Luns, Outubro 7, 2024
ActualidadeXornada

Equipo de Billardeiros de Ribadeo conquistou en Vilaboa o ceo.

A xornada de Liga Atlántica de billarda Conferencia Noroeste estaba programada para xogarse no exterior. Non obstante, a situación atmosférica aconsellou acudir á pista polideportiva cuberta de Castro Laxe, a carón do parque de Tarreo en Vilaboa, no concello de Culleredo. Esta xornada, ademais de puntuar para a Liga, tiña o interese engadido que poñía en xogo 3 prazas para participar na SUPER COPA DE BILLARDA que se disputará o vindeiro 26 de marzo na Coruña e que será televisada en directo pola TVG2. Pois ben, esas prazas xa teñen nomes propios e son os de Manu Pozo de Billardeiros Musicais de Ribadeo, Cotelo de APB A Laracha e Alberte de Cochiqueiros da Billarda de Cerceda.
Queremos agradecer á Concellaría de Deportes da Coruña polos agasallos achegados para esta xornada e ao Concello de Culleredo por permitirnos usar a pista polideportiva cuberta de Vilaboa e á Asociación Cultural e Recreativa de Castro Laxe por abrir o seu local social anexo á pista polideportiva con servizo de bar e aseos.
Os resultados do xogo quedaron reflectidos nas sempre precisas puntuacións anotadas nas actas polas persoas que arbitran. Sempre precisas? Vaia, algunha que outra vez a suma deses números non ten a precisión necesaria como para ter a aprobación unánime do Tribunal de Contas. Tampouco queremos esaxerar nas nosas consideracións, xa que esta imprecisión matemática non é unha practica habitual ou común.
Queremos pensar e pensamos que foi unha estratexia máis de Cochiqueiros para superar a súa crise de resultados, que dura desde a temporada 2015-2016, último ano que participaron nas finais galegas por equipos. Ao equipo da cochica non lle funcionou a fusión durante varias temporadas co equipo de Malpica, nin tampouco resucitar a xogadores que deixaran a práctica activa e agora son zombis que se pasean polos campos de billarda. Nunha situación límite, o equipo de Cerceda tirou dun orzamento millonario esta temporada e os patrocinios permitíronlle fichar por enriba das posibilidades dos demais equipos Noroeste. Así, esta temporada xa teñen 22 fichas federadas, cousa impensable para un equipo que se debilitara tanto co paso dos anos que chegara a quedar, en sentido figurado, nos ósos. Eses ósos foron Berdi e Viqueira. Ben, as últimas incorporacións de Angel, Mosquera, Aleixo, Lucas, David e Txarli aínda non están influíndo nos resultados de maneira positiva, cousa que levou ao equipo madrugador de Cerceda a acudir á táctica de sumar de menos as puntuacións dos equipos rivais. Que pena!
En fin, na acta do grupo 1, a suma das puntuacións de Ricardo 4+4+1+4 = 12, debería ser = 13. Xa se fixeron as correccións precisas na clasificación xeral. Este erro provocou que Ricardo quedara cuarto de grupo cando lle correspondería ser terceiro e con iso tería que encadrarse noutro cruce eliminatorio, mais, agora xa foi e APB tampouco presentou escrito de reclamación.

Manu Pozo de Billardeiros Musicais de Ribadeo ganou a xornada, seguido de Cotelo de APB A Laracha e terceiro foi Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo. En categoría Feminina, Geni de Billardeiros subiu ao máis alto, segunda Mercedes de Campo da Feira de Paiosaco e terceira Silvia de Cochiqueiros de Cerceda. En categoría Infantil, Abel Ponte de Campo da Feira quedou primeiro, segunda foi Aroa de Billardeiros Musicais e terceiro foi Nuno de Filloas de Sangue da Coruña. Na categoría de Equipos, ganou Billardeiros, segundo foi APB e terceiro Campo da Feira. />

Salientar o debut de varios xogadores de Cochiqueiros, equipo histórico e que vive na parte baixa da clasificación desde hai demasiado tempo. Ata altas horas da madrugada do sábado estiveron peneirando o mercado exterior e interior. Finalmente, a iso das 5 da mañá, encontraron ao Tkirikilari Txarli desorientado e deambulando polas xélidas rúas de Cerceda en camiseta de asas. En fin, fixéronlle ficha e a xogar ! Fixo o que puido, que foi moito, manterse erguido e desafiar ao frío en mangas de camisa. Na foto de abaixo, pódese apreciar o contraste da vestimenta do Txarli e das demais persoas humanas.

Billardeiros Musicais de Ribadeo fixo o seu debut esta temporada e fíxoo de maneira espectacular. O equipo de Ribadeo case fixo un pleno nas 4 categorías. Así, foi primeiro en Equipos, Manu Pozo primeiro en Absoluta, Geni primeira en Feminina e Aroa segunda en Infantil. Soberbia actuación de Manu Pozo 25 ptos e ganador da xornada, Daniel 20 ptos, Basilio 20 pts e Franco 18 ptos, para un total de 83.  Nin o todopoderoso Campo da Feira puido facerlle fronte ao equipo da música. Ademais, APB foi segundo en equipos, empatado a ptos co equipo de Paiosaco, cuarto foi Filloas de Sangue. A distancia entre FIL e APB foi de 2 ptos, cousa que lle permite ao equipo da Coruña manterse na segunda praza. A loita continuará ata o final, afirmaban os compoñentes da hemorráxica da Laracha, no seu intento de resistir o empuxe de Filloas.

O equipo coruñés está firme e resiste nesa segunda praza tan desexada. Grandes actuacións dos tenores Gándara 21 ptos, Lois Fontán 19 e Miranda 19 ptos e inesperada, mais, excelente puntuación de Corral 16 ptos. APB tivo en Cotelo o seu alicerce con 24 ptos e segunda posición final da xornada, Bieito, 20 ptos, Roi 19 ptos e Ricardo 14 ptos para un total de 77 ptos. Campo da Feira, contou co seu líder Collazo 21 ptos, Óscar Ponte 20 ptos, Enrique 19 ptos e Eladio 17 ptos, para un total de 77 ptos. Cochiqueiros, semellouse moito a un equipo de zombis pois os seus mellores xogadores foron os resucitados Alberte cos seus 15 ptos e Mosquera 12 ptos. Tamén, contribuíron ao equipo Angel 11 ptos e Berdi 11 pts.

Por outra beira, Xulia, xa é a benxamina do Noroeste. Temos un vídeo do xa coñecido como o Xiro de Xulia, unha maneira de golpear só ao alcance de corpos miúdos e flexibles ata a inocencia.

Por favor, non se recomenda imitar a Xulia. Hai moitas probabilidades de saír da protección da forza da gravidade e sufrir unha grave lesión muscular ou ligamentosa.

FOTEGASA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *