Martes, Marzo 19, 2024
ActualidadeConferencia Rías BaixasLiga Nacional de Billarda

VINDEIRA xornada LNB RÍAS BAIXAS Vigo sábado 30 novembro

 

Despois de 7 xornadas os equipos xa están loitando polos seus correspondentes obxectivos. Así, estas xornadas disputadas falan de Gharaboto como alternativa a Corredoiras para o título. Lúa de Forza está na terceira praza e ten moi lonxe acercarse aos postos superiores e, tamén, está moi lonxe o equipo cuarto clasificado. Polo tanto, o equipo de Sanxenxo terá como obxectivo conservar esa praza que dá dereito a participar na FinaLNB 2020. Armadiña continúa na cuarta posición, a mesma na que finalizou a temporada pasada. Se o ano pasado tivo como rival para esta praza a Rinoceronte, esta temporada está sendo Laxe de Rons do Grove quen inquieta ao equipo de Poio. Rinoceronte está máis cerca da posición inferior que ocupa Valpaços Terra Quente que da superior. Deste xeito, o título é cousa de Corredoiras e Gharaboto, a última praza de podio, de momento só ten un candidato, Lúa de Forza. A zona media está encabezada por Armadiña a moi pouca distancia está Laxe de Rons. Na zona baixa están Rinoceronte e Valpaços que se xogarán o pechacancelas.

Na categoría de equipos féminas Gharaboto deu un paso importante na anterior xornada e agora supera a Valpaços en 34 ptos. Estes dous equipos volverán a loitar polo título. A terceira praza, que a temporada pasada foi claramente para Corredoiras, este ano Armadiña está máis cerca de inquietar ás xogadoras de Bueu. Lúa de Forza ocupa a quinta posición con poucas posibilidades de mellorar, ao igual que Laxe de Rons. Este equipo do Grove xa conseguiu o pechacancelas nas dúas temporadas anteriores nas que se disputou esta categoría.

 

As clasificacións individuais Absoluta e Feminina están encabezadas por Ricar e Bego cunha moi cómoda distancia sobre o segundo posto. Ricar con 21 ptos de media por xornada é inalcanzable na categoría Absoluta, só Piru, con 19 ptos de media, está a menos de 20 ptos de distancia do de Bueu. Os demais xa superan a vintena de ptos de desvantaxe. En canto a finalistas LNB, coma sempre, as últimas prazas están moi disputadas. A día de hoxe, sería Ricardo Lois o último xogador que entraría, pero, a unha distancia de 15 ptos del hai 10 palanador@s. Na Categoría Feminina, Bego ten unha vantaxe sobre Elena González de 24 ptos. Despois da de Gharaboto veñen varias xogadoras que todas elas son aspirantes a entrar nos postos de podio, daquela, a emoción está garantida en cada xornada.

Na categoría Infantil, a ausencia de Óscar Caldas permitiu a Hugo empatarlle na cabeza da clasificación. A 14 ptos de distancia dos dous sitúase Ainhoa, a terceira candidata ao título. Tanto Xián como Nerea son as opcións de futuro, pois, son máis cativos que os tres primeiros, mais teñen un talento innato evidente e en anos posteriores serán a referencia.

Coa chegada das choivas e o uso dos pavillóns a clasificación de Varados medrou. As sete prazas que darían dereito a participar na FinaLNB 2020 están ocupadas por grandes golpeadores de billarda, entre os que hai 3 Campións LNB de Varados. Polo tanto, vai ser difícil sacalos de aí. Non obstante, coa insistencia das precipitacións neste outono, o número de varados conseguidos vai aumentar pola visita aos pavillóns das Rías Baixas.

 

Para lembrar o acontecido a temporada pasada neste mesmo lugar CEIP Lope de Vega, aquí quedan algunhas fotos. Foi unha xornada na que o equipo local VAL aproveitou a súa condición e ganou nas dúas categorías de equipos. Histórico podio de Armadiña na categoría Absoluta con Óscar Caldas como ganador absoluto, e Vixo de terceiro. Ricar foi segundo. En Infantil ganou Hugo por diante de Ainhoa e Angel Esperón. En definitiva, o terreo de xogo volverá a ser propicio para Valpaços e Armadiña? Vixo está esperando esta xornada para iniciar a resurección?

 

Unha pista exterior de cemento e dúas baixo teito de cemento

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *