Antía, do mesmo equipo e terceiro foi Alexis de Armadiña. En equipos femininos ganou Gharaboto, segundo foi Lúa de Forza e terceiro Valpaços Terra Quente de Vigo.
ACTAS
Resumindo, os equipos da Ría de Pontevedra, Lúa de Forza e Armadiña tiveron uns resultados inesperados e sorprendentes en territorio do Morrazo, fogar de Corredoiras e Gharaboto. Como quedou Corredoiras despois desta tunda? Pois, rumiando e buscando explicacións. Que se vaia sorte que ten sempre esta xente, que “tampouco queriamos abusar demasiado e ademais, seguimos líderes. Que gocen do Morrazo e da súa paisaxe que xa iremos nós ao Salnés a desplumalos de ptos na vindeira xornada“, sentenciou o ilustre e sempre venerado Charri, o único mexicano que non sabe cantar rancheiras nin tocar a guitarra de maneira decente.
FOTOCHARRI
As 3 prazas que se poñían en xogo para participar na SUPER COPA DE BILLARDA do vindeiro sábado 26 de marzo na Coruña foron para Ricoy, Manu (renunciou a ir e vai no seu lugar o semifinalista con mellor puntuación Ricar) e o Ciclón de Moscoso, Che. Entón, ao finalizar a xornada sorteouse o cadro da Super Copa e o resultado dos emparellamentos e cruces foi o que aparece na imaxe de abaixo.