Venres, Marzo 29, 2024
ActualidadeXornada

SUPER COPA DE DEPORTE AUTÓCTONO 2022, BILLARDA e CHAVE

A Coruña será escenario do primeiro evento de deporte autóctono televisado en directo pola canle autonómica galega. O próximo sábado 26 de marzo en horario de 17h a 19h. Durante a primeira hora celebrarase a Super Copa 2022 de Billarda. Despois, será vez da Super Copa 2022 de Chave. A TVG xa comezou a promoción deste evento na web da crtvg e tamén no facebook de En Xogo. Aquí abaixo queda o vídeo promocional da TVG.

Tamén, ao finalizar a Super Copa de Billarda, organizarase un Torneo de Billarda para todos os equipos e xogador@s que queiran viaxar ata A Coruña para estar presentes neste acontecemento pioneiro e animar aos participantes nesta Super Copa.

Ademais, quen participe poderá xogar nun campo olímpico de deseño único e especialmente preparado para favorecer a retransmisión televisiva. Na imaxe de abaixo podedes observar o gráfico do campo de billarda que se vai montar exclusivamente para este evento. As liñas que delimitan o campo serán dun ancho de 5 cm. O varal terá unha altura de 5m. e as súas varas serán de cor branca. O perímetro deste terreo de xogo estará delimitado por vallas. O campo de billarda situarase en paralelo coas bancadas para favorecer que o público poida contemplar con claridade o desprazamento das billardas polo céspede ou o seu voo polo aire.

Finalmente, estes son os emparellamentos da Super Copa de Billarda 2022. O sorteo deparou 4 emparellamentos entre xogador@s de diferentes conferencias e 2 emparellamentos entre xogadores da mesma conferencia. Todos os enfrontamentos son atractivos, cada un por motivos diferentes.

Polo lado dereito do cadro, curiosamente, vanse enfrontar os campións de Conferencia 2021 das categorías Absoluta e Feminina de Noroeste e Rías Baixas. Ou sexa, que os vencedores destes duelos terán que verse as caras e as costas en semifinais. Pola beira esquerda do cadro, sitúanse os dous emparellamentos con xogadores da mesma conferencia. Entón, asegúrase un enfrontamento de semis con representantes das dúas conferencias. Pola mesma parte esquerda do cadro, emparellamentos mixtos con xogadores Noroeste e Rías Baixas.

En fin, nada está escrito e todo por decidir. Alguén xa está pensando nunha final con 3 xogadores das Rías Baixas, outras persoas pensan o mesmo con xogadores Noroeste. Incluso, alguén soña cunha final na que poida estar unha muller e 2 xogadores en idade infantil, cousa que sería posible segundo están os cruces.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *