GHARABOTO REAFIRMA O SEU LIDERADO EN POIO. XAN RODIÑO GANA A XORNADA. BEGO PRIMEIRA EN FEMININA. RAIO VERDE PRIMEIRO EN INFANTIL
En Poio todo parecía preparado para que a Armadiña reconquistase a praza de podio que perdera na xornada pasada, mais a enerxía cósmica, o universo, os astros ou quen sexa que lanza os dados da fortuna, non se acordou do equipo de Combarro. Incluso, nas últimas horas do venres o equipo celeste confirmou a incorporación de Papi, Gael, André e Martín Castro, estes tres últimos xogadores en idade infantil, para reforzar a súa armadura competitiva. A fichaxe de Papi é unha aposta estratéxica, pois esta temporada o equipo armadiño quere, desexa e anhela unha das tres primeiras prazas que lle dea acceso ás finais galegas. A actuación de Papi foi excelente, así como foron boas as de Manu e Peque, mais Cho (o ata agora número un do equipo volveu a encontrar dificultades no seu golpeo) e Diego non estiveron a bo nivel, cousa que lastrou a puntuación final do equipo.
Gharaboto de Marín ganou en equipos, segundo foi Lúa de Forza Sanxenxo e terceiro Corredoiras de Bueu. Os tres grandes das Rías Baixas volven a impoñer o seu poderío.
En escuadras femininas ganou Gharaboto, seguido de Valpaços Terra Quente de Vigo e de Corredoiras.
En infantil, O Raio Verde, Xián, de Lúa de Forza Sanxenxo foi primeiro, segunda foi Antía e terceiro Hugo, de Gharaboto os dous.
En categoría Feminina ganou Bego de Corredoiras, segunda foi a infantil Lucía de Valpaços Terra Quente de Vigo, e terceira María Caride de Gharaboto.
A xornada ganouna Xan Rodiño de Lúa de Forza, segundo foi Álvaro de Gharaboto e terceiro Chicho de Lúa de Forza.
O campo de herba sintética da Reiboa foi exixente e só 7 puntuacións chegaron á decena de ptos. O resto da participación (71) non chegaron aos 10 ptos. O vento nordés sopraba sobre as billardas e facía máis difícil do habitual golpealas no aire. O ceo foi benigno e deixou que o sol brillara para deleite da rapazada. Non obstante, había que abrigarse ben, xa que, o aire do norte non se acercou a Poio para facer amigas, nin amigos. Salientar que reapareceu en Corredoiras Fari, o xogador máis musculoso e con mellor flexión e extensión de brazo no golpeo de todo o Morrazo. O de Bueu achegou 6 ptos para o equipo. Despois, está o caso de Charri, que desde que pasou polo quirófano non pasou da fase de grupos, cousa moi estraña nun palanador das súas condicións. Acaso, a cirurxía que reparou as súas avarías foi máis alá do seu obxectivo e afectou a algún órgano esencial? Será que a raíz de que Risto Mejide lle dixo, “para mí es un No, Charri“, o de Beluso entrou en pánico e perdeu a fe nas súas capacidades? En definitiva, Charri, amigo, recupérate canto antes… ou, como ti vexas!
Non debemos nin queremos esquecer que o Ciclón de Moscoso volveu sacar o seu poderoso corno e mandou a billarda dun só golpe ata detrás da liña do varal. Si, fixo un Varado, e xa van dous en total, cousa que lle permite encabezar a clasificación xeral desta especialidade.
Sumados os ptos da xornada a clasificación xeral queda encabezada por Piru, quen atravesa un oasis de resultados, segundo é Che que mantén a boa xeira e semella esquecida a súa irregularidade doutras temporadas. Adri mantense ao axexo do liderado e continúa acumulando boas puntuacións. Co liderado de Piru, xa van 5 líderes diferentes nas 6 xornadas de liga, cousa nunca antes vista. Xan con 50 ptos gana posicións e acércase á zona de podio. Daniel que partía a xornada com colíder tivo unha actuación moi discreta e agora está quinto cos mesmos 50 ptos que o cuarto. Hai que dicir que o de Gondar xogou cunha lesión de ombro que o limitou demasiado. O trío de Armadiña, Manu, Peque e Cho seguen e conseguen estar a un paso do podio da xeral. Os dous primeiros están mostrando unha regularidade sorprendente e podemos afirmar que esta vez si hai que contar con eles para o título. Cho, xogador de talento descomunal, nas dúas últimas xornadas mostrou o seu perfil máis irregular, cousa que sabemos non o vai desanimar. Álvaro deu un paso de xigante co seu segundo posto e xa se mete na zona Dez. Ricar xa recuperou o seu golpeo seguro e firme e a pesar de faltar a unha xornada xa entra na zona Dez a 14 ptos do primeiro posto. Xa hai que contar con el para o título.
PIRU | GHA | 59 |
CHE | RIN | 58 |
ADRI PASTO | COR | 55 |
XAN | LÚA | 50 |
DANIEL | RIN | 50 |
MANU | ARM | 48 |
PEQUE | ARM | 48 |
ÁLVARO | GHA | 46 |
CHO | ARM | 46 |
RICAR | COR | 44 |
CHICHO | LÚA | 39 |
XIÁN INF | LÚA | 39 |
BENI | COR | 38 |
BEGO | COR | 37 |
HUGO INF | GHA | 33 |
GELÍN | GHA | 32 |
LUÍS CAMIÑA | GHA | 30 |
RICARDO LOIS | GHA | 30 |
MARTÍN | LÚA | 30 |
RICOY | LÚA | 29 |
CAROLO | LÚA | 29 |
CRIS | RIN | 29 |
ADRIANA | VAL | 28 |
CHARRI | COR | 25 |
YAIZA | VAL | 24 |
Para ver as demais clasificacións picar enriba de clasificacións.