Venres, Abril 26, 2024
ActualidadeXornada

10 xornada Noroeste 13 marzo e Super Copa de Billarda 26 marzo

A Conferencia Noroeste disputará a décima xornada o vindeiro domingo 13 de marzo na Coruña.

A particularidade desta xornada é que ademais de puntuar para a Liga Atlántica de Billarda vai conceder 3 prazas para participar na Super Copa de Billarda 2022 que se xogará o día 26 de marzo e que será televisada pola TVG 2 en directo. Esta retransmisión marcará un fito histórico para o deporte galego de raíz e un primeiro paso para a promoción da práctica desde deporte marabilloso chamado billarda.

A organización deste  evento deportivo vai supoñer un esforzo da parte da Federación Galega DEPAU e da parte dos profesionais de produción audiovisual que se van encargar de televisar este espectáculo grandioso.

A produción televisiva vai ter que innovar como sucede en calquera acción ou obra pioneira, pois moitas características desta actividade deportiva son particulares e nunca antes captadas para reproducir en televisión. A maior complexidade está no seguimento da billarda polo aire. Ese obxecto de madeira que sae voando e zoando a centos de quilómetros por hora non se vai deixar capturar de maneira doada polo obxectivo das cámaras.

Polo que respecta á Modalidade de Billarda da DEPAU, os esforzos van centrarse no marcado do campo único de xogo. Por necesidades de produción só se pode xogar nun campo e en enfrontamentos por parellas. Tamén, as liñas que delimitan o campo deben ser anchas e de cor branca para que se distingan ben nas pantallas.

Despois, veñen os aspectos relacionados coa arbitraxe. Serán 4 persoas as encargadas de velar para que se cumpra o regulamento e aplicalo naqueles casos de dúbida. Haberá 1 árbitro de campo e 1 árbitro de varal, así como, dous asistentes de banda. Tamén, haberá unha mesa de organización con 2 persoas.

Outra cuestión que houbo que acordar foi o sistema de competición deste evento. Hai unhas condicións que cumprir, relacionadas co tempo de retransmisión e co número de cámaras que se van utilizar. Entón, a participación vai ser soamente de 12 persoas e vanse enfrontar na modalidade de cruces eliminatorios por parellas, a 1 carreira e co máximo de 3 golpes. Ao mesmo tempo, houbo que acordar como se decidía a esas 12 persoas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *