Sábado, Abril 20, 2024
ActualidadeXornada

Polas CORREDOIRAS de Cangas a voz das billardas do Noroeste xemía

Polas estradas de Cangas o coche de Campo da Feira voaba, ai, que tarde saímos, laiaba Eladio e Collazo asentía. A expedición do Noroeste outra vez máis coa prepotencia que a caracteriza chegou ao terreo de xogo coa xornada comezada sabedora que lle ían sobrar carreiras para superar a primeira fase de grupos con facilidade. Ademais de facer traballar varios radares da AP-9, o bólido do Noroeste desafiou á barreira do son para facer o camiño desde Paiosaco a Cangas en menos tempo do que durou a actuación de Charri en Got Talent. Seica pensaban que como as coordenadas xeográficas situaban Cangas máis abaixo que A Laracha, pois que tardarían menos tempo. Menos mal que a xente das Rías Baixas, facendo gala dunha considerable bondade, atrasou o comezo da competición ata as 16:01. Vaia, todo semellaba que sería outra xornada máis dos bravos xogadores do Noroeste nas Rías Baixas sen pena nin gloria competitiva. Mais, as gaivotas sobre Cangas soños de vitoria trouxeron desde o Norte. Si, si, desta vez foi. Boa actuación do equipo do Noroeste, Campo da Feira, e con só 4 xogadores. Un palanador do Noroeste ganou a xornada, Collazo, outro ganou en infantil, Abel Ponte, e o equipo quedou terceiro.

De novo, Corredoiras trouxo outra innovación ao mundo da billarda, máis concretamente ao marcado dos campos de xogo. No seu afán de deixar un planeta en boas condicións para xeracións posteriores marcaron o campo usando cordel de fibras de liño, nada de cordel sintético, e para espichar no chan e poder atar ese cordel, pois, pequenos espichos de madeira que foron cortados  dos salgueiros que había nas beiras do estadio de atletismo. Resumindo, unha maneira ecolóxica e intelixente de actuar. Xa que, amais de alixeirar o peso do material a transportar, pois todo cabe nunha bolsa de viaxe (de material biodegradable, por suposto), a loxística de marcado leva media hora escasa. Todo iso sen a colaboración de Charri, que se ocupou de recibir aos equipos e explicarlles que non se podía facer buracos para enterrar o cu das billardas no terreo de xogo do Estadio de Atletismo.

Collazo de Campo da Feira de Paiosaco ganou a xornada, segundo foi O Látego de Sar, José Manuel, de Rinoceronte, terceira quedou Bego de Corredoiras Bueu. Na categoría feminina ganou Antía de Gharaboto de Marín, segunda foi María Caride do mesmo equipo e terceira Adriana de Valpaços Terra Quente de Vigo. En categoría infantil ganou Abel Ponte de Campo da Feira, segundo foi o Raio Verde, Xián, de Lúa de Forza Sanxenxo e terceiro Mauro do mesmo equipo. En categoría de equipos venceu Corredoiras, segundo quedou Gharaboto e terceiro Campo da Feira. En categoría de equipos femininos ganou Gharaboto, segundo foi Corredoiras e terceiro Valpaços.

FINALISTAS  :                                                 JOSÉ MANUEL – JUANCHI – BEGO – COLLAZO

A herba do estadio de atletismo non tivo misericordia coas billardas e dificultou demasiado o seu avance cara aos varais. As puntuacións foron baixas en xeral. Unicamente 3 xogadores tiveron cifras de puntos de dous díxitos, Ricar 11 ptos, Collazo e Luís Gon 10 ptos. Todas as demais puntuacións quedaron por debaixo destes números e tan só Che, Bego, José Manuel e Juanchi estiveron cerca con 9 ptos. Salientar a vitoria de Collazo que a pesar de non ter unha boa actuación na fase de grupo, quedou terceiro con 3 ptos, despois non deu opción aos seus rivais nos cruces eliminatorios nin na final que completou en dous golpes. A billarda ten este ingrediente imprevisible que despois dun mal golpe pode vir un magnífico, ou non, e despois dun excelente golpe pode chegar un cativo, ou non. Ou sexa, sempre hai lugar para a esperanza de acertar co palán na billarda, cousa que fai deste deporte autóctono unha acción atraente e magnética. Así, Ricar e Luís Gon foron os xogadores que mostraron maior nivel na fase de grupo, con 9 e 7 ptos, respectivamente. Por outra beira, os 4 xogadores que chegaron á final quedaron terceiros nos seus grupos nesta primeira fase. Non obstante, despois foron avanzando eliminatorias e plantáronse na final a 4. A billarda é como a vida mesma, sempre nos confirma que debemos manternos vivas, vivos, e iso daranos a oportunidade de seguir vivindo (xogando) ata chegar ao final (á final).

Antes da xornada os postos das clasificacións xerais estaban tan xustos que se podían alterar despois de xogar en Cangas e así sucedeu nas categorías infantil e de equipos femininos. Agora, na individual infantil O Raio Verde encabeza a xeral 1 pto por diante de Hugo. En equipos femininos Gharaboto superou ao todopoderoso Valpaços e sitúase tamen 1 pto por diante.  Na xeral de equipos Corredoiras contivo o empuxe de Gharaboto e distanciouse 3 ptos máis, agora supera ao equipo de Marín en 4 ptos. Lúa de Forza perde parte do seu nome, a Forza, e xa queda a 23 ptos do primeiro posto. Bego consolidou máis o seu primeiro posto na categoría feminina e por detrás María Caride e Adriana van ter que loitar polas outras dúas prazas de podio. E ollo a Antía, quen nas dúas últimas xornadas conseguiu 9 e 6 ptos, cousa portentosa para unha palanadora en idade infantil. Na xeral absoluta non houbo cambio de líder, aínda que nalgún momento da xornada estivo preto esta posibilidade, pois Adri tivo unha irregular actuación para o que tiña acostumado facer, cousa que puido aproveitar Piru, quen avanzou ata semifinais, nas cales tivo un golpe para chegar á final. Tiña un golpe a dous metros da entrada do varal para eliminar a José Manuel, o da Adina golpeou ben, mais a billarda golpeou o chan antes da raia e o azar, as deusas ou o electromagnetismo telúrico fixo que a punta da billarda espichara na herba sen rodar nin un milímetro do lugar do impacto. José Manuel golpeou e entrou, Piru tamén entrou nese seguinte golpe. Empataron e no golpe de desempate pasou o Látego de Sar. En fin, a billarda ten estas cousas imprevisibles e inesperadas e hai que aceptalas, maldicilas ou poñelas ao clareo.

Daquela, esta temporada os títulos van ser indescifrables ata, ata… que se descifren. A única categoría que ten unha clara tendencia é a Feminina, na cal Bego manda con absoluta claridade.

FOTOCHARRI

SEGUINTE XORNADA 19 MARZO MOAÑA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *